Juan Carlos Fernández Naveiro
Catro nenos que xogan nunha praia de Gaza ou un pasaxeiro de avión que
despega de Amsterdam e sobrevoa o espazo aéreo de Ucrania, encarnan unha
fatalidade biográfica (por que ese e non outro, por que el e non eu), a vida
está exposta á contixencia que reparte sorte e desgraza, a producir
innumerables vítimas colaterais.
Os acontecementos están sen embargo tan trenzados de antecedentes que
determinalos sempre é complexo, máis non por iso carecen de explicacións,
incluso os feitos máis reprobables obedecen a procesos nos que se entrecruzan
intereses, propósitos, sentimentos e de seguro tamén razóns. Está por tanto no
certo Pablo Iglesias, o líder de Podemos, cando di que a violencia de Eta ten
explicacións políticas, cousa que non implica ningún xuízo de valor senón que se
trata dunha simple costatación epistemolóxica, tan xenérica que permite darlle
tamén a súa parte de razón a Vladimir Putin cando di que o avión malasio non
tería sido derribado se o exército ucranio non tivera intervido no conflito cos
separatistas prorusos (o que é unha especie de autoacusación), nin o exército
israelí tería desatado a operación Marxe Protectora se os palestinos non se
botasen previamente nas mans de Hamás. Todas as razóns son parciais e por iso
en parte falsas, e tan difícil de aprehender a verdade histórica desde un punto
de vista obxectivo e de separala das xustificacións desde o punto de vista dos
fins que se persiguen ou dos valores que se defenden.
Pódese apreciar ese xogo de motivos superpostos da verdade histórica nunha
das conmemoracións centrais de 2014, o centenario da Primeira Guerra Mundial.
Pódese dicir que a súa causa foi o atentado do activista serbio Gavrilo Princip
que lle costou a vida ao archiduque Francisco Fernando de Habsburgo en
Sarajevo? Podería ser en todo caso a chispa que prende un incendio, que non se
houbera producido sen a militarización do II Reich ou sen a previa humillación
francesa pola proclamación da unidade alemana en Versalles, por non falar das
expectativas creadas pola propaganda, o nacionalismo ou o futurismo.
Aínda sumando todas as causas nunca é previsible -como dí o novelista
francés Jean Echenoz na espléndida ‘14’- que a guerra vaia comenzar xustamente
este sábado, pois a continxencia tamén é parteira da Historia, e non menos que
as causas tamén as consecuencias conteñen variables fóra de control. «Asunto de
quince días -escribe Echenoz- salvo que quince días despois, trinta días máis
tarde, ao cabo de máis e máis semanas, cando comenzou a chover e os días
pasaron a ser máis fríos e curtos, as cousas non foron como estaba previsto».
Como adoita dicirse, aínda que se saiba como comenzan as guerras nunca se sabe
como acaban, como mostra o exemplo iraquí, e por iso os paralelismos históricos
son sempre tan enganosos, pero son tentadores e sobre todo didácticos, porque
mostran que ao lado das variables posibles os feitos tamén están trenzados de
constantes.
1914 e 2014: nun e noutro caso abundan as rivalidades entre élites que se
sinten amenazadas porque pertencen a imperios en declive, e advirten profundas
transformacións na distribución global do poder. De canto poder americano poden
prescindir as élites de Israel, alimentadas polo extremismo de Hamás, cada vez
máis decididas a actuar por sí mismas, a resgardo do seu propio paraugas
ofensivo? Canto poder ruso precisan os rebledes de Donetsk para non sentirse
fagocitados por Occidente? Estranos camiños levan agora a EE.UU. a necesitar a
influencia crecente de Irán no avispeiro sirio-iraquí, pero que efectos terá
eso nas élites saudíes? O comercio mundial do petróleo e a extensión do
yihadismo dependen de equilibrios cada vez máis fráxiles e menos garantizables
por ningunha superpotencia.
Deberíamos sacar algunha lección dese ciclo tremendo que se inicia nas
trincheiras da Gran Guerra e continúa coa invasión de Polonia que encende a
Segunda Guerra Mundial (agora en setembro conmemoraranse os 75 anos), unha
Guerra dos Trinta Anos que rematou con Hiroshima e a creación da Onu. De aí
saíuse mediante políticas redistributivas e a creación dos Estados de benestar,
e pretendendo superar rivalidades que quedaron conxeladas pola política de
bloques, para reaparecer despois, rexurdindo unha orde internacional de novo
basicamente hobbesiana: a política como unha pura función da forza. Non hai
estruturas políticas globais axeitadas a un mundo multipolar. Estase a fracasar
por arriba na tarefa de trenzar soberanías e constituir cidadanías
cosmopolitas, igual que se está a fracasar por abaixo co aumento das
desigualdades. Nin transversal nin inclusiva, vivimos nun simulacro de
cidadanía.
En Oriente Medio e toda Asia, pero tamén en África e Latinoamérica e cada
vez máis en Europa, terra, relixión e raza volven ser criterios para afirmar
esferas de influencia. As loitas que se poden agardar no futuro semellan así
moi parecidas ás tensións da vella xeopolítica, que incendiaron o mundo hai
agora cen anos.
Publicado no Progreso o 16-8-2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario