miércoles, 8 de enero de 2020

Delimitarse


José Domingo de Prada

O mundo grego representaba o ideal de perfección na esfera. Marabillábanse ante a exactitude da equidistancia do centro con todos os puntos que a delimitan. Así, definían o perfecto como unha combinación entre o límite e o medible, e atribuían esta forma esférica a todo aquilo que querían resaltar. Por citar só algúns exemplos, Parménides menciona unha “verdade ben redonda”, cando relata a descrición que a deusa lle fai do auténtico coñecemento, os atomistas Leucipo e Demócrito atribúen forma esférica aos átomos sutís que configuran a alma, e incluso Platón describe o universo como un ser vivo, evidentemente, con forma esférica.
Contraposta á representación da esfera, o inconmensurable simboliza ao que carece de medida e, por tal motivo, non disporá de límites nin forma. Asimílano ao Caos orixinario, situación primeira e previa a calquera delimitación ou formación que poida constituír o Cosmos, a orde.
O concepto mudará coa chegada do cristianismo, que ao ser unha relixión monoteísta, racha coa delimitación que o panteísmo grego impoñía aos seus deuses, poderosos só en certos aspectos. O cristianismo presenta un Deus omnipotente, sen limitación nin límites; equipara este concepto de Deus infinito co de perfección e reserva estes atributos exclusivamente para Deus. O desenvolvemento histórico do pensamento medieval forxarase entre a infinitude divina e as limitacións humanas que deben someterse e con-formarse á vontade de Deus (ou dos seus representantes).
Coa posterior irrupción do Renacemento recupérase (en parte) o mundo clásico, e os conceptos de forma, límite e medida van ser un dos piares do pensamento e da ciencia modernas. Serán agora as leis, preferentemente as matemáticas e as físicas, as que mostren a perfección do universo e nelas exprésase a orde e a limitación. Estas leis, ademais, amosan unha relación interna, polo que o universo moderno redescúbrese como unha engrenaxe coordenada de múltiples pezas que funcionan sincronicamente.
Pero na medida que nos achegamos aos tempos actuais, denominados desde Lyotard posmodernidade, obsérvase como, outra vez, estamos a perder o concepto de límite (faremos xurdir unha nova Idade Media?). Ilimitado e infinito, volven a ser conceptos base deste novo tempo, reflicten mellor non só o noso pensamento, senón tamén a nosa actuación manifestándose, iso si, baixo denominacións eufemísticas presentes na desproporción na que se desenvolve a vida actual.
Podemos observar isto en moitos ámbitos: na ciencia, perda do determinismo e da vixencia das leis causais; na matemática e na lóxica, introdución dos cálculos estatísticos, polivalentes e difusos, no pensamento, perda da secuenciación lineal da razón; na política, rexeitamento de todo o que non proveña do noso grupo e que no ámbito social dá lugar á aparición das verdades alternativas (que literalmente esnaquizan a mencionada “verdade ben redonda”); no coñecemento, coa ‘infinita’ avalancha de datos que anulan o saber; na comunicación, coa instantaneidade da transferencia de información e as redes sociais; na economía, coa virtualidade da especulación financeira que só xera beneficios e non riqueza e así unha longa serie.
Pero quizais onde a ausencia de límites adquire maior relevancia é no ámbito da ética e do comportamento. Agora, o ser infinito carece da exclusividade divina e pasa a ser característico dunha pluralidade de seres humanos (aínda que non da totalidade), que previamente vénse reducidos a súa faceta de consumidores aos que se lles outorga unha carga aparentemente ilimitada de dereitos, todos os cales se compilan e manifestan no mercado. Como é sabido, a publicidade presta voz a esta situación e entrambos levan ao suxeito posmoderno a desembocar na perda de referentes e polo tanto de límites. Queda así un ser descentrado, a-morfo, de-formado polo comercio e o consumo, pero que pode ser atraído desde distintos ámbitos en función dos intereses do momento. As mensaxes que refiren a este ilimitado no ámbito da conduta do mercado son iterativos e, como cantos de sirena, tentan mover ao consumidor alén de calquera medida. Mensaxes tan irracionais como: ‘Pide o que queiras’, ‘Mércao todo’, ‘Todo para ti’, ‘Es ti quen decide’ refiren a esa inconmensurabilidade e ausencia de límites, e amosan a irracionalidade que impide a realización do humano. Só a recuperación da medida poderá re‑centrarnos, e farao en tanto nos de-limitemos e nos con‑formemos desde a racionalidade que estes tempos nos están negando.

Publicado no Progreso o 4-1-2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario