martes, 26 de junio de 2018

Colapso e malestar social


M. A. Martínez
 
            Nas sociedades modernas o colapso social adoitaba tomar a forma de cambio, revolución, revolta social. Porén, nas sociedades posmodernas o colapso non produce estes efectos. Razón pola que debe ser pensado doutro modo.
            As sociedades actuais son complexas. Isto quere dicir tres cousas. Primeira, a cantidade e densidade da información en circulación reborda as capacidades perceptivas de cada individuo. O individuo convértese nun pensador falaz: toma a parte polo todo. A “falacia de composición” é a norma do seu pensamento. Segunda, a velocidade da información supera a capacidade do individuo de elaborar signos comprensivos. Isto empúrrao a sentimentos de frustración e rabia, a descualificar o que non entende. Terceira, a información utilizada como “shock” emocional, polos produtores e/ou emisores, anula, nos receptores, a capacidade de discriminar verdade e mentira. As consecuencias son a ignorancia e o odio ao outro. Prodúcese, de vagar, o fenómeno da disrupción.
            A disrupción é o efecto producido pola irrupción dun evento non predicible nunha cadea de informacións, acontecementos, signos. Na sociedade dixital as disrupcións tenden a proliferar porque a sobrecarga de información fai que os axentes humanos sexan incapaces de gobernar a complexidade sistémica das estruturas sociais e tecnolóxicas. Tamén a diversidade e extensión dos seus efectos. Acompañando a esta disrupción está a morfostasis. É o proceso polo cal un sistema mantén intercambios coa súa contorna sen que isto altere as súas condicións internas. Sen modificar o seu equilibrio e bo funcionamento. Nas sociedades actuais a disrupción casa ben coa morfostasis. Por que?
            Nas sociedades modernas as disrupcións (crises agrarias, económicas, tecnolóxicas, por exemplo) debilitaban as estruturas de poder, fornecían as condicións e oportunidades para o cambio social. Nesas sociedades non complexas, calquera poder (civil, económico, militar, relixioso, entre outros) podía cambiar a organización social de tal modo que facía xurdir unha situación histórica nova. Porén, nas sociedades dixitais, nas que a densidade e velocidade da información é demasiado intensa para ser elaborada consciente e criticamente por cada individuo, as disrupcións tenden a ser morfostáticas. Non son revolucionarias. Reforzan os patróns causais que as producen.
A explicación é simple: canto máis complexo se torna un sistema, máis coñecemento debe concentrarse (recollerse, analizarse, distribuírse). Ata o punto que o sistema se converte en inaccesible, na súa totalidade, para cada un dos individuos. Non se trata de que cada individuo non saiba manexar un fragmento ou perspectiva do sistema. Tampouco de que cada individuo estea instalado, mellor ou peor, nunha parte do todo. O que se revela é que non sabe nada do sistema e o seu funcionamento global. Vive alleado do “todo”, cuxa existencia, para el, é só imaxinaria e, polo tanto, falsa. Pura ideoloxía. O “todo”, en realidade, só é coñecido polos que manexan a súa complexidade e seleccionan os individuos que acceden ás súas regras de xogo.
            As sociedades posmodernas empregan as disrupcións para afianzar e incrementar a complexidade sistémica. Estados de pánico financeiro, catástrofes climáticas, desastres humanitarios, movementos nas redes sociais, crises migratorias, son exemplos de fenómenos disruptivos. Mais, as reaccións a cada un deles tenden, con frecuencia, a reforzar as súas causas.
            A sociedade posmoderna semella incapaz de xerar formas de solidariedade crítica e  consciente que poidan cuestionar esta deriva sistémica. Por exemplo, por que hai que empregar a dixitalización masiva como maneira de minimizar algunhas disrupcións cando, en realidade, as converte en inabordables? Por que facer chamamentos ao “humanitarismo” cando fan incomprensibles algúns fenómenos disruptivos e alimentan a morfostasis?
            Nunha situación de complexidade informativa, e alta pluralidade social, o individuo semella non encontrar o camiño para lograr unha autonomía satisfactoria. Vive nun malestar de duración indefinida. Unha sensibilidade só conectada cun intelecto dixital, e un intelecto só vinculado a unha sensibilidade hiperestimulada, non son o mellor medio para remediar o malestar que eles mesmos crean.

Publicado no Progreso o 23-6-2018

domingo, 17 de junio de 2018

Filosofía/psiquiatría para corruptos


Xosé Ramón Cando Vázquez
 
A semana anterior escoitei falar pola radio ao admirado Emilio Lledó quen, interpelado pola  xornalista-locutora encol da sentenza do caso Gurtel, formulou, con desacougo, a seguinte interrogante: que teñen na cabeza estes personaxes e como chegou a estar aí? Tentaremos, modestamente, botar algo de luz sobre isto dende a perspectiva filosófica sen esquecer, así mesmo, a vertente  psicolóxica.
Podemos afirmar que Zaplana, Correa ou Bárcenas son persoas ignorantes?  Dende o punto de vista  común  semella, cando menos,  arriscado tal aserto. Non obstante, Platón, igual ca Sócrates, estarían en desacordo con nós e tentarían convencernos de que ningún home (ser humano) fai o mal  dende o coñecemento da súa maldade. Defendía Platón que o coñecemento do Ben (así, con maiúsculas) ten carácter engaiolador, irrenunciable, ou sexa que coñecido o Ben, a ninguén lle apetecería facer ningunha cousa estraña ao ámbito da bondade. Pero tamén dicía Platón que o coñecemento do Ben e o cume mais alto que se pode acadar, a meta que debe marcarse todo home (ser humano) digno de selo, o estadio mais sublime do saber. De todos xeitos, Platón non debía ter moi clara a accesibilidade desa Idea porque, aínda que entendía que para os gobernantes debía ser unha ferramenta imprescindible, tamén deixou establecido, na República, que esa clase social debía carecer de calquera propiedade ou ben económico como xeito de evitar o que hoxe en día parece inevitable, polo menos no que partillamos como España.
Podemos afirmar que os mencionados delincuentes son persoas, intelectualmente, menores de idade? Probablemente non, aínda que Kant insistiría no contrario xa que ser maior de idade implica ser libre e polo tanto entrar no territorio do universalismo moral. Esta categoría resulta inalcanzable  se non somos quen de practicar unha moral formal baseada no imperativo categórico, mediante o que a razón ordena á vontade facer o que está ben, independentemente das súas consecuencias (non é compatible coa dignidade humana agardar premios ou castigos como resultado das nosas accións).
Finalmente, podemos afirmar que os actos aludidos e reprobados polos tribunais de xustiza gardan relación con algún trastorno psicolóxico? Aparentemente non, a sentenza non fai alusión a ningún tipo de patoloxía incapacitante ou, no seu caso, alienante nas persoas condenadas. Non obstante, sería pouco prudente descartar, de maneira radical, a existencia de posibles afeccións das que tradicionalmente se entendían como vicios e agora se coñecen como adiccións. Así falamos de sexo-adicto, ludópata ou cleptómano, entre outras, mentres que tradicionalmente se dicía putañeiro,  xogador ou ladrón, sendo este cambio de denominación indicativo da desaparición da liberdade nas persoas referidas que pasan de ser responsables dos seus actos  a estaren determinadas pola súa patoloxía, no que semella un contexto de progresiva infantilización colectiva e de ausencia de asunción de responsabilidades. Seguindo coa tendencia de hoxe en día, enténdese por adicción: “Inclinación ou tendencia do ánimo moi difícil de evitar” de xeito que a acumulación compulsiva de riquezas encaixaría perfectamente nesta categoría e as persoas que a realizan deberían ser consideradas adictas. A sociedade tende a combater as adiccións considerando os efectos negativos que das mesmas se derivan para a convivencia, para as relacións sociais ou para a saúde pública e con ese obxecto empréganse recursos publicitarios e coercitivos pero tamén se fai uso da medicina. No caso que nos ocupa, son de dominio público os nomes de Mariano Rubio, Luís Roldán, Mario Conde, Javier de la Rosa, Eduardo Zaplana, Francisco Correa, Luís Bárcenas ou Iñaqui Urdangarín, todos eles condenados por actividades delitivas encamiñadas a acadar fortunas que, dados os seus cometidos profesionais, excederían a satisfacción das súas necesidades e tendo, polo menos algúns deles, nalgún momento, a consideración social de modelos de comportamento dignos de ser imitados. Polo que parece non foron obxecto de tratamento médico ao efecto!
Recuperando o enfoque que aquí se defende, de maneira semellante á reacción que tivo lugar nos sectores mais maduros da sociedade a raíz da modelización operada  nos anos 60 e 70 dende idealización da tríade “sexo, droga e rock” que tanto dano ten producido pola proliferación de condutas irresponsables asociadas ao ascenso ao paraíso dacabalo desa trinidade, sería intelixente, dende a perspectiva do ben común, activar unha desmitificación equivalente en relación co perseguido acceso ao edén arrendando o cabalo da cobiza.

Publicado no Progreso o 16-6-2018

sábado, 9 de junio de 2018

Violencia cotiá


José Domingo de Prada

É coñecido de todos o apotegma de Clausewitz “a guerra é a continuación da política por outros medios”. Se se dá certa credibilidade ao militar e historiador prusiano descóbrese que esa continuidade ten como nexo común a violencia. É esta última quen sustenta os dous tipos de accións, manifestándose de forma dispar segundo se trate dun caso ou doutro, pero efectivamente atopándose na base de ámbalas dúas.
Na guerra a violencia é explícita, explosiva, fere fisicamente, provoca náuseas, ensucia. Na política, en cambio, é implícita, agochada baixo formas corteses; procúrase acuosa (esvaradía, inodora e ata insípida) e, sobre todo, allea.
Nas nosas sociedades actuais non entendemos a guerra, porén, desprezamos a violencia física, pero non por iso nos opoñemos ao dano e ao dolor fáctico do outro, pois disimulamos ou directamente admitimos a violencia política. Aínda máis, como advirte o filósofo Slavoj Zizec estamos rodeados dun tipo de violencia que non vemos porque se dá como violencia sistémica, é dicir, como violencia inevitable para o funcionamento das sociedades e das institucións. Así, esta violencia sistémica é asumida polos suxeitos e pasa a ser natural e invisible; como tal, desde ese mesmo instante, ninguén se enfrontará a ela e pasará a constituír o noso marco de referencia, pois está tan integrada na paisaxe da nosa vida que a súa detección fica unha tarefa de heroes.
Vivimos nunha distopía de estilo orwelliano, na que se expresan violencias extremas que non necesitan torturas nin guerras, senón que se manteñen e propagan a través da violencia do desexo, da linguaxe ou do esquecemento. Estas formas de violencia son as máis difíciles de recoñecer e, polo mesmo, aquelas ante as que quedamos indefensos e inermes con máis facilidade. Hai máis de medio século Theodor Adorno reflexionaba sobre como a aparencia de racionalidade das sociedades burguesas se fundamenta na “incesante inxustiza mediante o dereito” e igualmente advertía sobre a amnesia histórica ou a degradación da linguaxe en xerga. Todos estes elementos violentan as sociedades de forma paulatina e atrofian a reacción, xa que nos acomodamos a esta violencia que se va instalando a través da ideoloxía ata facerse sistémica.
O despotismo actual actúa sobre nós, cidadáns das democracias occidentais, violentando a nosa percepción da realidade a través de prexuízos, normalidades impostas, conformismos, desexos e sobre todo, intereses. Esta é a violencia coa que convivimos, a que caracteriza este comezo do século XXI, a da imposición de intereses. Cada quen loita, (vale dicir nunha guerra sen cuartel) para impoñer o seu interese específico, o do seu grupo e á vez derrubar o dos outros. É paradigmático neste senso, a loita por impoñer o desexo particular como interese xeral e así presentalo como lexítimo.
É tal a invasión de intereses nas nosas sociedades que poderíamos remedar a Clausewitz e dicir que hoxe “a economía é a continuación da guerra por outros medios”. Queda así a política nun terceiro plano, e en posición subordinada respecto da guerra e da economía. Ao mesmo tempo esta última pasa a ser unha mera contraposición de intereses.
Que lonxe aquel “oikos” que vixiaba a boa administración do fogar! E, que perdidos na violenta guerra crematística dos intereses de todo tipo e de todos contra todos!

Publicado no Progreso o 9-6-2018