José Domingo de Prada
Se hai algo que caracteriza este principio do século XXI é o decaemento da
razón. Non sabiamos que o significado da postmodernidade era este: perder o
ámbito do discurso e inserirnos no das apetencias. Do Logos grego que supera o
natural á intuición dos instintos como forma de supervivencia nas xunglas de
asfalto e cristal (en expresión de N. Carr). Da sublimación sacra do medieval e
a posterior secularización ilustrada do mundo na luz da razón á idolatría do mercado e á exaltación
da voracidade da apropiación a través da tarxeta de crédito.
Cando Fukuyama, desde a apoloxética neoliberal, proclamou o fin da
historia, moitos o leron como un sofisma sen ningún significado real.
Parecíalles que a burla se desprestixiaba a si mesma. Pero non foi así, pois o
fin da historia non significa que se paren os tempos, nin sequera que o
capitalismo vencera e quedara (polo menos de momento) sen rival. Esas foron as
lecturas sobre as que se asentou para expandirse, pero o seu significado é de
maior calado. O fin da historia retrata, máis ben caricaturiza, a situación na
que vivimos. Pendentes tan só do momento presente, sen pasado, sen memoria, vivindo ao día e no día, é dicir sen futuro,
sen proxección (quen se atreve hoxe a
calcular o seu futuro, a proxectar a súa vida?).
Vivimos nunha sociedade amnésica que só consegue facerse no instante e na
satisfacción instantánea do desexo. Hai un fin da historia porque hai unha
sociedade enferma que non quere asumila, que a esquece voluntariamente, e que
sobrevive na irracionalidade do máis esquivo presente, na hipersecreción de
afectos e quereres anódinos, descontextualizados, despersonalizados e uniformados
nun ‘me gusta’ universalizador. Sen historia non hai vontade pois, desde o
primeiro momento, a última dependeu da idea que se tivese sobre o mundo. Ao
carecer dun antes, acábase perdendo o despois. Sen pasado non hai futuro. Só
queda a inmediatez da compra compulsiva.
Para lograr esta destrución da memoria houbo que medirse antes coa razón. A
razón é logos, discurso, palabra, e consecuentemente se expresa na linguaxe. É
estoutro elemento no que se mostra a derrota da razón. Xa o advirte Adorno
cando analiza como a xerga destrúe a linguaxe. Destruída a linguaxe fenece o
pensamento. El aplica esta análise á xerga fascista, pero hoxe debemos aplicala
á neoliberal. Iso que algúns denominan politicamente correcto, liberalización
económica, postverdade, danos colaterais, ... que ideoloxía impón ‘o
correcto’?, e con que finalidade?, de que nos liberan senón de nós mesmos?, con
que argucia se pretende a verdade ‘despois de’?, por que non recoñecer que o
dano directo, que non colateral, somos nós e a nosa vida?
O logos é crítico e subverte a realidade para adecuala as súas esixencias,
ás esixencias do pensamento, da propia razón. No fondo, o sinal de identidade
de todo discurso é a crítica e a subversión. A súa dexeneración en xerga
sitúanos ante a improvisación, o seguidismo e a manipulación do presente
continuo, no acontecemento (por usar o termo de Bauman-Bordoni). Non podo
esquecer nestes momentos aquelas clases de relixión nas que se dicía que a
eternidade viña ser como vivir nun presente continuo. Lográmolo! Xa debemos ser
eternos, pois vivimos nese tipo de presente. Mágoa que teñamos que enfermar,
envellecer e morrer! Estabamos a punto de conseguir o mundo perfecto (de
conseguir mercalo, habería que puntualizar).
Comprenden agora como se acadou a sacralización do mercado?
Así pois a razón, vencida pola supervivencia natural do desexo, pola
historia finiquitada no eu, pola xerga ideoloxizada na manipulación, deixa oco
para que entren arribistas, ignorantes e ineptos; para que a amnesia remate en
afasia e para que os liberados polos dereitos se autoescravicen. Mercamos,
vendemos e educamos en irracionalidade e conformismo. Vexan, por exemplo, os
actuais programas de estudos (currículos, na xerga) hai máis horas de materias
optativas e libre configuración (específicas, na xerga) que de formación básica
(troncais, na xerga). Que ninguén proteste, cadaquén elixe. Todo á carta. Pero
no menú educativo quen escolle non sabe que lle van poñer no prato e desde logo
descoñece, como pasa coa comida lixo, cal vai ser o aporte de nutrientes. Ante
tamaño decaemento da razón ata é comprensible que supriman a filosofía nos
plans de estudos. A quen lle interesa que se pense? A quen pensar?
Publicado no Progreso o 7-1-2017