José Domingo de Prada
Esta próxima semana vaise celebrar o III Foro Galego de Filosofía, organizado
polo Grupo Doxa. O título xenérico escollido este ano é case un oxímoro: Ética e capitalismo. É evidente que se
atendemos á practica do capitalismo á que estamos asistindo nos últimos anos é
así. Aínda que a contradición, se nos fixamos ben, vén de lonxe.
Cando se describe a actual situación do capitalismo, utilízanse distintas
expresións: «capitalismo
sucedáneo ou estado de codicia» (Joseph Stiglitz), «capitalismo
financiarizado» (Sami
Naïr), «capitalismo
de casino» (Cesar
Rendueles). Todas veñen a concluír no mesmo: falta de ética á hora de acumular
riqueza, desposesión da necesaria humanidade, egoísmo e carencia de
solidariedade. Todas elas desvelan a mesma consecuencia, detrimento da democracia
e inmediato incremento da plutocracia, exercicio privado, particularizado e
asocial do poder, maximizado no que hoxe denominamos, non sen certo eufemismo,
‘porta xiratoria’.
Ao longo da historia a miseria humana tense manifestado de moitos xeitos,
desde as actitudes de crueldade e falta de empatía, ás fanáticas. Pero no
século XXI, no avanzado primeiro mundo, esa mostra da miseria inxénita refínase.
Para nós o principal estímulo é a acumulación. Acumulamos bens mobles, dende
cartos a teléfonos móbiles, por exemplo; bens inmobles, dende casas a parcelas
na lúa, que se comercializan xa hai anos; coñecementos, dende teorías
filosóficas a medicinas; tecnoloxías, que exhibimos ou ocultamos en función dos
nosos intereses crematísticos; relacións negociadas, que non humanas, pois
estas últimas si que enriquecen, pero ao carecer de cotización bursátil non
adoitan ser recoñecidas. E, sobre todo, tendemos a acumular horas de vida.
Aquí está un dos principais problemas deste capitalismo, os individuos
viven moito, e sobre todo, viven moito desde que deixan de ser produtivos, así
que o neocapitalismo ten que recortar os servizos e coidados que oferta aos cidadáns.
As elites acumulan riqueza na medida que se aforra gasto nos cidadáns e na súa
vida digna. Este feito, mais a privatización do público, está significando
nestes momentos o exercicio dunha descarada política de dominación na que os
beneficios son apropiados polas elites e as perdas son socializadas entre a
xeneralidade da poboación. Pero non nos enganemos, isto non é só avaricia, que
tamén, é primariamente unha estratexia de poder, un enfrontamento de forzas nas
que o control dos aspectos económicos capacita para controlar outros factores: políticos,
legais, intelectuais, medios de comunicación ou imaxinarios colectivos.
Todo camuflado tras a “información crucial que se perde nas relacións de
mercado” (Polanyi). En fin, que se pode esperar dunha sociedade constituída
sobre ese lugar de engano chamado mercado ao que todos acoden, acudimos,
ocultando as nosas verdadeiras intencións?
Así pois, nesta próxima semana realizaremos unha posta en común sobre estes
temas nun foro aberto de discusión que se iniciará coas seguintes
intervencións:
Mércores 12: «Capital,
monstros e economía moral» na
que a Catedrática de Antropoloxía da UNED, Paz Moreno, analizará como a ruptura
da economía moral e a súa substitución polo capitalismo global se simboliza na
creación de figuras monstruosas nos pobos africanos e andinos e percorrerá o
paralelismo coa crise do primeiro capitalismo e os monstros que se xeraron.
Xoves 13, «Utopía
dixital e cambio político», nela
o Profesor de Socioloxía da Universidade Complutense de Madrid, César Rendueles,
explorará o papel que xogan as novas tecnoloxías da comunicación e as redes
sociais no imprescindible proceso de emancipación política fronte ao mercado
que esta necrosando o estado do benestar e a propia democracia.
Venres 14 «Os límites
da prosperidade no capitalismo. Unha relación dialéctica: Ficción e realidade». O Catedrático de Economía da Universidade
Vigo, Xosé Luís Outes, enfrontará conceptos clásicos como benestar, pobreza,
loita de clases, financiarización, oligarquía, desigualdade e tratará de
indagar posibles alternativas.
Queda aberta a invitación a toda a sociedade lucense para asistir e
participar neste espazo de reflexión, sobre nós mesmos e sobre a sociedade que
construímos e na que vivimos. As conferencias terán lugar no Refectorio do
Museo Provincial, ás 20,00 horas.
Pulicado no Progreso o 8-11-2014