Gonzalo Pérez López
Cando a democracia mórbida e de ínfima calidade
que padecemos hoxe iniciou a súa traxectoria con enormes eivas e atrancos, a
nosa óptica, desenfocada pola ilusión que provocaba, impediunos prever que
desembocaría no estado actual.
Ó fío do vendaval reaccionario que asola este
país, os poderes fácticos están dispostos a non deixar en pé resto algún, tanto
de democracia como de ilusión. É tal o nivel de degradación moral instalado nos
actuais detentadores do poder político, que os mesmos que actuaron como
colaboradores necesarios para que esta situación produciuse, teñen a ousadía de
presentarse como abandeirados da transparencia e a rexeneración democrática
para superala.
De transparencia e rexeneración poden falar
respectivamente o xefe do Estado e o presidente do Goberno, por citar os
actores máis significativos do esperpento? A que ven isto, entón?
O desencadeante de tamaña palabrería hai que
situalo nas recentes eleccións ao Parlamento Europeo. Os resultados das mesmas
agromaron certo espertar cidadán, o que puxo en garda aos que se alimentan
física e politicamente nunha institución, como a monarquía, esencialmente
antidemocrática por definición, e aos que, como o presidente, viven perversa e
comodamente instalados nun bipartidismo ritual consensuado como recurso para
salvagardar as formas na miseria participativa que sufrimos.
Reaccionaron despregando dúas liñas estratéxicas
complementarias: Por unha parte, tratando de eliminar o verbo ‘poder’ da
«gramática electoral alternativa» antes dos próximos comicios, demonizando e
«matando os mensaxeiros» e, por outra, apoderándose dunha linguaxe, que expresa
unha aspiración xusta da cidadanía, para banalizala e baleirala de contido, non
vaia ser que o nivel reivindicativo esixa a plasmación inmediata do verbal na
realidade. Así, sacaron á rúa as súas tropas mediáticas e os sacerdotes
encargados de interpretar o oráculo á súa comenencia, dispostos a converter en
besta a calquera que ousase poñer en cuestión os seus pronunciamentos
dogmáticos.
Ao confluír os intereses da xefatura do Estado,
do goberno, da oposición pactada e dos poderes fácticos aos que os anteriores
representan, a recente escenificación do transvasamento monárquico resultou
paradigmático do que sinalamos. Soportamos, con forzado estoicismo, falacias
tales como a de que quen viviu case trinta anos baixo o paraugas do ditador,
foi o que nos trouxo a democracia, que atentan á intelixencia de calquera e
vilipendian aos que arriscaron ou perderon as súas vidas loitando pola
restauración democrática.
É máis, nunha espiral imparable, gran parte dos
que teñen o monopolio da comunicación pretenderon xustificar, sen rubor
intelectual nin moral, a preferencia da monarquía fronte á república, é dicir,
a defensa do azar xenético vitalicio fronte á racionalidade, sempre revisable.
E neste escenario, o novo rei ofrece a
transparencia da institución que representa, como se el fose algo alleo á
mesma, un alieníxena que caeu na Terra coa coroa posta. E para empezar a
transparentar avala co seu silencio o aforamento urxente, único e
especialísimo, do abdicado rei.
Aínda quedaban rescaldos dos fastos da exaltación
monárquica cando o presidente, calculadora electoral en riste, lanza a proclama
da rexeneración democrática. De que rexeneración pode falar despois das
mentiras que o levaron á presidencia, da aceptación da corrupción no seu
partido, de gobernar de costas ó Parlamento e da lexislación antisocial que a
cotío ven aprobando? Se nas palabras do presidente houbese algún indicio de
sinceridade, a contribución á rexeneración empezaría pola súa dimisión.
Porque a transparencia e a rexeneración
democrática pasan, entre outras medidas, por: unha reforma constitucional que
afonde na independencia de poderes e na democracia participativa; unhas
institucións que convertan en reais os dereitos constitucionais; acabar cunha
lei electoral inxusta e promover outra realmente representativa; o programa
electoral como compromiso ineludible; a igualdade de todos ante a lei e o
exercicio efectivo da tutela xudicial sen exclusións; a independencia real do
poder xudicial; unha fiscalía ao servizo dos cidadáns e non xerarquizada para
evitar que o goberno interfira na acción da xustiza a través do fiscal xeral do
Estado; a devolución por lei do patrimonio público roubado, suprimir o
aforamento; introducir pola propia administración de xustiza elementos
correctores que garantan a equidade e eliminen o carrusel de indultos
interesados que adulteran o principio de igualdade ante a lei; un defensor do
pobo que sexa tal, independente de quen o nomea; eliminar de raíz,
especialmente do espazo público, calquera asomo de corrupción e do que a
facilite; a rexeneración (democracia interna, financiaciamento transparente …)
de partidos, sindicatos e toda organización que sirva de canle de
representación; respectar o Parlamento, evitando o decreto lei e a tramitación
urxente de leis como forma habitual de gobernar; a eliminación da endogamia e o
enchufismo como vías de acceso ao emprego público; acabar coa privatización de
servizos e empresas públicas rendibles e a socialización das perdas das
empresas privadas a expensas do erario público; a imposibilidade de pasar de
ministro ao consello de administración dunha empresa privada relacionada co
ramo; obrigar as empresas a cumprir íntegros os contratos firmados para obras
públicas, sen inxección posterior de cartos desde as institucións que as
promoveron; a progresividade real dos impostos, orientada a que a distancia
entre os máis ricos e os máis pobres tenda a cero; antepoñer os intereses das
persoas aos dos mercados; educación, sanidade e servizos sociais públicos e de
calidade; o exercicio dos cidadáns do dereito a coñecer e entender as decisións
dos tres poderes e a acceder ás contas do Estado e das institucións que se
financian cos nosos impostos; crear medios de comunicación públicos ao servizo
de todos os cidadáns e non do executivo; deixar de manter como reservados os
papeis de interese público, como os do 23-F; un poder civil que non faga
xenuflexións ante o poder relixioso, denunciando o concordato, deixando de soster
a igrexa con cartos públicos, facendo realidade a laicidade do estado; o
recoñecemento pleno de minorías e sensibilidades diversas; facilitar á
sociedade civil as canles de participación e decisión que como tal lle
corresponden.
Pero, se ti, que coma min aspiras á cidadanía en
sentido pleno, non percibes con claridade na túa vida diaria o efecto das
condicións rexeneradoras expostas, entón o que prima é a opacidade e a
degradación democrática. Que non te enganen!
Publicado no Progreso o 2-8-2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario