Xosé Ramón Cando Vázquez
Afirmaba Confucio que para formar a recta vontade
teriamos, primeiro, que coñecer a natureza das cousas. Nunha perspectiva
próxima se situaban Sócrates, Platón ou Aristóteles que sostiñan a equivalencia
entre o saber e a perfección moral. Mais radical era Epicuro subliñando que o
estudo da physis so era pertinente canto á construción da ética, non como un
fin en si mesmo. Todos estes pensadores coincidían na consideración do saber
como ferramenta liberadora da vontade humana da súa dependencia, maior ou
menor, da necesidade, propia do carácter cego da natureza. Pódese afirmar,
deste xeito, que a historia da filosofía e a historia do esforzo levado a cabo
pola humanidade para facerse cargo da autonomía que o desenvolvemento do logos
puxo ao seu dispor.
Cando se menciona o saber, faise referencia, en xeral, ao
coñecemento do real, da “natureza das cousas” tal como o expresa Confucio ou ás
“esencias” que Sócrates aprendeu a definir. A “sabedoría” é un estadio que se
contempla ao lonxe, que Platón considera de moi difícil acceso e que
Aristóteles entende como un obxectivo inalcanzable aínda que como unha
referencia necesaria. De todos xeitos, estes filósofos intentan ir mais alá do
que aparece, pero, por enriba de todo interróganse verbo da orixe do obxecto de
coñecemento pero tamén encol do “telos”, da finalidade do mesmo. Velaí a
actualidade do seu pensamento como antítese da razón instrumental predominante.
Os privilexiados intelectos que gobernan a pedagoxía
actual decidiron que o saber en si mesmo non contén ningún valor formativo polo
que os currícula educativos deben estar artellados mediante o que denominan
“competencias”, ou sexa, a educación formal está destinada a “aprender a
facer”. Sen negar a importancia de “aprender a facer”, discúteselle o monopolio
dos contidos educativos e faise constar a semellanza de “facer” con “producir”.
Que diría Pierre Bourdieu? Se cadra que a reprodución que el constataba, agora
salta “impúdica” á vista de todas e todos. Nesta formulación educativa
adivíñase a ideoloxía dos tempos, o trunfo da tecnociencia que non busca o
saber senón a manipulación da natureza e o control da sociedade, utilizando
como soporte a maxia portentosa da tecnoloxía.
Os pensadores da Escola de Frankfurt buscaron as
coordenadas ideolóxicas deste tempo, na liña dos filósofos mencionados
anteriormente, producindo respostas como as de Marcuse ou as de Habermas que
poñen de manifesto a hexemonía incontestable da razón instrumental, por enriba
doutras reflexións sobre causas e consecuencias que transcendan o inmediato.
Neste contexto, faise referencia ao trunfo do nazismo como unha expresión desa
mesma razón e, como exemplo, sinálase a
resposta de Adolf Eichmann ante o tribunal que o xulgaba como responsable da
organización da “solución final ao problema xudeu”: “o meu cometido era que os trens chegasen á
súa hora, a carga que puidesen levar eses convois non era da miña incumbencia”.
A circunstancia mais dramática (se cada pódese dicir
tráxica) deste uso irresponsable da razón atopámola nos líderes das empresas
contaminantes que prefiren contribuír á destrución do seu propio hábitat e polo
tanto á súa propia destrución antes que reducir dividendos para prover ás
factorías dos sistemas de depuración apropiados, sen privarse de utilizar todo tipo de
argumentos “ad hoc”. (lémbrese a renuencia a aceptar as causas humanas do
cambio climático e mesmo como sucede con Trump ou co primo de Rajoy a negación
da existencia mesma de dito cambio). Que clase de consciencia permite ver o
beneficio económico inmediato sen sentirse alarmada pola inutilidade letal do
mesmo? Pois esa, a razón instrumental.
De parecida dramaticidade resulta constatar como
determinados slogans de propaganda política que
unha boa parte da sociedade asocia con tempos nada democráticos xa
superados, poden resultar moi atractivos, mesmo excitantes, para outra parte da
sociedade. Non se trata do significado denotativo das palabras senón das
connotacións que a súa exclamación carrexa, ou mais preocupante, dos contidos
ideolóxicos que agacha. Un “Viva España” ou outras exclamacións
semellantes, segundo o contexto ou segundo as voces que as pregoan, poden
significar a expulsión do Estado da actividade económica e polo tanto a
desaparición das prestacións que dependen da solidariedade social administrada
polo mesmo, entre as que está a sanidade pública, a educación pública ao
alcance de todos e todas, as pensións en todas as súas modalidades, etc. De
feito, a forza política que está a apropiarse do slogan citado explicitamente, defende positivamente a economía neoliberal e
as súas vantaxes. Que razón pode fundamentar a posición de apoio a esa forza
política de determinados grupos sociais
menos favorecidos, que o trunfo do neoliberalismo podería conducir á
marxinalidade? Pois esa, a razón que non se interroga sobre motivacións e
finalidades mais alá do inmediato.
Publicado no Progreso o 16-11-2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario