domingo, 9 de noviembre de 2014

Ética e capitalismo


            José Domingo de Prada 

Esta próxima semana vaise celebrar o III Foro Galego de Filosofía, organizado polo Grupo Doxa. O título xenérico escollido este ano é case un oxímoro: Ética e capitalismo. É evidente que se atendemos á practica do capitalismo á que estamos asistindo nos últimos anos é así. Aínda que a contradición, se nos fixamos ben, vén de lonxe.
Cando se describe a actual situación do capitalismo, utilízanse distintas expresións: «capitalismo sucedáneo ou estado de codicia» (Joseph Stiglitz), «capitalismo financiarizado» (Sami Naïr), «capitalismo de casino» (Cesar Rendueles). Todas veñen a concluír no mesmo: falta de ética á hora de acumular riqueza, desposesión da necesaria humanidade, egoísmo e carencia de solidariedade. Todas elas desvelan a mesma consecuencia, detrimento da democracia e inmediato incremento da plutocracia, exercicio privado, particularizado e asocial do poder, maximizado no que hoxe denominamos, non sen certo eufemismo, ‘porta xiratoria’.
Ao longo da historia a miseria humana tense manifestado de moitos xeitos, desde as actitudes de crueldade e falta de empatía, ás fanáticas. Pero no século XXI, no avanzado primeiro mundo, esa mostra da miseria inxénita refínase. Para nós o principal estímulo é a acumulación. Acumulamos bens mobles, dende cartos a teléfonos móbiles, por exemplo; bens inmobles, dende casas a parcelas na lúa, que se comercializan xa hai anos; coñecementos, dende teorías filosóficas a medicinas; tecnoloxías, que exhibimos ou ocultamos en función dos nosos intereses crematísticos; relacións negociadas, que non humanas, pois estas últimas si que enriquecen, pero ao carecer de cotización bursátil non adoitan ser recoñecidas. E, sobre todo, tendemos a acumular horas de vida.
Aquí está un dos principais problemas deste capitalismo, os individuos viven moito, e sobre todo, viven moito desde que deixan de ser produtivos, así que o neocapitalismo ten que recortar os servizos e coidados que oferta aos cidadáns. As elites acumulan riqueza na medida que se aforra gasto nos cidadáns e na súa vida digna. Este feito, mais a privatización do público, está significando nestes momentos o exercicio dunha descarada política de dominación na que os beneficios son apropiados polas elites e as perdas son socializadas entre a xeneralidade da poboación. Pero non nos enganemos, isto non é só avaricia, que tamén, é primariamente unha estratexia de poder, un enfrontamento de forzas nas que o control dos aspectos económicos capacita para controlar outros factores: políticos, legais, intelectuais, medios de comunicación ou imaxinarios colectivos.
Todo camuflado tras a “información crucial que se perde nas relacións de mercado” (Polanyi). En fin, que se pode esperar dunha sociedade constituída sobre ese lugar de engano chamado mercado ao que todos acoden, acudimos, ocultando as nosas verdadeiras intencións?
Así pois, nesta próxima semana realizaremos unha posta en común sobre estes temas nun foro aberto de discusión que se iniciará coas seguintes intervencións:
Mércores 12: «Capital, monstros e economía moral» na que a Catedrática de Antropoloxía da UNED, Paz Moreno, analizará como a ruptura da economía moral e a súa substitución polo capitalismo global se simboliza na creación de figuras monstruosas nos pobos africanos e andinos e percorrerá o paralelismo coa crise do primeiro capitalismo e os monstros que se xeraron.
Xoves 13, «Utopía dixital e cambio político», nela o Profesor de Socioloxía da Universidade Complutense de Madrid, César Rendueles, explorará o papel que xogan as novas tecnoloxías da comunicación e as redes sociais no imprescindible proceso de emancipación política fronte ao mercado que esta necrosando o estado do benestar e a propia democracia.
Venres 14 «Os límites da prosperidade no capitalismo. Unha relación dialéctica: Ficción e realidade». O Catedrático de Economía da Universidade Vigo, Xosé Luís Outes, enfrontará conceptos clásicos como benestar, pobreza, loita de clases, financiarización, oligarquía, desigualdade e tratará de indagar posibles alternativas.

Queda aberta a invitación a toda a sociedade lucense para asistir e participar neste espazo de reflexión, sobre nós mesmos e sobre a sociedade que construímos e na que vivimos. As conferencias terán lugar no Refectorio do Museo Provincial, ás 20,00 horas.

Pulicado no Progreso o 8-11-2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario