Mar Carballo Cela
Dicía o escritor Elie Wiesel, Premio Nobel da Paz en 1986, que cando chega
o odio xa é demasiado tarde. El viviuno en carne propia, sobrevivente dos
campos de concentración nazis de Auzchwitz e Buchenwald foi vítima do discurso
do odio.
Se deixamos que sinalen grupos humanos como culpables dalgunha das nosas
situacións persoais e sociais (estranxeiros, mulleres, homosexuais, xudeus…),
se lles aplicamos a eses discursos, equivocamente, a equidistancia da liberdade
de expresión, estamos favorecendo que o odio enraíce no corazón de gran parte
da poboación (sempre hai motivos para buscar un culpable) e unha vez instalado
xa non permitirá argumentos, porque as emocións poderán máis. O odio cultívase,
fabrícase, e sempre se dirixe cara a aqueles grupos que caen baixo a categoría
de “os/as outros/as” ós que, no fondo, se pensa que xa se lles fixeron
suficientes concesións, por iso non deben pedir demasiado: ser iguais.
Cando a cúspide da xerarquía do poder se sente ameazada, porque os
privilexios e os roles sociais se removen, esta reacciona. E a este respecto
resulta interesante a análise que leva a cabo Michael Kimmel, sociólogo
estadounidense especialista en estudos de xénero, sinalando como factor
determinante do movemento reaccionario actual en occidente o avance de
políticas públicas favorables ó feminismo. En “Hombres Blancos Cabreados: La
masculinidad al final de una era” (2013) explica como unha parte da poboación
masculina interpreta estas políticas como unha penalización da súa condición de
homes, sendo aproveitado este descontento para mobilizalos cara á movementos
ultraconservadores que reafirmen a súa masculinidade (medidas políticas máis contundentes propias de “homes de
verdade” así como defensa de prácticas culturais agresivas, negacionismo con
respecto da violencia machista e rexeitamento da educación para a igualdade,
homofobia, supremacismo, etc). Vitimízanse ó ver cuestionada a identidade de
dominio na que foron educados, séntense perdidos, incluso humillados, e
reaccionan con rabia. Desde logo, non é a única causa, pero si unha das máis
potentes continuamente presente nos seus discursos, o cal demostra que sen unha
análise de xénero non podemos entender a profundidade da realidade política
(non esquezamos que os seus votantes son moi maioritariamente homes).
Se mantemos unha actitude xeneralizada de neutralidade ante a
narrativa do odio estamos desprotexendo
ás vítimas e alentando ó verdugo, porque non tomar partido é sempre tomar
partido. Estamos ante o paradoxo da tolerancia que xa Popper presentou despois
dos sucesos acaecidos na Segunda Guerra Mundial, e que nas democracias actuais
volvemos recuperar como reflexión fundamental sobre os límites do tolerable
hoxe en día.
Creo que é unha obriga cidadá impedir que se normalicen discursos que
inciten ó desprezo e ó rancor, protexendo sempre un núcleo duro de valores
fundamentais de respecto á dignidade humana. A homofobia, a xenofobia, o
machismo atopan novas formas de manifestarse, agochándose en relatos que
atentan gravemente contra esa dignidade, danan ás persoas no máis profundo e
destrúen vidas inxustamente. Que motivo hai para permitir contalos?
A democracia enfróntase, probablemente, ó seu reto máis difícil: ata onde
pode dar voz e cabida ós seus propios inimigos sen risco de ser destruída? En
que punto se atopa esta liña que nos advirte do perigo real de traspasar os
límites da nosa propia autodestrución como organización política tolerante?
Quizáis tiña razón Platón, e a evolución natural propia da democracia
lévanos de novo á tiranía debido á aparición de demagogos que nos manipulan,
pero autoconvencernos do inevitable do devir histórico non leva máis que á
lamentación inmobilista.
A periodista turca Ece Temelkuran, na súa obra “Cómo perder un país: Los
siete pasos de la democracia a la dictadura” (2019), alerta a occidente de que
a democracia hoxe tamén se pode perder nas urnas e que, de feito, esta é a vía
pola que está en risco de perderse, permitindo que mensaxes sinxelas que
sinalan inimigos fáciles de identificar ós que poder responsabilizar dos nosos
males, callen nos sectores que, por calquera motivo, se senten máis
vulnerables. Este é un recurso doado de acceso ó poder, pola simpleza das súas
explicacións e a eficacia para identificar a causa, aínda que sexa falaz, dos
problemas sociais. Deste xeito créanse votantes desinformados que toman
decisións irracionais sen ter conciencia de que atentan, incluso, contra os
seus propios intereses ( Chomsky).
Xa non será un golpe de estado, nin unha revolución. Se o permitimos, será
mediante o exercicio democrático das eleccións.
Publicado no Progreso o 30-11-2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario