Xosé Ramón Cando Vázquez
A semana anterior escoitei falar pola radio ao admirado Emilio Lledó quen,
interpelado pola xornalista-locutora
encol da sentenza do caso Gurtel, formulou, con desacougo, a seguinte
interrogante: que teñen na cabeza estes personaxes e como chegou a estar aí?
Tentaremos, modestamente, botar algo de luz sobre isto dende a perspectiva
filosófica sen esquecer, así mesmo, a vertente
psicolóxica.
Podemos afirmar que Zaplana, Correa ou Bárcenas son persoas
ignorantes? Dende o punto de vista común
semella, cando menos, arriscado
tal aserto. Non obstante, Platón, igual ca Sócrates, estarían en desacordo con
nós e tentarían convencernos de que ningún home (ser humano) fai o mal dende o coñecemento da súa maldade. Defendía
Platón que o coñecemento do Ben (así, con maiúsculas) ten carácter engaiolador,
irrenunciable, ou sexa que coñecido o Ben, a ninguén lle apetecería facer
ningunha cousa estraña ao ámbito da bondade. Pero tamén dicía Platón que o
coñecemento do Ben e o cume mais alto que se pode acadar, a meta que debe
marcarse todo home (ser humano) digno de selo, o estadio mais sublime do saber.
De todos xeitos, Platón non debía ter moi clara a accesibilidade desa Idea
porque, aínda que entendía que para os gobernantes debía ser unha ferramenta
imprescindible, tamén deixou establecido, na República, que esa clase social
debía carecer de calquera propiedade ou ben económico como xeito de evitar o
que hoxe en día parece inevitable, polo menos no que partillamos como España.
Podemos afirmar que os mencionados delincuentes son persoas,
intelectualmente, menores de idade? Probablemente non, aínda que Kant
insistiría no contrario xa que ser maior de idade implica ser libre e polo
tanto entrar no territorio do universalismo moral. Esta categoría resulta
inalcanzable se non somos quen de
practicar unha moral formal baseada no imperativo categórico, mediante o que a
razón ordena á vontade facer o que está ben, independentemente das súas
consecuencias (non é compatible coa dignidade humana agardar premios ou
castigos como resultado das nosas accións).
Finalmente, podemos afirmar que os actos aludidos e reprobados polos
tribunais de xustiza gardan relación con algún trastorno psicolóxico?
Aparentemente non, a sentenza non fai alusión a ningún tipo de patoloxía
incapacitante ou, no seu caso, alienante nas persoas condenadas. Non obstante,
sería pouco prudente descartar, de maneira radical, a existencia de posibles
afeccións das que tradicionalmente se entendían como vicios e agora se coñecen
como adiccións. Así falamos de sexo-adicto, ludópata ou cleptómano, entre
outras, mentres que tradicionalmente se dicía putañeiro, xogador ou ladrón, sendo este cambio de
denominación indicativo da desaparición da liberdade nas persoas referidas que
pasan de ser responsables dos seus actos
a estaren determinadas pola súa patoloxía, no que semella un contexto de
progresiva infantilización colectiva e de ausencia de asunción de
responsabilidades. Seguindo coa tendencia de hoxe en día, enténdese por
adicción: “Inclinación ou tendencia do ánimo moi difícil de evitar” de xeito
que a acumulación compulsiva de riquezas encaixaría perfectamente nesta
categoría e as persoas que a realizan deberían ser consideradas adictas. A
sociedade tende a combater as adiccións considerando os efectos negativos que
das mesmas se derivan para a convivencia, para as relacións sociais ou para a
saúde pública e con ese obxecto empréganse recursos publicitarios e coercitivos
pero tamén se fai uso da medicina. No caso que nos ocupa, son de dominio
público os nomes de Mariano Rubio, Luís Roldán, Mario Conde, Javier de la Rosa,
Eduardo Zaplana, Francisco Correa, Luís Bárcenas ou Iñaqui Urdangarín, todos
eles condenados por actividades delitivas encamiñadas a acadar fortunas que,
dados os seus cometidos profesionais, excederían a satisfacción das súas
necesidades e tendo, polo menos algúns deles, nalgún momento, a consideración
social de modelos de comportamento dignos de ser imitados. Polo que parece non
foron obxecto de tratamento médico ao efecto!
Recuperando o enfoque que aquí se defende, de maneira semellante á reacción
que tivo lugar nos sectores mais maduros da sociedade a raíz da modelización
operada nos anos 60 e 70 dende
idealización da tríade “sexo, droga e rock” que tanto dano ten producido pola
proliferación de condutas irresponsables asociadas ao ascenso ao paraíso
dacabalo desa trinidade, sería intelixente, dende a perspectiva do ben común,
activar unha desmitificación equivalente en relación co perseguido acceso ao
edén arrendando o cabalo da cobiza.
Publicado no Progreso o 16-6-2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario