lunes, 11 de noviembre de 2019

Xornada de reflexión (democrática)


José Domingo de Prada

Lerán vostedes estas liñas na xornada de reflexión dunhas novas eleccións. Quizais se pregunten se deben acudir a votar, ou se deben repetir o voto das últimas eleccións ou cambialo. Nos medios de comunicación reitéranse cunha insistencia desmedida mensaxes referentes ao tedio democrático (volver a votar, todo vai seguir igual, son gastos innecesarios para o estado, ninguén vai amañar isto....). Non cansen. Non cedan ante a desinformación nin ante intereses, digámolo claramente, antidemocráticos. Voten, e cando voten, irremediablemente terán que facelo tomando a súa decisión con informacións limitadas e imperfectas. Non temos máis. É certo que isto pode producir certo desacougo nos suxeitos ao careceren da seguridade de cal vai ser a consecuencia futura da súa decisión, pero o voto é unha aposta de futuro, de esperanza e de construción de realidade.
A pesar de que sexan imperfectas, máis aínda, representativas, oligárquicas, sectoriais, intrigantes —e a isto engádanlle todos os defectos que se lles ocorran, a democracia segue a ser a mellor forma de goberno da que dispoñemos e tamén a máis feble e a que require de maiores coidados. Se temos esta visión negativa dela é porque seguimos sendo platónicos, porque aínda cremos en mundos e gobernos perfectos e porque herdamos ese recendo aristocrático e antidemocrático que destilan os escritos de Platón.
A democracia, tal como a entendíamos ata hoxe, non é máis que a toma de decisións e acordos aceptables por unha comunidade, a construción de consensos en discusións libres e reais e estes, tendo en conta a argumentación de Habermas, teñen que levarse a cabo por persoas libres, reais e vivas. O problema é que hai indicios que mostran que isto está a cambiar moi rapidamente e que, desde o que se está a denominar principio do realismo posmoderno, rexéitase calquera acordo ou decisión na que nós non participaramos. Pénsese a este respecto na lexislación negativa —literalmente eliminar normas, acordos ou consensos elaborados por alguén anterior— que se está a producir en moitos estados, no noso tamén, o que propicia moitas veces o desánimo e potencia a non participación.
Así, o gran inimigo da democracia somos nós mesmos, a apatía dos cidadáns ou se prefiren utilizar termos máis actuais o pasotismo político ou a abstención. Votar é un acto simbólico que constrúe realidade, e ademais, unha realidade moi concreta que non existe se este acto non se realiza. Delegar o proceso participativo significa literalmente ceder dereitos propios e sucumbir á aristocracia (por usar termos vellos), á ditadura, sexa esta do poder económico, institucional ou do coñecemento. Polo tanto, débese votar, e ademais, débese votar a aqueles partidos ou representantes políticos que manteñan o seu compromiso coa defensa e potenciación da democracia.
Hai que estar alerta ante as demagoxias que, como na época clásica, intentan conducirnos por direccións interesadas sen que nos decatemos. A demagoxia, que como sabemos, non é un invento moderno, senón dos sofistas que, en política, defenden a condución do pobo e ensinan erística (ou a arte de persuadir), a cal evidentemente deixa de lado a verdade, concepto fundamental para o mundo grego ata ese momento. Xa saben vostedes como hoxe, técnicas publicitarias, asesores, especialistas e expertos de todo tipo promoven esta demagoxia e aconsellan aos políticos como persuadirnos para que votemos as súas respectivas opcións. Analicen con coidadoso raciocinio todos estes elementos e voten en función do seu proxecto de futuro e da súa propia vontade, non da dos outros. Boa elección.

Publicado no Progreso o 9-11-2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario