Xosé Ramón Cando Vázquez
A correlación entre o
incremento de violencia e a redución do benestar económico e social acompañado
da frustración ocasionada pola diminución das expectativas de éxito na
consecución de recursos felicitantes, é un fenómeno constatado en todo tempo e
lugar, abondosamente retratado na literatura e, en xeral, nas artes. Comentaba
un amigo meu, na derradeira década do XX, que paseando polas zonas de vivendas
unifamiliares de Nova Inglaterra decatouse de que ninguén pechaba con chave
cando saía da casa, non se consideraba preciso porque, mais alá doutras
consideracións, era unha xeografía do benestar. Igualmente, mencionaba que se
tiñas interese en visitar as zonas empobrecidas da cidade de Boston, debías
abandonar o taxi no lindeiro das mesmas porque ningún taxista se arriscaba a
circular por elas.
A desigualdade está na orixe
de boa parte da violencia a que están sometidas as sociedades humanas. Non é a
pobreza “per se” de todos os membros a que fundamenta a violencia, porén
se dita pobreza afecta a unha parte ou aínda mais, se é consecuencia dun
proceso de depauperización, no que hai individuos que perden a condición (en perspectiva
actual) de “suxeitos con recursos para o consumo” as probabilidades de actos
violentos hanse incrementar. Estariamos ante manifestacións de “violencia
directa” fronte á percepción (mais ou menos subxectiva) de sofrer o que os
estudosos de Educación para a Paz
entenden como a súa contraria (conforme a Heráclito) “violencia
estrutural”. Ou sexa, que se hai gromos de violencia nas nosas cidades o
incremento de forza pública, ou o endurecemento das condenas pode ser útil pero non vai resolver
o problema, simplemente entrariamos nunha carreira delincuencia/represión cuxo
remate preséntase no infinito (ou no cero, mais probablemente).
Historicamente, en casos
semellantes, empregáronse alternativas consistentes en converter esa violencia
que actúa como forza cega tráxica no seo das sociedades en ferramenta poderosa
ao servizo dalgún obxectivo que pode ser interior ou exterior. Fai uns centos
de anos, cando a situación estaba a piques de rebentar, dirixíase a atención
cara a xudería, tiña lugar unha masacre e producíase unha especie de catarse.
Tamén foi, historicamente, habitual, buscar un enfrontamento con outro
principado para dar saída a esa forza tráxica ou, na época colonial, desviala
cara outros territorios. Outramente, téñense dado circunstancias nas que esa
forza conectada con ideas de carácter, mais ou menos emancipador, ten producido
importantes revolucións que cambiaron transcurso da Historia.
Na actualidade os guetos
xudeus non existen pero segue a darse violencia de carácter étnico e, entre
nos, resulta preocupante a propaganda contra as persoas estranxeiras pobres que
ten cada vez mais acollida, mesmo, entre persoas tradicionalmente críticas co
modelo económico/social. O enfrontamento entre estados non parece unha saída
viable no noso contexto polo que, mais alá da excitación do nacionalismo
excluínte dentro do propio país, semella non ter moito futuro. Por outra banda
xa non quedan imperios coloniais nin é posible a Conquista do Oeste, polo que
esta alternativa tampouco non parece que poida actualizarse. Canto á revolución
dos mais desfavorecidos, non se albisca nin conciencia de clase nin proxecto
ideolóxico practicable, sobretodo despois do descrédito non que está afundida
a Revolución de Outubro. Neste senso, xa
se ocupa o “monstro amable” de xerar ideoloxías diversas que manteñen disperso
ao persoal porque como explica Chomsky: “Os individuos teñen que estar
atomizados, segregados e sós, non pode ser que pretendan organizarse porque
neste caso poderían converterse en algo máis que en simples espectadores
pasivos”.
Lémbrese,
unha vez mais o proceso histórico de perda de dereitos que tivo lugar a partir
do século V, a entrega da liberdade a quen se constituíría en señor feudal, nun
contexto amedrentador no que quedou suprimida a “pax romana”. Klein ten
descrito a reconstrución, fraccionada en guetos, da cidade de Nova Orleáns,
despois do ciclón Katrina, na que a cidadanía economicamente mais favorecida
contrata a administración da súa nova sociedade urbana a empresas privadas que
a fornecen de todos os servizos, incluído o de vixilancia e seguridade. Para
decatarse da viabilidade desta privatización do uso da forza, hai que ser
conscientes da existencia, ademais, de poderosos exércitos mercenarios que
poden chegar, nalgún caso, a vinte mil efectivos. Que pode pasar en caso dunha
percepción acusada e masiva de inseguridade? Podería regresar algún xeito de
feudalismo no que as persoas sen moitos recursos se entreguen, de balde, a
outras ás que confiar a súa seguridade?
Despois
deste breve percorrido por algunhas das condicións de posibilidade da violencia
e as súas alternativas, procede dicir que as reflexións anteriores teñen mais a
ver cun hipotético futuro non desexable e que estamos a tempo de evitar, que
cun presente que na nosa contorna non resulta ameazador, agás para quen,
demagoxicamente, pretenda obter rédito económico e/ou político.
Publicado no Progreso o 21-9-2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario