miércoles, 31 de enero de 2018

Fake News ou noticias falsas?




José Domingo de Prada


Cando 1938 Orson Welles emite o programa de radio A guerra dos mundos, non está tratando de fundar as fake news, pero si consegue alterar a aprehensión da realidade; é de sobra coñecido o efecto devastador e o pánico que induciu nos seus oíntes que, incrédulos nun primeiro momento, e aterrados despois, pensaron que estaban sendo invadidos polos marcianos. Isto a pesares de que Welles advertiu antes da emisión de que se trataba da adaptación dunha obra de ficción e dun posterior aviso da teatralidade do que se estaba emitindo. O programa era recibido como unha noticia crible e facía que se asumiran as posibles consecuencias do que realmente non pasaba, pero os oíntes imaxinaban que efectivamente si ocorría, aínda que, de feito,  non percibiran nada. Copias ou adaptacións do programa tiveron posteriormente as mesmas consecuencias (máis tráxicas nalgún caso, ao perdérense vidas).
Esta anécdota histórica ilustra unha situación que estamos a vivir nesta actualidade que quere re-comezar todo de novo, que non re-coñece (por ignorancia) o pasado e na que o que ocorre se presupón froito da xenialidade absoluta do momento presente. A Welles cábelle a honra de ser o inventor, sen intención, dun xénero novo nos medios de comunicación: elevar á categoría de realidade algo inexistente, é dicir, o que hoxe se denomina crear noticias falsas, ou na súa expresión inglesa «fake news».
Hai, con todo, matices entre o precedente e a situación actual. A maioría dos elementos que configuran unha noticia falsa xa están presentes en Welles: a difusión inmediata e explosiva (no seu caso a través da radio, na actualidade a través da Internet e as redes sociais), a absoluta desconexión da realidade (que permite ás falsas noticias carecer de referentes cos que comparalas), a persistencia, non excesiva, no tempo (o que posibilita recuperalas recorrentemente) ou a naturalidade do narrador (quen debe contar as falsidades como se foran verdades evidentes).
O elemento que diferencia a situación de Welles e a actualidade é a conciencia respecto da propia noticia. El non pretendeu enganar, no sentido de facer vital o engano, senón so de xerar unha ilusión representativa, teatralizar e dramatizar o engano. Que os oíntes confundiran a representación dramática coa realidade mostra a inxenuidade e o manipulable que é o ser humano. Realmente non somos moito máis ca un mero acubillo de prexuízos , temores, inseguridades e quiméricas expectativas que os produtores de falsas noticias aproveitan e explotan. Contra a inxenuidade de Welles está o interese dos organizadores das falsas noticias; contra a inocencia, a manipulación e contra o dominio do medio e o coñecemento da arte que permite forxar a ilusión da realidade oponse hoxe a facilidade e a inmediatez das redes que reiteran bulos de forma masiva.
Ao fin, inventar noticias falsas tampouco é realizar nada novo, non estamos continuamente modificando a realidade? esta modificación non nos permite acaso interpretala e alterala? canto tempo levamos sufrindo unha publicidade espuria e enganadora á que a duras penas podemos resistirnos? non temos aceptado explicitamente as deformadas lecturas da realidade que nos impuxeron a sangue e lume as diferentes elites?
Cando enfrontamos o mundo, este adquire sentido na medida en que o deformamos, e só podemos modificalo cando somos capaces de manipulalo (este vén sendo o principio da intelixencia). A mera representación das cousas non serve para nada, non nos deixa introducir cambios nelas e a fidelidade á realidade -á que moitas veces se da o nome de verdade- é incompatible coa comprensión da estrutura e do cambio do real.
Mentireiros compulsivos dedicámonos a reler, interpretar, cambiar, reestruturar, fragmentar, inventar e falsificar a realidade. Isto é o que nos permite adaptala aos nosos intereses. A que chamamos pois falsas noticias? pois tan só a aquelas que escapando da racionalidade común expúlsannos da zona de confort na que nos sitúan as nosas verdades.

Publicado no Progreso o 27-1-2018

jueves, 25 de enero de 2018

Líricos, épicos e dramáticos (estilos de pensar)



Juan Carlos Fernández Naveiro

Que me perdoen os puristas dos xéneros literarios pero este non é un artigo filolóxico. Trata de "tipos ideais", no sentido que lle deu Max Weber á expresión, modelos que reúnen un conxunto de caracteres identificable, aínda que non se dean exactamente así na práctica.
"A infancia é habitualmente lírica, estamos aínda inflamados de ego, somos egocéntricos e os sentimentos propios actúan como unha barreira infranqueable. Nos nenos é esperable que estean á merced dos fluidos que percorren o medio interno —a súa bendita heteronomía—, pero de maiores iso é bastante máis molesto, aínda que non por iso menos frecuente; nas rúas, oficinas e redes sociais proliferan cansinos cantos a min mesmo" (con perdón de Walt Whitman) que enxalzan as virtudes supostas de calquera, xente polo xeral propensa a estar airada e ser intransixente. A polarización e o radicalismo serían síntomas da mala lírica destes tempos.
Se os líricos viven na inxenuidade de crer que os seus sentimentos son o real, os épicos teñen a arrogancia (propia da xuventude) de crerse investidos dun relato (‘epos’) que o explica todo e para todo atopa dentro del xustificación apropiada, todo revirte a autoconfirmar as opinións previas. O épico deu o paso á razón, pero se embarca nunha razón delirante, cega e xorda a todo o que non sexa ela mesma; pasou do eu ao nós, pero da curso a un nós excluinte. Decreta a insuficiencia do real e crese investido dunha misión redentora. Mentres o lírico tende a recluirse no privado e a considerar que non hai nada máis alá (algo moi propio da infantilización da sociedade de consumo), o épico tende a invadir o público co seu relato e afogar a disidencia privada. No límite son «o zombi e o fanático», figuras coas que hai anos remataba Alain Finkielkraut o célebre e polémico libro ‘La derrota del pensamiento’.
Máis alá da exaltación do sentimento e da opinión queda o estilo dramático, a construción dun equilibrio inestable entre o privado e o público, entre o sentimento e a razón, a serena desesperación da madurez, o drama de vivir. Finalmente somos personaxes entre personaxes, portamos identidades precarias que só se definen polos seus actos e palabras, mentres o ego vese continuamente exposto ás contixencias dos outros, precisado de se reconfigurar, como un relato inacabado.
O estilo dramático oscila á súa vez entre dous extremos antagónicos, o tráxico e o cómico, que tamén poden mesturarse nun único estilo (traxicómico). Son dúas formas de saírse dos corsés da identidade, de expoñela a forzas que nos desbordan e nos cuestionan. Por eso o dramático é autocrítico, virtude da que son rigorosamente incapaces os líricos e os épicos; porque repara en que nin os sentimentos privados nin a razón común son materia suficiente para construir un refuxio que poida ser habitado e compartido.
Para iso é preciso romper as propias cadeas; para transcender as alturas do idealismo centrado no "ego" (no extremo: para fuxir do despotismo autista do zombi e o fanático), Deleuze distinguía dous modelos, por un lado o discurso das profundidades, o tráxico que nos abisma no indiferenciado, e polo outro o humor, un discurso que transcorre nas superficies e non se deixa atrapar por ningunha significación ríxida, discurso do absoluto singular. Pero opóñense menos do que poidera parecer porque ambos exploran límites, constatan o inabarcable do destino humano, o radical absurdo de vivir.
Son estilos de pensar pero ante todo son estilos de vida. Todos somos en grao variable líricos, épicos ou dramáticos según épocas ou circunstancias, e xestionamos como podemos esas mesturas. Que cada quen avalíe a súa figura no espello. Do que se trata, como lle di Marco Polo a Kublai Khan ao final de ‘Las ciudades invisibles’ de Italo Calvino, é de "saber recoñecer quen e que, no medio do inferno, non é inferno, e facelo durar e darlle espazo". Pero non é tanto unha elección como unha aprendizaxe.

Publicado no Progreso o 20-1-2018

martes, 16 de enero de 2018

Quizais...



María Isabel Sánchez Corral
 
Quizais este tema sexa xa coñecido, eu mesma escribín varios artigos sobre esta temática ou tocando aspectos que forman parte del: o patriarcado. Pero non podo deixar de escribir sobre isto cando no 2017 en España foron asasinadas 52 mulleres, segundo as estatísticas oficiais e 97 cando falamos de feminicidios fose do campo da oficialidade e as súas regras.
A pregunta ante o horror é sempre a mesma, por que? Pero ante ela, uns non queren responder e a outras non se lles escoita. Os uns son parte do problema, pois non se cuestionan a estrutura patriarcal que conforma unha sociedade cuxa base se asenta no poder do pai de familia, e onde as mulleres están sometidas e son dominadas polos homes.
O home a través da cultura debe dominar a natureza e polo tanto, dominar á muller que considera o natural fronte a el, que representa a cultura. A muller representa a familia e a esfera privada fronte ao home, que representa a sociedade e o ámbito público. Todo isto transmitiuse a través de diferentes mitos, neles as mulleres aparecemos como un castigo, personificamos a maldade e a perfidia. Pandora é creada por Hefesto e outros deuses, baixo as ordes de Zeus, para castigar o roubo do lume por parte de Prometeo.
Os homes terían lume a cambio dun belo mal: Pandora. E ela que era bela, mentireira, sedutora, intelixente, voluble e curiosa abriu a caixa que contiña os males humanos que se esparcieron por toda a Terra: a enfermidade, a pobreza, a vellez, as pragas, o odio, os vicios, a violencia, a tristeza… Todas as mulleres somos as herdeiras de Pandora: "Dela procede a liñaxe das mulleres, pois funesta é a liñaxe e a estirpe das mulleres" (Hesíodo).
Non se quedan atrás os relatos doutras relixións. O Antigo Testamento no seu libro do Xénese relata como Eva, unha muller, traizoa, mente, engana e peca pola súa curiosidade mal sana. A partir de aí para o home acabouse o paraíso, pero tiña a quen botar a culpa da súa desgraza, a unha muller.
O patriarcado e a sociedade retroalimentáronse na súa xénese e desenvolvemento. A sociedade técese a través das familias, estas fundaméntanse en relacións exogámicas e no intercambio das mulleres para cumprir co tabú do incesto, segundo Lévi Strauss. Un home non se casa coa súa filla, pero dálla a outro home co que establece unha relación entre dúas familias. As mulleres son moeda de cambio, a través delas técese a sociedade de forma artificial, de vínculos non consanguíneos. O home ao mesmo tempo que xeraba sociedade xeraba patriarcado.
Podemos pensar que isto se daba nas primeiras sociedades primitivas, pero non. O patriarcado é unha estrutura que percorre a historia. É verdade, que as condicións das mulleres variaron ao longo da historia e mesmo podemos dicir que nalgún aspecto melloraron dependendo da cultura da que falemos. Pero as mulleres seguen sufrindo a dominación e a desigualdade por parte dos homes; isto non se podería entender sen explicar o patriarcado como alicerce da sociedade. A súa manifestación máis visible son os feminicidios que só mostran unha cara, a da morte. A outra, a dos malos tratos continuados, a violencia psicolóxica, a agresión sexual, a violación, a ablación, a lapidación, o estigma menstrual, a explotación sexual non se ve tanto, e ás veces, esquécese á vez que apagamos a TV ou nos desconectamos da internet.
O Estado tamén exerce violencia contra as mulleres cando permite ou fomenta a desigualdade, a brecha salarial, a pobreza, a precariedade, a carga do traballo reprodutivo, os asasinatos de mulleres. Porque a súa estrutura é patriarcal e o patriarcado, como estrutura que é, subxace a fenómenos diferentes en sociedades e épocas diferentes. Tendo unha única consecuencia, a dominación e a desigualdade das mulleres. A desigualdade alimenta ao capital. Son as mulleres, na súa maioría, as que realizan o traballo reprodutivo e incorpóranse ao mercado laboral nas peores condicións de subalternidad e precariedade, nun mundo onde o home puxo as normas e cre que pode seguir facéndoo.
Cincuenta e dous asasinatos ou noventa e oito feminicidios, dúas lecturas: a do sistema e a feminista. Isto é o que nos permite ver como esa estrutura patriarcal mantense e interpreta uns feitos baixo a lectura de violencia con ou sen vínculo afectivo de parella ou exparella. A violencia que sufrimos as mulleres se non hai ou houbo vínculo afectivo parece ser que non é violencia de xénero. As violencias que invisibiliza o sistema non son violencia.
A medida póñena eles, o que é e o que non é violencia dítao o patriarcado. Polo tanto, non esperemos deles nin unha solución nin ningún cambio ao cal non se vexan obrigados, custa perder privilexios. Serán as outras, as alteridades, as mulleres feministas e os seus aliados as que busquen e atopen outros modelos, outras comunidades.

Publicado no Progreso o 13-1-2018