José Domingo de
Prada
Lerán vostedes estas liñas na xornada de reflexión dunhas novas eleccións.
Quizais se pregunten se deben acudir a votar, ou se deben repetir o voto das
últimas eleccións ou cambialo. Nos medios de comunicación reitéranse cunha
insistencia desmedida mensaxes referentes ao tedio democrático (volver a votar,
todo vai seguir igual, son gastos innecesarios para o estado, ninguén vai
amañar isto....). Non cansen. Non cedan ante a desinformación nin ante
intereses, digámolo claramente, antidemocráticos. Voten, e cando voten, irremediablemente
terán que facelo tomando a súa decisión con informacións limitadas e
imperfectas. Non temos máis. É certo que isto pode producir certo desacougo nos
suxeitos ao careceren da seguridade de cal vai ser a consecuencia futura da súa
decisión, pero o voto é unha aposta de futuro, de esperanza e de construción de
realidade.
A pesar de que sexan imperfectas, máis aínda, representativas,
oligárquicas, sectoriais, intrigantes —e a isto engádanlle todos os defectos
que se lles ocorran—, a
democracia segue a ser a mellor forma de goberno da que dispoñemos e tamén a
máis feble e a que require de maiores coidados. Se temos esta visión negativa
dela é porque seguimos sendo platónicos, porque aínda cremos en mundos e
gobernos perfectos e porque herdamos ese recendo aristocrático e
antidemocrático que destilan os escritos de Platón.
A democracia, tal como a entendíamos ata hoxe, non é máis que a toma de
decisións e acordos aceptables por unha comunidade, a construción de consensos
en discusións libres e reais e estes, tendo en conta a argumentación de Habermas,
teñen que levarse a cabo por persoas libres, reais e vivas. O problema é que
hai indicios que mostran que isto está a cambiar moi rapidamente e que, desde o
que se está a denominar principio do realismo posmoderno, rexéitase calquera
acordo ou decisión na que nós non participaramos. Pénsese a este respecto na
lexislación negativa —literalmente eliminar normas, acordos ou consensos
elaborados por alguén anterior— que se está a producir en moitos estados, no noso
tamén, o que propicia moitas veces o desánimo e potencia a non participación.
Así, o gran inimigo da democracia somos nós mesmos, a apatía dos cidadáns
ou se prefiren utilizar termos máis actuais o pasotismo político ou a
abstención. Votar é un acto simbólico que constrúe realidade, e ademais, unha realidade
moi concreta que non existe se este acto non se realiza. Delegar o proceso participativo
significa literalmente ceder dereitos propios e sucumbir á aristocracia (por
usar termos vellos), á ditadura, sexa esta do poder económico, institucional ou
do coñecemento. Polo tanto, débese votar, e ademais, débese votar a aqueles
partidos ou representantes políticos que manteñan o seu compromiso coa defensa
e potenciación da democracia.
Hai que estar alerta ante as demagoxias que, como na época clásica,
intentan conducirnos por direccións interesadas sen que nos decatemos. A
demagoxia, que como sabemos, non é un invento moderno, senón dos sofistas que, en
política, defenden a condución do pobo e ensinan erística (ou a arte de
persuadir), a cal evidentemente deixa de lado a verdade, concepto fundamental
para o mundo grego ata ese momento. Xa saben vostedes como hoxe, técnicas
publicitarias, asesores, especialistas e expertos de todo tipo promoven esta
demagoxia e aconsellan aos políticos como persuadirnos para que votemos as súas
respectivas opcións. Analicen con coidadoso raciocinio todos estes elementos e
voten en función do seu proxecto de futuro e da súa propia vontade, non da dos outros.
Boa elección.
Publicado no Progreso o 9-11-2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario