jueves, 28 de diciembre de 2017

A educación (onte e hoxe)



Elías Pérez Sánchez

Dicía xa Kant no século XVIII que os nenos debían ser educados non para o presente, senón para unha condición futura, posiblemente mellorada, de modo que se adapte á idea da humanidade e ao destino do home. O aserto kantiano gardaba unha sólida vinculación coa idea ilustrada do home como ser progresivo capaz de alcanzar a súa máxima condición humana a través da educación. Realmente o século XVIII (século da Ilustración) foi cualificado por algúns como o século pedagóxico por excelencia no que xurdiron dúas das figuras máis relevantes da pedagoxía e da educación como Rousseau e Pestalozzi, e nel desenvolverase a educación pública estatal e iniciarase a educación nacional.
Con todo, a educación foi unha cuestión central na reflexión filosófica ao longo da historia da humanidade. Sócrates, Platón e Aristóteles entendíana como unha necesidade, como unha ferramenta fundamental para acadar bos cidadáns felices, críticos, sociables, virtuosos e xustos de modo que o futuro da polis dependía do nivel de formación tanto dos seus gobernantes como dos cidadáns que a conformaban. Durante a Idade Media e a comezos da Idade Moderna a educación, dominada pola chamada Escola Tradicional ou antiga caracterizouse polo maxistrocentrismo, a rixidez (con escasos matices introducidos por Comenio) e o control dun proceso de aprendizaxe despersonalizado, marcado polo autoritarismo, cuxo obxectivo estaba centrado case exclusivamente na formación da intelixencia. Será, como dixen, a partir do século da Ilustración cando xurda unha Escola Nova que se estenderá nos séculos posteriores a través de Dewey, Montessori, Decroly, Freinet, Piaget ou Giner de los Ríos. Tratábase dunha escola paidocéntrica, participativa e dinámica que tiña como obxectivos esenciais que os futuros cidadáns alcanzasen unha formación integral educándoos para a vida e a liberdade potenciando sensatamente a creatividade, a reflexión, a capacidade crítica e a autonomía.
Hoxe, diversas causas de tipo económico, social e político están a determinar o afianzamento da hexemonía neoliberal nun mundo globalizado e, polo tanto, unha nova racionalidade instrumental (do paradigma neoliberal, enténdese) que concibe o mercado como un elemento regulador de decisións políticas e sociais baixo unha lóxica cuxos obxectivos primordiais son o individualismo, a atomización social, a procura da eficiencia, a eficacia e a rendibilidade, ideas acuñadas do eficientismo económico e aplicadas ao campo pedagóxico e educativo. Neste contexto vincúlase a educación co aparello produtivo entendéndoa como produción de capital humano que debe ser rendible economicamente. De aí a insistencia na necesidade de comprender a educación e o seu propio sistema como un camiño cara á empleabilidade. Os grandes ideais clásicos e modernos da educación son demolidos dun xeito insolente en beneficio dunha educación rendible, e son demolidos co consentimento de moitos. Que ninguén se queixe do futuro.

Publicado no Progreso o 23-12-2017

domingo, 17 de diciembre de 2017

Machismo posmoderno



Mar Carballo Cela

No ano 1979 Lyotard publica “A condición posmoderna”, anunciando un cambio de época. As pretensións da modernidade, herdeiras da racionalidade ilustrada e a súa idea de progreso, danse por fracasadas ó considerar que non aportan solucións axeitadas ás novas circunstancias sociais. A heteroxeneidade das novas sociedades require afrontar os problemas dende unha óptica máis relativista, deixando a un lado o que o autor define como “macrorrelatos” ou “metarrelatos”: discursos  ideolóxicos alternativos para a realización de ideais políticos, sociais ou económicos de emancipación universal que, ó seu parecer, acabaron caendo en actitudes totalitarias. Non faltaron voces contrarias, como a de Habermas, que saíron na defensa daquel proxecto moderno ó que non consideraban errado, senón inacabado, e que trouxera grandes avances sociais de recoñecemento de dereitos a todos os niveis.
En consonancia con esta nova interpretación posmoderna, foron xurdindo actitudes críticas ante certos logros da modernidade. É o caso do cuestionamento do feminismo clásico, que xa se vén identificando co nome de “posmachismo” por coincidir, precisamente, co contexto social, político e cultural da posmodernidade.
Miguel Lorente Acosta, no capítulo “La posmodernidad y la condición posmachista” do seu libro “Los nuevos hombres nuevos” (Destino, 2009), describe esta actitude como reaccionaria ante os avances conseguidos en materia de igualdade: é unha nova forma que adopta o machismo para perpetuarse e que nada cambie, pero sen unha oposición frontal e aberta, senón sutil e camuflada. Entre os seus postulados podemos atopar os seguintes:
1.         Terxiversar o significado da palabra “feminismo” opoñéndoa a “machismo”, e declararse partidarios dunha suposta neutralidade (nin machistas, nin feministas), afirmando sentirse atacados en tanto que homes, sen entender que o feminismo combate un estilo de vida, unha cultura, un modelo de home e de muller. Ser neutral, neste caso, significa ser indiferente ante a inxustiza: alguén se declararía neutral ante a escravitude?
2.         Minimizar a violencia de xénero: “Hai denuncias falsas”, “os homes tamén somos vítimas, pero non se denuncia ou ocúltanse datos”, cando hai evidencias estatísticas da falsidade destas afirmacións. Neste sentido cabe destacar que ningunha lei, máis que a de Violencia de Xénero, é cuestionada polo risco de denuncia falsa. Tamén é frecuente atribuír este tipo de violencia a circunstancias persoais, como o alcoholismo, os celos ou a pobreza, e non a motivacións de carácter cultural. Estamos vendo que, en ocasións, tamén se busca culpabilizar de maneira indirecta ás vítimas de violación: se estaban baixo os efectos das drogas, como ían vestidas, se se resistiron o suficiente, etc.
3.         Asociar a palabra feminismo a sucesos históricos tan deplorables como foi o nazismo: “feminazis”.
4.         Burlarse da linguaxe inclusiva. Poderase discrepar de como resolver os abusos da linguaxe, pero non é adecuado restarlle importancia á discriminación da que tamén fomos vítimas naquilo que tan profundamente nos fere a alma: as palabras.
Do que se trata, en definitiva, é de sementar dúbidas, de confundir para desacreditar, de querer que todo siga igual. Son actitudes que, ó carecer dun sustento ideolóxico solvente, dun argumentario sólido e coherente en contra do feminismo, redúcense a criticar as accións levadas a cabo en prol da igualdade. Poderase non estar de acordo con algunha destas accións, pero isto non invalida, en ningún caso, os principios que defenden.
Certamente, foron moitos séculos de patriarcado no que homes e mulleres nos educamos, e que conserva raíces profundas que custará desarraigar. A desorientación acompaña a todo proceso de cambio, pero a única opción para saír dela é a formación. Non podemos pretender espertar á comprensión profunda deste complexo e transcendente fenómeno social no que estamos inmersos, sen un esforzo persoal de análise e estudo que toda manifestación cultural require. Grande parte do problema reside, precisamente, nesta falta de interese, que relega este tema a unha posición marxinal por parte dun sector da poboación masculina, pensando que a mera intuición é suficiente para desentrañar o problema. A miúdo esta carencia é a culpable de que se sentan, segundo eles, excesivamente cuestionados, e declaren que sobre esta cuestión non se pode dicir nada sen ser increpados por unha “feminista radical” que analiza en exceso as súas palabras.
Non se pretende culpabilizar a ninguén dunha situación herdada, pero si se espera que se asuma a responsabilidade de non perpetuala.

Publicado no Progreso o 16-12-2017

Eduardo Pondal no século XXI



M. A. Martínez

No remate do centenario do pasamento do poeta Eduardo Pondal (1835-1917) compren, quizais, algunhas reflexións dun lector distraído. Que pode traer Queixumes dos pinos (1886) ao público actual e posmoderno?
Para un lector despreocupado, a primeira lectura de Queixumes (conxunto de case noventa seccións poéticas) compón unha unidade de sentido. É o relato fragmentario da aventura dunha conciencia en movemento, que progresa a través de pasaxes e fulguracións. O protagonista é un bo bergantiñán, traballador que camiña tras do seu carro de táboas, en noite de luar, entregado a soños e meditacións. Actor da primeira e dúas últimas seccións, é o axente enunciador que circunvala un itinerario de apoderamento, de apropiación (non enseñoramento) de si e do outro. As seccións poéticas de Queixumes son estadías fuxidías en variadas figuras do irrepresentable que adquiren representación poética: persoas e sitios, sentimentos e animais (entre outros).
O bo bergantiñán, traballador dobregado que adoita calar e servir, está territorializado na sociedade tradicional, estamental e sen memoria, escrava dos labores da terra e o mar, sita nos marcos temporais da relixión católica e o espazo do poder caciquil. Nel prende un proceso de desterritorialización aguilloado por presaxios, vagas lembranzas, sonoridades ignotas, isto é, saudades de non sabe que. Visión tras visión, audición tras audición, reterritorialízase na memoria (dun pasado impreciso) e a espera (dun acaso porvir): conciencia de ser(mos) libre(s). Reterritorialización liberadora que deita luz gradual sobre si e os outros, no aquí e agora.
Devir-bardo, devir-guerreiro, devir-corvo, devir-andoriña, devir-mar, devir-muller, devir-fada, calla nos poemas pondalianos non como invitación a converterse en bardo, guerreiro, corvo... Mais ben, trátase, primeiro, de liberar os predicados ordinarios destas figuras para, de seguido, encarnar o acontecemento que aínda non son, mais xa foron, e, por último, contra-efectuar o que son no espazo-tempo da sociedade tradicional. O obxectivo poético: elaborar sentidos aínda descoñecidos. Eis a creación poética! A diferenza entre corvo e devir-corvo debúxase entre unha entidade atrapada nunha máquina social que opón salvaxe a doméstico, e un proceso molecular que racha esa construción. A diferenza entre bardo e devir-bardo establécese entre un suxeito preso na máquina literaria que opón popular a intemporal, e un proceso molecular que extrae fluxos e liñas de fuga do que foi e aínda non é. A diferenza entre guerreira e devir-guerreira trázase entre unha figura feminina recluída na máquina familiar que opón intimidade a publicidade, e unha feminidade liberada dos atributos patriarcais. O poemario enxerga un acontecemento de sentido que en 1886 aínda non é. Un feixe de suxestións que na escrita pondaliana revélase nas fortes tensións entre a linguaxe tradicional, cargada de androcentrismos, e a lingua poética, que enxeña un dispositivo deconstructor de significados establecidos.
Agora, o noso lector de ocasión accede, con sorpresa, a unha segunda lectura na que atinxe unha dimensión desapercibida: o aspecto coral, de canto xeral. En Queixumes, todo fala. Mellor, o todo do que é, fala. Elementos materiais (piñeiros, mares, ventos) son natureza falante. Nomes de lugares e persoas da comarca do Bergantiños producen unha lóxica con sentido. Sentires (saudades, turbacións) e transformacións (súbitos estados de conciencia) aportan unha ética do acontecemento, do que está en transo suceder, mais non chega a acontecer. Física, lóxica, ética, arranxan o espazo literario do que pode dicirse, ou non, na literatura galega de 1886. Diso que pode ler e comprender quen ten saudade do social. Desde o punto de vista político e relixioso mais, tamén, na formulación poética e recursos dispoñibles da lingua que está, nese intre, acordando alianzas e lealdades. Tamén deslealdades. O noso lector, sorteando prexuízos e estereotipos da lectura, entrégase ceibe, por fin, a deambular entre versos.
Na terceira abordaxe, o silencio rompe como un trebón. O lector, desleixado e desposuído de si, accede aos silencios que apreixan os poemas de Queixumes. O primeiro, o silencio de dentro. Do que o poeta procura nomear, logra e non logra. Un ronco fondo, discurso indirecto no que emerxen figuras do irrepresentable. Liñas de fuga que non se funden co nome que apuntan. Efectos dun "lirismo democrático" (en palabras de Maria Dovigo) feitura da crítica ao poder das tradicións. O segundo silencio ven de fóra. É o silenciamento do primeiro. Resultado dunha operación de forclusión cultural. Silencio supernumerario que, despois de máis de cen anos, segue a funcionar para non ler os poemas de novo. Para esquivar, outra vez, o que non se deixa dicir e resulta difícil pensar. O que alimenta a conciencia de ser libres e, xa que logo, saberse escravos. A razón pola que Pondal arranxa un percorrido exclusivamente persoal e radicalmente democrático de apoderamento da propia conciencia. Aberto a calquera lector individual. E dirixido a calquera sociedade galega que se queira liberada no seu tempo.

Publicado no Progreso o 9-12-2017