Mar Carballo Cela
Que importante é nas nosas vidas a mirada dos outros: sentímonos e
valorámonos a nós mesmos a través desa mirada. Sartre chegou a afirmar que “o
inferno son os outros”, precisamente por ese espello implacable, e ás veces
cruel, no que non podemos deixar de mirarnos, chegando incluso a sentirnos
desprezables cando vemos o desdén que esas outras retinas deixan caer sobre
nós.
Os grupos sociais tamén teñen os seus propios espellos, construídos
–consciente ou inconscientemente- por aqueles que pretenden control e dominio:
pobos enteiros percibíndose a si mesmos a través da mirada de outros pobos, ou
mulleres que historicamente se percibiron a si mesmas a través da mirada dos
homes. En 1949 Simone de Beauvoir, na súa emblemática obra “O segundo sexo”,
levou a cabo unha lúcida análise sobre esta última mirada a través da cal as
mulleres fomos asumindo a nosa identidade. Non é fácil tomar conciencia das
distorsións que os demais poden exercer sobre a visión que temos de nós mesmos;
a propia Simone, muller profundamente reflexiva sobre moitos outros temas,
recoñeceu que isto lle sucedera cumpridos xa os corenta.
Anos despois, seguimos sen erradicar este dramático erro de perspectiva, e
as novas xeracións de mulleres edúcanse cunha imaxe deformada de si mesmas que
os medios de comunicación perpetúan, facéndolles crer que a súa identidade
reside unicamente na súa sexualidade ó ser utilizadas como meros obxectos de
desexo para satisfacción da mirada masculina. As consecuencias de que aínda non
se correxira socialmente esta valoración son graves, e confunden non só o
concepto que os homes se formas sobre as mulleres, senón o que as propias
mulleres temos de nós mesmas, dificultando enormemente o avance cara unhas
relacións sociais e persoais satisfactorias.
Un exemplo de todo isto témolo no debate que actualmente se recuperou (non
é nada novo) en torno á legalización da prostitución, un tema clave que deixa ó
descuberto as distintas maneiras de considerar ditas relacións entre ambos
sexos.
A prostitución xorde e perpetúase nun contexto profundamente androcéntrico
no que a existencia da muller xira en torno ás necesidades persoais e sociais
dos varóns. Neste contexto nos socializamos desde nenas, recibindo mensaxes
constantes dun rol hipersexualizado que invade boa parte da nosa imaxe social,
non sucedendo o mesmo cos homes.
O discurso pro-legalización susténtase, en gran medida, nos argumentos
neoliberais de respectar a liberdade para negociar co que estimemos oportuno,
sempre e cando sexa de mutuo acordo. Pero creo que este plantexamento non
profundiza o suficiente, polo menos en canto a dous aspectos fundamentais:
En primeiro lugar, non é adecuado calificar de “libre elección” aquelo que é o resultado dunha histórica
socialización no servilismo e na inferioridade, facendo coincidir así o
comportamento libremente desexado con aquel que é froito dunha coacción
estructural no que, en interese dun dos sexos, fomos educadas, tal e como
indica a filósofa Ana de Miguel na súa obra “Neoliberalismo sexual: el mito de
la libre elección” (Feminismos, 2015, p. 213).
E, en segundo lugar, tampouco creo que a libre elección individual poida
lexitimar por si soa que tipo de relacións son as adecuadas entre seres
humanos; de feito, noutra orde de cousas, non se considera que así sexa: non se
consinte que dúas persoas resolvan un conflito a machetazos por moi libremente
que ambas partes decidan facelo, nin tampouco comerciar cos propios órganos. O
motivo destas limitacións non é outro que impedir un modelo de sociedade no que
todo valga, carente do máis elemental respecto mutuo, e intentar protexer de
situacións abusivas ós máis desfavorecidos.
Nas relacións de opresión, os oprimidos soen ser considerados como
obxectos, meros instrumentos ó servizo dos opresores (“corpos sen alma”),
mentres que estes últimos se reservan o acceso ó ámbito intelectual e
espiritual. Sucedeu coa escravitude, co colonialismo, coa explotación laboral,
e tamén coas mulleres. As mulleres foron e seguen sendo identificadas, en moita
maior medida que os homes, co corpo: son cubertas para evitar a tentación,
exhibidas para provocar desexo, alquiladas para procrear (maternidade
subrogada), coaccionadas socialmente para manter un modelo físico perfecto,
violadas (en períodos de guerra e inseguridade social é unha das formas de
violencia que primeiro se instala)…
Certamente, o mercado servíu, en ocasións, para evitar abusos e conflitos
en torno á adquisiciós de bens (aínda que tamén provocou outros); pero o corpo
da muller non é un ben, nin é obxecto de disputa. O acceso a el non pode ser
considerado un dereito que o Estado deba regular. ¿En que modelos de identidade
queremos que se socialicen as mulleres do século XXI?
Publicado no Progreso o 14-4-2017