José Domingo de Prada
No inicio dun novo curso non sobra unha mínima reflexión sobre o traballo,
máxime entre nós, acostumados como estamos a recorrer ás ideas xeniais,
inspiracións divinas, cando non ás meras ocorrencias do momento.
É un tópico nas clases de filosofía explicar como o termo traballo deriva
etimoloxicamente do latín ‘tripalum’ que designaba un elemento de tortura
composto por tres paos nos que ataban ao reo que querían castigar. Hai que
matizar que o ‘tripalum’ non se aplicaba á aristocracia, senón preferentemente
a escravos.
Así, o traballo porta un sentido negativo nas culturas clásicas onde o
individuo libre, o aristócrata, non traballa e dedica o seu ocio á
contemplación teórica, á comprensión da realidade e á participación nos asuntos
públicos, nomeadamente dirixir o estado.
Á concepción clásica superpúxoselle despois a xudeo-cristiá que contempla o
traballo como unha forma máis do castigo divino a Adán e Eva por desobedecer as
súas leis. Isto propicia entre nós a concepción pexorativa do traballo que
adoita escoitarse, e non só nos centros escolares.
O cambio de valoración chegou da man da modernidade, anticipada, en parte,
polo protestantismo, como posteriormente analizará Max Weber no seu estudo
sobre as relacións entre a ética protestante e o capitalismo, no que incide no
novo papel que adquire o traballo como a forma para incrementar a riqueza particular
e incluso para maximizar a obtención da mesma. Destaca Weber que esta situación
non é allea á consideración do enriquecemento persoal como un sinal da
predestinación á salvación eterna. Evidentemente isto non forma parte do
catolicismo.
Pero os grandes expoñentes do cambio teórico do modelo conceptual do
traballo van ser dous autores que defenden intereses antagónicos. Por un lado,
John Locke que iniciará o liberalismo económico e, por outro, Karl Marx
impulsor do pensamento comunista.
Locke proclamará a existencia dun dereito natural a apropiarnos da riqueza
que atopemos na natureza e este dereito fundaméntase no traballo. Cada quen
poderá dispor libremente de tanta riqueza como o seu traballo lle permita
acumular, aínda que el poña como límite que deberá deixar riqueza bastante para
que tamén outros poidan apropiarse suficientemente dela. Á vez, refírese ao
traballo do individuo, non a apropiarse da riqueza que produce o traballo
doutros individuos, pero estes foron os matices da teoría orixinaria que
despois esqueceu o posterior desenvolvemento do liberalismo ou máis tarde do
capitalismo.
A partir desta evolución do termo, o pensamento de Marx tivo que
enfrontarse á acumulación excesiva de riqueza en poucas mans, o que deixaba á
maioría dos individuos sen acceso posible a ela. Redefiniu o concepto de
traballo transformándoo no eixo da natureza humana. Somos, fundamentalmente,
seres traballadores. Esa é a nosa principal característica, a capacidade de
traballar, é dicir, de resolver de forma planificada as nosas necesidades, de
transformar a natureza para satisfacer esas necesidades. Temos aquí unha tarefa
irredutible para o ser humano, pois somos seres naturais e, como tales, non
podemos prescindir de dar satisfacción a tales necesidades se queremos manter a
nosa existencia.
O problema, para Marx, é como o traballo acaba perverténdose e en vez de
completar a realización humana termina escravizándonos. A culpa desta situación
está na evolución dos modos de produción, xa que o traballo non é un feito illado,
senón que depende dunhas determinadas relacións sociais que son as que
estruturan como se realiza en cada momento histórico e en cada sociedade
particular. Denuncia que as sociedades capitalistas organizan o traballo en
función da acumulación de beneficios por parte da clase burguesa e a
explotación da clase proletaria, o que fai que o traballo volva a percibirse
novamente como escravitude, co paradoxo engadido que só nos sentimos humanos
cando realizamos actividades puramente animais.
En 1930 John Maynard Keynes, un economista liberal de amplo prestixio e influenza,
nun xogo de análise do futuro conclúe que á volta duns cen anos (estamos a
punto de cumprilos) non será necesario traballar alén de tres horas diarias
para compensar as necesidades da natureza humana. O resto do tempo só cabe
dedicalo a buscar un sentido á propia vida, quizais máis como facía a antiga
aristocracia que como fan as modernas clases adiñeiradas presas dun luxo e un
ocio compulsivos.
Entre medias, nós seguimos atrapados polo vello concepto de traballo como
obriga ou como castigo, sen ser capaces de entendelo como autoafirmación, nin
como realización, nin como mera satisfacción das necesidades. Tampouco
conseguimos entendelo como liberación,
nin como salvación e seguimos “fuxindo del como da peste” (Marx) e pretendendo
ocupar o seu lugar coa improvisación e a folganza.
Publicado no Progreso o 14-9-2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario