III Foro "Lugh Augusti"

martes, 10 de enero de 2017

A razón vencida



José Domingo de Prada
 
Se hai algo que caracteriza este principio do século XXI é o decaemento da razón. Non sabiamos que o significado da postmodernidade era este: perder o ámbito do discurso e inserirnos no das apetencias. Do Logos grego que supera o natural á intuición dos instintos como forma de supervivencia nas xunglas de asfalto e cristal (en expresión de N. Carr). Da sublimación sacra do medieval e a posterior secularización ilustrada do mundo na luz da  razón á idolatría do mercado e á exaltación da voracidade da apropiación a través da tarxeta de crédito.
Cando Fukuyama, desde a apoloxética neoliberal, proclamou o fin da historia, moitos o leron como un sofisma sen ningún significado real. Parecíalles que a burla se desprestixiaba a si mesma. Pero non foi así, pois o fin da historia non significa que se paren os tempos, nin sequera que o capitalismo vencera e quedara (polo menos de momento) sen rival. Esas foron as lecturas sobre as que se asentou para expandirse, pero o seu significado é de maior calado. O fin da historia retrata, máis ben caricaturiza, a situación na que vivimos. Pendentes tan só do momento presente, sen pasado, sen memoria,  vivindo ao día e no día, é dicir sen futuro, sen proxección (quen se atreve hoxe  a calcular o seu futuro, a proxectar a súa vida?).
Vivimos nunha sociedade amnésica que só consegue facerse no instante e na satisfacción instantánea do desexo. Hai un fin da historia porque hai unha sociedade enferma que non quere asumila, que a esquece voluntariamente, e que sobrevive na irracionalidade do máis esquivo presente, na hipersecreción de afectos e quereres anódinos, descontextualizados, despersonalizados e uniformados nun ‘me gusta’ universalizador. Sen historia non hai vontade pois, desde o primeiro momento, a última dependeu da idea que se tivese sobre o mundo. Ao carecer dun antes, acábase perdendo o despois. Sen pasado non hai futuro. Só queda a inmediatez da compra compulsiva.
Para lograr esta destrución da memoria houbo que medirse antes coa razón. A razón é logos, discurso, palabra, e consecuentemente se expresa na linguaxe. É estoutro elemento no que se mostra a derrota da razón. Xa o advirte Adorno cando analiza como a xerga destrúe a linguaxe. Destruída a linguaxe fenece o pensamento. El aplica esta análise á xerga fascista, pero hoxe debemos aplicala á neoliberal. Iso que algúns denominan politicamente correcto, liberalización económica, postverdade, danos colaterais, ... que ideoloxía impón ‘o correcto’?, e con que finalidade?, de que nos liberan senón de nós mesmos?, con que argucia se pretende a verdade ‘despois de’?, por que non recoñecer que o dano directo, que non colateral, somos nós e a nosa vida?
O logos é crítico e subverte a realidade para adecuala as súas esixencias, ás esixencias do pensamento, da propia razón. No fondo, o sinal de identidade de todo discurso é a crítica e a subversión. A súa dexeneración en xerga sitúanos ante a improvisación, o seguidismo e a manipulación do presente continuo, no acontecemento (por usar o termo de Bauman-Bordoni). Non podo esquecer nestes momentos aquelas clases de relixión nas que se dicía que a eternidade viña ser como vivir nun presente continuo. Lográmolo! Xa debemos ser eternos, pois vivimos nese tipo de presente. Mágoa que teñamos que enfermar, envellecer e morrer! Estabamos a punto de conseguir o mundo perfecto (de conseguir mercalo, habería que puntualizar).  Comprenden agora como se acadou a sacralización do mercado?
Así pois a razón, vencida pola supervivencia natural do desexo, pola historia finiquitada no eu, pola xerga ideoloxizada na manipulación, deixa oco para que entren arribistas, ignorantes e ineptos; para que a amnesia remate en afasia e para que os liberados polos dereitos se autoescravicen. Mercamos, vendemos e educamos en irracionalidade e conformismo. Vexan, por exemplo, os actuais programas de estudos (currículos, na xerga) hai máis horas de materias optativas e libre configuración (específicas, na xerga) que de formación básica (troncais, na xerga). Que ninguén proteste, cadaquén elixe. Todo á carta. Pero no menú educativo quen escolle non sabe que lle van poñer no prato e desde logo descoñece, como pasa coa comida lixo, cal vai ser o aporte de nutrientes. Ante tamaño decaemento da razón ata é comprensible que supriman a filosofía nos plans de estudos. A quen lle interesa que se pense? A quen pensar?

Publicado no Progreso o 7-1-2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario