III Foro "Lugh Augusti"

sábado, 4 de octubre de 2014

Dexeneración democrática



Gonzalo Pérez López

Cando a democracia mórbida e de ínfima calidade que padecemos hoxe iniciou a súa traxectoria con enormes eivas e atrancos, a nosa óptica, desenfocada pola ilusión que provocaba, impediunos prever que desembocaría no estado actual.
Ó fío do vendaval reaccionario que asola este país, os poderes fácticos están dispostos a non deixar en pé resto algún, tanto de democracia como de ilusión. É tal o nivel de degradación moral instalado nos actuais detentadores do poder político, que os mesmos que actuaron como colaboradores necesarios para que esta situación produciuse, teñen a ousadía de presentarse como abandeirados da transparencia e a rexeneración democrática para superala.
De transparencia e rexeneración poden falar respectivamente o xefe do Estado e o presidente do Goberno, por citar os actores máis significativos do esperpento? A que ven isto, entón?
O desencadeante de tamaña palabrería hai que situalo nas recentes eleccións ao Parlamento Europeo. Os resultados das mesmas agromaron certo espertar cidadán, o que puxo en garda aos que se alimentan física e politicamente nunha institución, como a monarquía, esencialmente antidemocrática por definición, e aos que, como o presidente, viven perversa e comodamente instalados nun bipartidismo ritual consensuado como recurso para salvagardar as formas na miseria participativa que sufrimos.
Reaccionaron despregando dúas liñas estratéxicas complementarias: Por unha parte, tratando de eliminar o verbo ‘poder’ da «gramática electoral alternativa» antes dos próximos comicios, demonizando e «matando os mensaxeiros» e, por outra, apoderándose dunha linguaxe, que expresa unha aspiración xusta da cidadanía, para banalizala e baleirala de contido, non vaia ser que o nivel reivindicativo esixa a plasmación inmediata do verbal na realidade. Así, sacaron á rúa as súas tropas mediáticas e os sacerdotes encargados de interpretar o oráculo á súa comenencia, dispostos a converter en besta a calquera que ousase poñer en cuestión os seus pronunciamentos dogmáticos.
Ao confluír os intereses da xefatura do Estado, do goberno, da oposición pactada e dos poderes fácticos aos que os anteriores representan, a recente escenificación do transvasamento monárquico resultou paradigmático do que sinalamos. Soportamos, con forzado estoicismo, falacias tales como a de que quen viviu case trinta anos baixo o paraugas do ditador, foi o que nos trouxo a democracia, que atentan á intelixencia de calquera e vilipendian aos que arriscaron ou perderon as súas vidas loitando pola restauración democrática.
É máis, nunha espiral imparable, gran parte dos que teñen o monopolio da comunicación pretenderon xustificar, sen rubor intelectual nin moral, a preferencia da monarquía fronte á república, é dicir, a defensa do azar xenético vitalicio fronte á racionalidade, sempre revisable.
E neste escenario, o novo rei ofrece a transparencia da institución que representa, como se el fose algo alleo á mesma, un alieníxena que caeu na Terra coa coroa posta. E para empezar a transparentar avala co seu silencio o aforamento urxente, único e especialísimo, do abdicado rei.
Aínda quedaban rescaldos dos fastos da exaltación monárquica cando o presidente, calculadora electoral en riste, lanza a proclama da rexeneración democrática. De que rexeneración pode falar despois das mentiras que o levaron á presidencia, da aceptación da corrupción no seu partido, de gobernar de costas ó Parlamento e da lexislación antisocial que a cotío ven aprobando? Se nas palabras do presidente houbese algún indicio de sinceridade, a contribución á rexeneración empezaría pola súa dimisión.
Porque a transparencia e a rexeneración democrática pasan, entre outras medidas, por: unha reforma constitucional que afonde na independencia de poderes e na democracia participativa; unhas institucións que convertan en reais os dereitos constitucionais; acabar cunha lei electoral inxusta e promover outra realmente representativa; o programa electoral como compromiso ineludible; a igualdade de todos ante a lei e o exercicio efectivo da tutela xudicial sen exclusións; a independencia real do poder xudicial; unha fiscalía ao servizo dos cidadáns e non xerarquizada para evitar que o goberno interfira na acción da xustiza a través do fiscal xeral do Estado; a devolución por lei do patrimonio público roubado, suprimir o aforamento; introducir pola propia administración de xustiza elementos correctores que garantan a equidade e eliminen o carrusel de indultos interesados que adulteran o principio de igualdade ante a lei; un defensor do pobo que sexa tal, independente de quen o nomea; eliminar de raíz, especialmente do espazo público, calquera asomo de corrupción e do que a facilite; a rexeneración (democracia interna, financiaciamento transparente …) de partidos, sindicatos e toda organización que sirva de canle de representación; respectar o Parlamento, evitando o decreto lei e a tramitación urxente de leis como forma habitual de gobernar; a eliminación da endogamia e o enchufismo como vías de acceso ao emprego público; acabar coa privatización de servizos e empresas públicas rendibles e a socialización das perdas das empresas privadas a expensas do erario público; a imposibilidade de pasar de ministro ao consello de administración dunha empresa privada relacionada co ramo; obrigar as empresas a cumprir íntegros os contratos firmados para obras públicas, sen inxección posterior de cartos desde as institucións que as promoveron; a progresividade real dos impostos, orientada a que a distancia entre os máis ricos e os máis pobres tenda a cero; antepoñer os intereses das persoas aos dos mercados; educación, sanidade e servizos sociais públicos e de calidade; o exercicio dos cidadáns do dereito a coñecer e entender as decisións dos tres poderes e a acceder ás contas do Estado e das institucións que se financian cos nosos impostos; crear medios de comunicación públicos ao servizo de todos os cidadáns e non do executivo; deixar de manter como reservados os papeis de interese público, como os do 23-F; un poder civil que non faga xenuflexións ante o poder relixioso, denunciando o concordato, deixando de soster a igrexa con cartos públicos, facendo realidade a laicidade do estado; o recoñecemento pleno de minorías e sensibilidades diversas; facilitar á sociedade civil as canles de participación e decisión que como tal lle corresponden.
Pero, se ti, que coma min aspiras á cidadanía en sentido pleno, non percibes con claridade na túa vida diaria o efecto das condicións rexeneradoras expostas, entón o que prima é a opacidade e a degradación democrática. Que non te enganen!

Publicado no Progreso o 2-8-2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario