martes, 10 de enero de 2017

A razón vencida



José Domingo de Prada
 
Se hai algo que caracteriza este principio do século XXI é o decaemento da razón. Non sabiamos que o significado da postmodernidade era este: perder o ámbito do discurso e inserirnos no das apetencias. Do Logos grego que supera o natural á intuición dos instintos como forma de supervivencia nas xunglas de asfalto e cristal (en expresión de N. Carr). Da sublimación sacra do medieval e a posterior secularización ilustrada do mundo na luz da  razón á idolatría do mercado e á exaltación da voracidade da apropiación a través da tarxeta de crédito.
Cando Fukuyama, desde a apoloxética neoliberal, proclamou o fin da historia, moitos o leron como un sofisma sen ningún significado real. Parecíalles que a burla se desprestixiaba a si mesma. Pero non foi así, pois o fin da historia non significa que se paren os tempos, nin sequera que o capitalismo vencera e quedara (polo menos de momento) sen rival. Esas foron as lecturas sobre as que se asentou para expandirse, pero o seu significado é de maior calado. O fin da historia retrata, máis ben caricaturiza, a situación na que vivimos. Pendentes tan só do momento presente, sen pasado, sen memoria,  vivindo ao día e no día, é dicir sen futuro, sen proxección (quen se atreve hoxe  a calcular o seu futuro, a proxectar a súa vida?).
Vivimos nunha sociedade amnésica que só consegue facerse no instante e na satisfacción instantánea do desexo. Hai un fin da historia porque hai unha sociedade enferma que non quere asumila, que a esquece voluntariamente, e que sobrevive na irracionalidade do máis esquivo presente, na hipersecreción de afectos e quereres anódinos, descontextualizados, despersonalizados e uniformados nun ‘me gusta’ universalizador. Sen historia non hai vontade pois, desde o primeiro momento, a última dependeu da idea que se tivese sobre o mundo. Ao carecer dun antes, acábase perdendo o despois. Sen pasado non hai futuro. Só queda a inmediatez da compra compulsiva.
Para lograr esta destrución da memoria houbo que medirse antes coa razón. A razón é logos, discurso, palabra, e consecuentemente se expresa na linguaxe. É estoutro elemento no que se mostra a derrota da razón. Xa o advirte Adorno cando analiza como a xerga destrúe a linguaxe. Destruída a linguaxe fenece o pensamento. El aplica esta análise á xerga fascista, pero hoxe debemos aplicala á neoliberal. Iso que algúns denominan politicamente correcto, liberalización económica, postverdade, danos colaterais, ... que ideoloxía impón ‘o correcto’?, e con que finalidade?, de que nos liberan senón de nós mesmos?, con que argucia se pretende a verdade ‘despois de’?, por que non recoñecer que o dano directo, que non colateral, somos nós e a nosa vida?
O logos é crítico e subverte a realidade para adecuala as súas esixencias, ás esixencias do pensamento, da propia razón. No fondo, o sinal de identidade de todo discurso é a crítica e a subversión. A súa dexeneración en xerga sitúanos ante a improvisación, o seguidismo e a manipulación do presente continuo, no acontecemento (por usar o termo de Bauman-Bordoni). Non podo esquecer nestes momentos aquelas clases de relixión nas que se dicía que a eternidade viña ser como vivir nun presente continuo. Lográmolo! Xa debemos ser eternos, pois vivimos nese tipo de presente. Mágoa que teñamos que enfermar, envellecer e morrer! Estabamos a punto de conseguir o mundo perfecto (de conseguir mercalo, habería que puntualizar).  Comprenden agora como se acadou a sacralización do mercado?
Así pois a razón, vencida pola supervivencia natural do desexo, pola historia finiquitada no eu, pola xerga ideoloxizada na manipulación, deixa oco para que entren arribistas, ignorantes e ineptos; para que a amnesia remate en afasia e para que os liberados polos dereitos se autoescravicen. Mercamos, vendemos e educamos en irracionalidade e conformismo. Vexan, por exemplo, os actuais programas de estudos (currículos, na xerga) hai máis horas de materias optativas e libre configuración (específicas, na xerga) que de formación básica (troncais, na xerga). Que ninguén proteste, cadaquén elixe. Todo á carta. Pero no menú educativo quen escolle non sabe que lle van poñer no prato e desde logo descoñece, como pasa coa comida lixo, cal vai ser o aporte de nutrientes. Ante tamaño decaemento da razón ata é comprensible que supriman a filosofía nos plans de estudos. A quen lle interesa que se pense? A quen pensar?

Publicado no Progreso o 7-1-2017

O futuro era isto?



Juan Carlos Fernández Naveiro


O 2016 despídese anunciando unha nova era no sistema-mundo, na que entraremos simbolicamente cando o próximo 20 de xaneiro Donald Trump se convirta no 45º presidente dos Estados Unidos de América. Usando un dos vocablos do momento podería ser a era da posverdade, se admitimos que a opinión común non é produto dun coñecemento obxectivo dos feitos senón de procedementos de manipulación emocional que agravan, en troques de disolver, os nosos prexuízos; procedementos que polo demais acreditan unha longa tradición, ahora convertidos en tendencia. Antes de calquera previsión, sempre arriscada, é máis importante atinar na práctica dos balances.

Hai oito anos valorábamos como desastrosa a era Bush, porque nos legaba unha guerra de mal pronóstico en Iraq aderezada coa retórica revulsiva da nova orde mundial, e tamén a peor crise económica desde a que dera orixe á II Guerra Mundial. Pero chegaba Obama, que espertou unha enorme expectativa, enxalzado como líder multicultural e poscolonial, pero esa expectativa tiña por forza que chocar coa realidade e só en parte será valorada polas políticas desenvolvidas.

A política económica expansiva que se distanciou dos axustes europeos, a política exterior menos imperial e máis multilateral, ou a propia reforma sanitaria, serán escurecidas polas decepcións (aí temos aínda Guantánamo), pero quedará a solemnidade moral que destilaron algúns dos seus discursos, desde a campaña do ‘Yes we can’ en 2008 ata as despedidas na Onu en setembro ou a xira final de novembro, e para a historia quedarán especialmente a presencia na universidade do Cairo en 2009 e a alocución na Porta de Brandenburgo de Berlín en 2013, ocasións nas que se proclamaron os grandes principios das democracias modernas.

Pero todo iso vai ser só un paréntese e o seu legado moi fráxil. Hai datos que falan dun cambio de rumbo da globalización, tendencias que apuntan no centro do sistema-mundo a un menor crecemento das relacións comerciais e as transaccións financeiras, o que unido a un maior control dos fluxos migratorios sostén un novo proteccionismo. Son movementos soterrados que conviven cos procesos de signo oposto que predominan nas diversas periferias. Hasta que punto poderán sustraerse as políticas económicas centrais aos procesos previos de interdependencia e ás aspiracións dos mercados emerxentes? Iso é unha incógnita que depende en boa parte do que vaia facer a nova administración Trump.

En canto á retórica que acompañará á acción política aí parece que xa está decantado o ton: oposición ás minorías de todo tipo (antiinmigración, antifeminismo, antigais, antimusulmáns), fundamentalismo cristiano, supremacismo branco, racismo, negacionismo climático, explotación do malestar social e consideración de que a democracia e a tolerancia debilitan as sociedades. Todo isto que agora se agrupa baixo a denominación de dereita alternativa (‘altright’), e que sempre foi a extrema dereita, non sería a primeira vez que se enquista na administración norteamericana e se convirte na estratexia preferente do capital.



Publicado no Progreso o 31-12-2016