martes, 26 de junio de 2018

Colapso e malestar social


M. A. Martínez
 
            Nas sociedades modernas o colapso social adoitaba tomar a forma de cambio, revolución, revolta social. Porén, nas sociedades posmodernas o colapso non produce estes efectos. Razón pola que debe ser pensado doutro modo.
            As sociedades actuais son complexas. Isto quere dicir tres cousas. Primeira, a cantidade e densidade da información en circulación reborda as capacidades perceptivas de cada individuo. O individuo convértese nun pensador falaz: toma a parte polo todo. A “falacia de composición” é a norma do seu pensamento. Segunda, a velocidade da información supera a capacidade do individuo de elaborar signos comprensivos. Isto empúrrao a sentimentos de frustración e rabia, a descualificar o que non entende. Terceira, a información utilizada como “shock” emocional, polos produtores e/ou emisores, anula, nos receptores, a capacidade de discriminar verdade e mentira. As consecuencias son a ignorancia e o odio ao outro. Prodúcese, de vagar, o fenómeno da disrupción.
            A disrupción é o efecto producido pola irrupción dun evento non predicible nunha cadea de informacións, acontecementos, signos. Na sociedade dixital as disrupcións tenden a proliferar porque a sobrecarga de información fai que os axentes humanos sexan incapaces de gobernar a complexidade sistémica das estruturas sociais e tecnolóxicas. Tamén a diversidade e extensión dos seus efectos. Acompañando a esta disrupción está a morfostasis. É o proceso polo cal un sistema mantén intercambios coa súa contorna sen que isto altere as súas condicións internas. Sen modificar o seu equilibrio e bo funcionamento. Nas sociedades actuais a disrupción casa ben coa morfostasis. Por que?
            Nas sociedades modernas as disrupcións (crises agrarias, económicas, tecnolóxicas, por exemplo) debilitaban as estruturas de poder, fornecían as condicións e oportunidades para o cambio social. Nesas sociedades non complexas, calquera poder (civil, económico, militar, relixioso, entre outros) podía cambiar a organización social de tal modo que facía xurdir unha situación histórica nova. Porén, nas sociedades dixitais, nas que a densidade e velocidade da información é demasiado intensa para ser elaborada consciente e criticamente por cada individuo, as disrupcións tenden a ser morfostáticas. Non son revolucionarias. Reforzan os patróns causais que as producen.
A explicación é simple: canto máis complexo se torna un sistema, máis coñecemento debe concentrarse (recollerse, analizarse, distribuírse). Ata o punto que o sistema se converte en inaccesible, na súa totalidade, para cada un dos individuos. Non se trata de que cada individuo non saiba manexar un fragmento ou perspectiva do sistema. Tampouco de que cada individuo estea instalado, mellor ou peor, nunha parte do todo. O que se revela é que non sabe nada do sistema e o seu funcionamento global. Vive alleado do “todo”, cuxa existencia, para el, é só imaxinaria e, polo tanto, falsa. Pura ideoloxía. O “todo”, en realidade, só é coñecido polos que manexan a súa complexidade e seleccionan os individuos que acceden ás súas regras de xogo.
            As sociedades posmodernas empregan as disrupcións para afianzar e incrementar a complexidade sistémica. Estados de pánico financeiro, catástrofes climáticas, desastres humanitarios, movementos nas redes sociais, crises migratorias, son exemplos de fenómenos disruptivos. Mais, as reaccións a cada un deles tenden, con frecuencia, a reforzar as súas causas.
            A sociedade posmoderna semella incapaz de xerar formas de solidariedade crítica e  consciente que poidan cuestionar esta deriva sistémica. Por exemplo, por que hai que empregar a dixitalización masiva como maneira de minimizar algunhas disrupcións cando, en realidade, as converte en inabordables? Por que facer chamamentos ao “humanitarismo” cando fan incomprensibles algúns fenómenos disruptivos e alimentan a morfostasis?
            Nunha situación de complexidade informativa, e alta pluralidade social, o individuo semella non encontrar o camiño para lograr unha autonomía satisfactoria. Vive nun malestar de duración indefinida. Unha sensibilidade só conectada cun intelecto dixital, e un intelecto só vinculado a unha sensibilidade hiperestimulada, non son o mellor medio para remediar o malestar que eles mesmos crean.

Publicado no Progreso o 23-6-2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario