viernes, 24 de octubre de 2014

A deusa Fortuna



María Isabel Sánchez Corral


Estes días tras os últimos acontecementos veume á memoria o libro de Martha Nussbaum ‘A fraxilidade do ben’. A filósofa americana analiza a relación entre a fortuna e a ética, ao longo da traxedia e a filosofía na Grecia Clásica.
Como fío condutor da obra materialízase o contraste entre a busca da vida boa e xusta a través da razón, e o intento de evitar os avatares da deusa Fortuna.
A idiosincrasia do pobo grego exprésase nesa busca ideal da virtude e maniféstase na vida pública, onde os cidadáns intentan articular a razón na súa vertente tanto teórica coma práctica.
Nesa busca da felicidade polo camiño autosuficiente da razón, evitaban os gregos xogar á pelota coa deusa Fortuna (Tyché) nos xardíns de Zeus. É ela a que representa o azar, o inesperado, a fatalidade que aparta o home do control da súa propia vida véndose abocado ao seu destino.
O gusto dos gregos pola traxedia, cuxo triunfo coincide co esplendor da polis grega, non estaría tanto nunha tendencia natural ao drama senón máis ben nunha forma de expoñer os medos e a «fraxilidade» do ser humano. Pois é na traxedia onde parece haber un destino inxusto, un capricho dun deus, o azar da fortuna que mostra ao ser humano como un ser fráxil.
Pero se como nos formula a autora, a fraxilidade non radica no que a fortuna pon diante dos personaxes tráxicos senón en como estes actúan ante ela, na resposta que dan; entón, o feito tráxico non está no encontro senón na resposta que se dá e a responsabilidade que se deriva de tal resposta. Aquí debería entrar a deusa razón cun importante papel.
Esta última parte, sobre a resposta e a responsabilidade ante os acontecementos fíxose clara na miña mente ante a traxedia do ébola. Traxedia dunha auxiliar de enfermaría que se enfrontou de forma voluntaria á deusa Fortuna facendo e crendo no seu traballo (e que segue loitando pola vida no momento que escribo esto). Traxedia dos que coa súa resposta desencadan os acontecementos de forma irresponsable, con intereses ocultos e onde media todo menos a razón. Aqueles que se apresuran a dar explicacións vagas culpabilizando a verdadeira heroína desta historia.
Neste teatro aínda os hai peor parados, se iso é posible cando falamos de enfrontarse á morte. Para eles non hai vida boa e xusta. A razón non opera na súa terra. Nós deseñamos o seu destino e non poden deixar de xogar coa pelota do infortunio que lles lanzamos unha e outra vez. No continente africano non só morren miles de persoas polo ébola, senón que tamén se produce ese destino pola tuberculose, a malaria, a cólera, a sida e moitas outras enfermidades. Sendo espoliados dos seus recursos naturais e inducidos a innumerables guerras ao longo de moitas décadas. Eles non poden actuar, non poden dar a súa propia resposta, quitámoslles a capacidade de decidir sobre a súa propia vida.
Nós, os ‘herdeiros’ e ‘herdeiras’ da cultura grega estamos a esquecer os ideais da excelencia e a vida boa ou quizais haxa certo interese nese esquecemento. Esquecemento do pensamento, da memoria, da razón..., esquecemento da filosofía.

Publicado no Progreso o 18-10-2014

República democrática emocional



Gonzalo Pérez López


Parece evidente que só no marco dunha república cabe pensar, en sentido estrito, nunha democracia como tal, xa que calquera outra forma de organización do Estado -unha monarquía, por exemplo, baseada en privilexios- supón unha restrición inaceptable da vida democrática. Non é menos certo, tamén, que a constitución dun Estado como república non supón garantía algunha de concreción da democracia na vida diaria dos cidadáns.
Por iso, dende un punto de vista racional, non cabe centrar o debate na opción entre república ou monarquía, xa que a primeira é a única que ten en si mesma potencialidade democrática, aínda que non a faga efectiva. O realmente esencial é tratar de delimitar, nun exercicio dialóxico tan necesario como urxente, as condicións esixibles para que se poida considerar unha república como democrática. É dicir, esbozar o sentido pleno da democracia, aspiración esta que cruza transversalmente a historia dende a primeira vez que se empregou o termo para describir unha maneira de concibir a organización social e política, a convivencia dunha colectividade.
As insuficiencias das múltiples aportacións históricas que manteñen o tema de permanente actualidade veñen provocadas, ao meu entender, tanto polos a priori dos que se parte no debate como polas concrecións da natureza do termo, máis preocupadas a maioría das veces por axustalas aos a priori, intentando lexitimar inconfesables intereses particulares, que por precisar a súa esencia. A esta só se pode chegar simultaneando o deslinde do concepto libres de prexuízos coa nidia motivación de emprender o camiño que conduza á realización práctica dunha democracia global.
Por iso, centrar o debate sobre a democracia en se o ámbito do privado ten que estar separado do público ou se, como defende algún dos modelos da mesma, a autonomía do individuo, aínda a excluínte, xustifica calquera decisión á marxe do colectivo, parece case tan fóra de lugar como tratar de poñerlle apelidos, sempre limitadores, caso da chamada democracia liberal ou doutras, concomitantes coa anterior, como a democracia elitista. Estas parten exclusivamente dos intereses puramente individuais, que sempre deveñen en individualistas, deixando a presunta democracia reducida a unha posta en escena que permita frear todo o que poida poñer en cuestión ese fluír sen límites dos intereses privados, para perfilar o que poderíamos denominar unha «democracia de mercado», na que a intención última é mutilar toda posible participación cidadá, para deixala reducida a unha mera formalidade, cedendo aos «técnicos políticos» a toma de decisións que salvagarden os intereses oligárquicos. Isto supón a redución da esfera política á esfera económica para garantir o control social total desde esta última.
A pesar das interesantes contribucións ao tema que realizan os defensores dos modelos de democracia participativa e deliberativa, o intento de concretar os mesmos acaba desembocando en contradicións, ó seguir dándolle unha sibilina prioridade á liberdade e a autonomía individual sobre a colectiva, como se representaran dous niveis diferentes de calidade democrática polos que optar. Que o diálogo con outros seres humanos libres e autónomos permitirá acadar acordos aceptables para todos sen concretar a superación da eiva máis importante que impide a autonomía do individuo e imposibilita a convivencia, o déficit social e moral das sociedades clasistas, resulta tan incongruente que dificilmente se pode falar con propiedade, non só de democracia, senón de racionalidade. Porque a racionalidade esixe universalidade e non cabe entender a autonomía do individuo senón como a realización libre e autónoma de todos, pero esta pasa pola consecución previa xeneralizada de principios sociopolíticos e morais básicos, como igualdade real e xustiza, fóra dos cales falar de vida digna, autonomía e democracia é unha quimera.
Agora ben, o ser humano ten un compoñente non racional nada desprezable a ter en conta porque pode contribuír xenerosamente a potenciar esa a vía racional apuntada á que ten que aspirar o ser humano aínda que, con frecuencia, sexa especialmente remiso a seguila no espazo político.
Polo tanto, a utopía realizable esixe, ademais da que supón a organización da convivencia baixo os criterios de racionalidade socio- moral citados, outra revolución complementaria, a emocional e afectiva, que a propicie. Probablemente sexa esta revolución a única que pode producir o efecto devecido, evitando calquera tentación de barbarie destinada a cortar de raíz a tendencia á igualdade, á xustiza social e á participación colectiva directa na toma de decisións moralmente desexables para a humanidade, polas que necesariamente terá que pasar o exercicio práctico da democracia que sexa fiel a esencia que a constitúe.
As achegas das investigacións en neurociencia das últimas décadas poñen de manifesto a imperiosa necesidade de tomar en consideración a decisiva incidencia da empatía, nos seus aspectos cognitivos e afectivos, e de certas emocións, no pensamento e na práctica moral e política. Comprender, compartir e querer aliviar a situación de sufrimento dos outros é unha manifestación desa intelixencia emocional especificamente humana, pero que necesita activarse para desenvolver un pensamento e unha acción pro social, fundamental para superar ese estado de inxustiza crónica que padece boa parte da poboación mundial, incluso baixo sistemas que se autodenominan, con intencionada falta de obxectividade, democráticos.
Á luz de certos descubrimentos, Singer, neurocientífica especializada na relación entre as nosas bases emocionais e a conduta social, coa súa proposta alternativa da «economía protectora», onde a cooperación substitúa á competición do actual modelo dominante, parece abrir unha pequena porta ao optimismo, dado que a comprensión da potencialidade moral, social e política das proxeccións superiores da empatía, unida a un consenso en educación para potenciala, convertería en realidade a utopía actual dunha república universal e, como resultado do desenvolvemento da condición racional e emocional dos humanos, realmente democrática.

Publicado no Progreso o 11-10-2014

Libres e responsables



Mar Carballo Cela

Educar significa formar a individuos libres para que, no exercicio da súa liberdade, actúen de maneira responsable. Ser libres implica ter unha vontade forte. Non se trata, pois, de facer o que nos dea a gana en cada momento, senón de, entre outras cousas, aprender a controlar moitos impulsos que, de non facelo, nos poden acabar escravizando ou danando o noso entorno familiar e social e, por tanto, tamén a nós mesmos ( é o que chamamos autodominio). E para aprender a ser libres, a ter o control sobre as nosas vidas, debemos progresivamente ir tomando decisións, equivocarnos e comprobar as consecuencias, asumir os nosos erros e reconducirnos, ou experimentar a satisfacción dos nosos éxitos. Estamos a falar da liberdade da nosa vontade, esa sen a cal nunca se nos podería atribuir responsabilidade ningunha.
Preocúpame a tendencia actual dos centros educativos de implantar sistemas de control e vixilancia cada vez máis excesivos ata idades moi avanzadas. Hai colexios en Inglaterra que teñen instaladas ata 20 cámaras, aseos incluídos. Aquí non chegamos, de momento, a eses extremos; pero si hai un interese crecente por impoñer desde as institucións educativas medidas cada vez máis controladoras: nos institutos de ensino secundario, empezouse por establecer gardas do profesorado nos corredores e no patio no tempo de lecer impedindo a saída do alumnado do centro, recentemente incluíronse tamén gardas  para ir recibilos ós autobuses escolares e para devolvelos a eles na saída (estou falando de prácticas que deben manterse ata os 16 anos!); e o último consiste en programas informáticos para alertar ós pais das faltas de asistencia ou do comportamento e realización das tarefas na aula en tempo real (aquí vai incluído tamén o bacharelato: ata os 18 anos!)… É posible aprender a ser libres e responsables nestas condicións?
A este respecto, quixera lembrarlles ós artífices de tales medidas que Jeremy Bentham deseñou o seu “panóptico” para centros penitenciarios, ou sexa, para persoas coas que a educación fracasara previamente. Debemos supoñer, pois, que as institucións correspondentes pretenden que os centros de ensino asuman a catástrofe social no tocante á educación, e apliquen como norma xeral algo que, en calquera caso, debería ser unha medida excepcional. Non nos queixemos logo de ter unha xuventude infantilizada ata os 40 e incapaz de desenvolver unha vida autónoma con sensatez. Precisamente da falta de autonomía do alumnado se lamentan xa os profesores universitarios, que se sorprenden ante a súa dificultade para manexarse sen pautas concretas e reiteradas. Estamos no camiño correcto?
Por outra banda, aumentando o control, non imos solucionar os erros educativos. Teremos que abordar con seriedade a raíz do problema e, antes ou despois, verémonos obrigados a pensar nos motivos que están provocando a grave dificultade que teñen moitos rapaces e rapazas para respectar a autoridade educativa de pais e profesores. A mala educación da xuventude non é máis que un síntoma da mala educación dos adultos ou da súa incapacidade ou preguiza á hora de transmitila, en caso de tela.
No pasado era a presenza do ollo de Deus e o medo a consecuencias desproporcionadas, e agora cambiamos iso por unha relaxación na esixencia do que debe ser unha boa conduta pretendendo compensalo cun teleobxectivo na caluga. E aquí está a clave, nesa neglixencia cos comportamentos irrespectuosos desde os primeiros anos da infancia ata a adolescencia, que non se corrixen por temor a ser demasiado esixente ou retrógrado en prol dunha liberdade individual moi mal entendida, porque a miudo se perde de vista que dita liberdade ha de ser pensada sempre dentro do marco da covivencia social. E así nos atopamos despois con aulas cheas de individuos escravos da súa “gana”, incapaces de practicar o respecto cara ós demais e de adaptarse ó funcionamento do grupo, tendo que asumir esta situación como normal.
Creo, ademais, que estas novas técnicas de control, aparte de equivocadas, degradan tanto a dignidade do alumnado como a do profesorado. A do alumnado porque, xeralizando este tipo de estratexias, estase privando a moitos rapaces e rapazas do dereito a medrar e a educarse nun clima de confianza e a ser tratados como suxeitos conscientes e non como obxectos; e a do profesorado porque se pensa neles máis como controladores que como docentes. Un centro educativo non é unha industria de producción en cadea e ese ambiente de control obsesivo resulta deshumanizador.
Pero a política de “parcheo” e a pouca seriedade coa que se tratan os temas educativos xa ven sendo o habitual nos tempos que corren… normas improvisadas en atención a intereses que nada teñen que ver co labor docente e solucións que pouco se corresponden coa natureza dos problemas.

Publicado no Progreso o 27-9-2014

A pobreza infantil



María del Carmen González López
 
Debe de ser como pai ou nai querer dar de comer a un fillo e non poder. Ata hai pouco sabiamos que había países onde os pequenos morrían de fame,pero agora hai que sumarlles os pequenos do noso país, seguramente compañeiros dos nosos fillos que pasan fame todos os días, que comen ben só no comedor do colexio, que lles custa vestirse correctamente, que na súa casa pasan frío porque os pais non teñen cartos para poder pagar a calefacción, e por iso poden caer enfermos máis asiduamente, que non poden pagar a luz, a hipoteca, o material escolar…
É entón cando te preguntas en qué clase de mundo vivimos. A resposta é nun mundo en que como consecuencia da crise se produce un rápido e progresivo empobrecemento das familias.
Estase situando a España como segundo país da UE con maior índice de pobreza infantil, superado só por Romanía. Isto debería provocar unha reacción inmediata do goberno na búsqueda de solucións e non a negación desta realidade, demostrando unha falta de responsabilidade sobre a situación económica e social que están a soportar as familias dende hai xa cinco anos.
Esta situación está a afectar non só a familias que xa eran vulnerables (inmigrantes, con persoas dependentes..), senón a calquera familia onde se produza unha perda de emprego, e como consecuencia que aparezan cada vez máis familias en risco de exclusión social, estendendo por isto segúndo estatísticas feitas «aquelas persoas que só teñen un 60% do ingreso medio do resto da poboación, as que teñen entre o 40% e o 50% son denominadas pobres e as que teñen menos do 40% sitúanse na pobreza extrema».
A situación, como apunta Gabriel González Bueno, responsable de Políticas da Infancia en España de Unicef «non é só que haxa máis pequenos pobres en España, senón que cada vez son máis pobres». Todo isto é moi preocupante tendo en conta que os nenos son o noso futuro e todos deberían ter as mesmas posibilidades de desenvolvemento, e estámolos deixando atrás dentro do conxunto da poboación. España está tendo a maior taxa de abandono escolar de Europa, o que demostra que a situación económica que estamos a vivir está impedindo a igualdade de oportunidades e xerando discriminación cara ás familias con menos recursos, cando todos deberiamos saber que a educación é o sistema de combater a transmisión interxeracional da pobreza.
Igualmente os estudos revelan que o 12% da poboación española que traballa, non gaña o suficiente para escapar da pobreza nun país que xunto con Grecia experimentou o maior incremento do desemprego dende o inicio da crise. Como consecuencia, moitos cidadáns víronse obrigados a buscar traballo no estranxeiro, e se isto fora pouco o Estado diminuíulles as prestacións sociais. Dende que o Banco Central Europeo, Fondo Monetario Internacional e Comisión Europea decidiron o rescate bancario e as reformas, que consistiron en baixar os salarios dos máis desfavorecidos e das clases medias, en recortar os servizos sociais que garantían a protección social na infancia, enfermidade, xubilación, somos máis pobres e todo por culpa da política chamada de ‘austeridade’ que propicia o Goberno do PP que está a violar os dereitos fundamientais de gran parte do pobo español, que depositou a súa confianza en políticos inútiles, mentirosos e corruptos.
Que será destes nenos e destas nenas cando sexan adultos?

Pulicado no Progreso o 20-9-2014

Unha vida filosófica aínda é necesaria



M. A. Martínez

En momentos difíciles da existencia é común escoitar dos achegados un consello: “tómate a vida con filosofía”. Ou facerse a un mesmo a recomendación: “hai que tomarse a vida con filosofía”. Quérese dicir que para levar unha vida boa, digna de vivirse, hai que afrontala con paciencia, distancia, obxectividade, un toque de humor fino. Sen entrar a valorar a rica tradición que latexa neste parecer, e tampouco o rigor de nomear como “filosófica” este modo de vida, algo está claro: na actualidade unha vida deste tipo resulta difícil (algúns dirán imposible, outros innecesaria). Por que? Non importa a paz interior, a serenidade reflexiva, a liberdade que dá o exercicio da ironía? Que acontece para que unha vida prudente, consciente e crítica sexa pouco desexada polo común da xente?
Nas sociedades avanzadas alborea un novo tipo humano e xermolan novos comportamentos. A expansión do consumo, a industria do ocio, as tecnoloxías da información e da comunicación, a mundialización dun único estilo de vida baseado nun ritmo e intensidade crecente do traballo, contribúen ao nacemento desta disposición inédita. O resultado resta patente en tres fenómenos.
O primeiro é a sobrevaloración das inclinacións, sensacións, experiencias e desexos persoais, vinculada ás “políticas da desinhibición”. A súa finalidade é facer do individuo unha burbulla expansiva e autosuficiente cuxo primeiro criterio de actuación é satisfacer os seus propios apetitos sen miramentos.
O segundo é a hiperexcitación sensorial asociada á produción incesante, consumo rápido, velocidade no traballo, que involucra a afectividade completa do individuo. É o “capitalismo emocional”: o compromiso de todas as facultades afectivas do individuo no proceso de produción-consumo.
O terceiro é a inflación da importancia das “propias” verdades, ideas, opinións. Esta “propietarización do pensamento” acontece e foméntase, sobre todo, nas redes sociais, foros de opinión e outras plataformas da Internet.
Estes tres fenómenos adórnanse cos prestixios da conquista do gozo psicofísico, o benestar material, a autonomía persoal. As persoas modeladas por este triplo dispositivo entenden que a súa “liberación” consiste en dispoñer do poder de responder inmediatamente ás premas imperativas do entorno comercial, laboral, de consumo. Mais, xorden dous interrogantes: os fenómenos anteditos expresarán unha nova forma de control do pensamento e o corpo, realizada coa complicidade implícita dos individuos?; representan unha nova e máis sutil doma da conciencia?
O prezo da adopción destas disposicións é moi alto. A elaboración desbordante de obxectos soñados, representacións ficticias, imaxes ilusorias, producen un malestar con risco de converterse en patolóxico (frustración, anguria, enfermidades depresóxenas). Ocúltase que os individuos, instalados no reino gozoso da autonomía, séntense, e son, realmente impotentes para cumprir as súas “propias” expectativas. Seducidos polos seus “propios” cálculos egoístas, caen presos do neuromarketing. Entusiastas da “propia” liberdade de consumo, emprenden o camiño da súa ruína. Escoitando a “súa” voz interior, obedecen ao amo exterior.
Nesta confusa situación a filosofía pode poñer algo de sentido. A filosofía é a resolución tomada dunha vez por todas de mirar e escoitar de novo arredor e dentro de nós. É, primeiro, unha elección de vida, non un discurso. Unha decisión, non un sistema teórico. Unha actitude: a escolla de desprenderse do propio eu para abrirse a unha perspectiva universal, racional.
Dada a actual situación, isto require un gran esforzo de transformación interior. Como o do pintor que quere mirar de novo a paisaxe que moitos pintaron. Como o do músico que quere desembarazarse dalgúns hábitos de interpretación e composición que lle aprenderon no conservatorio. Como o do biólogo que devece por desprenderse dalgúns prexuízos que lle inculcaron e arela por ver de novo a natureza. Como o do historiador que ansía lograr ese punto de imparcialidade e afastamento que lle permite comprender o pasado e redescubrilo no presente.
Habitualmente as persoas temos un discurso interior e exterior sen estrutura, caótico, disperso. Require moito esforzo e dedicación poñer en orde os nosos pensamentos, elaborar argumentos, expoñelos en público, escoitar contraargumentos, valoralos e dar novas razóns. Esta disposición, aderezada coa preocupación por actuar ben sen perderse nos vieiros do odio, a cobiza, a envexa, a compaixón, ou, tamén, a fatiga, o cansazo, o aburrimento, é, con xustiza, unha disposición filosófica.
A resolución de mirar por primeira vez, escoitar con atención, é filosófica. A verdadeira filosofía é aprender a ver o mundo de novo. Para refacer as relacións cun mesmo, cos demais e co entorno. Para desinchar o eu, distanciarse dun mesmo, aprender a poñerse no lugar dos demais humanos e dos outros seres deste planeta. Para actuar de maneira desinteresada.
A vida filosófica consiste na coraxe de asumir conscientemente o feito de que entre a miseria humana e a indiferenza da natureza, o ideal humano aínda é realizable. Que entre a atroz historia dos pobos e o sen sentido do universo, a conciencia humana intensifícase, preparándose para unha determinación inequívoca pola xustiza, a imparcialidade. Entón, unha vida filosófica aínda é necesaria?

Publicado no Progreso o 13-9-2014