martes, 14 de enero de 2020

A soidade do 1%


Xosé Ramón Cando Vázquez



Segundo afirman os entendidos na materia, a economía española está controlada polo 1% da poboación, isto non quere dicir que esas persoas sexan propietarias do país, simplemente que,  a través de diversos entramados, determinan o seu funcionamento. A autoproclamada Coalición Progresista que nos vai gobernar (se lle deixan) ten anunciado un incremento da fiscalidade que semella vai afectar ao 0,8% da poboación. É evidente que o grupo de persoas  incluídas nesta porcentaxe constitúen a maioría da poboación que se mencionaba como detentadora do poder económico, polo que é probable que a esa minoría non lle caia en graza a Coalición Progresista e, polo tanto, deseñe as estratexias que estime oportunas para que, á maior brevidade, se produza un cambio nas políticas anunciadas ou, se fose preciso, un cambio de Goberno.
O mencionado 1% da poboación nunca podería gobernar porque, dado o seu número, nunca podería obter a lexitimidade democrática que procede do sufraxio cidadán. En consecuencia e para poder controlar o poder político do mesmo xeito que controla o económico debe buscar outras estratexias mais efectivas que pedir directamente o voto, estratexias que, de xeito indubidable, contarán cun esmagador apoio económico. Deste xeito financiaranse “think tanks” que poden aparecer como prestixiosos departamentos de estudos de senlleiros bancos, como fundacións que “de maneira altruísta” fan análises e prognósticos económicos, como institutos de investigación que con  “toda obxectividade e imparcialidade” informan á xente sobre as actitudes vitais mais recomendables e todo isto, claro, transmitido á opinión pública a través de todos os altofalantes posibles: prensa, radio, televisión, plataformas diversas, redes sociais, etc.
Como xa se dixo, con só o 1% da poboación non se pode gobernar democraticamente polo que hai que comprometer a outros grupos sociais, pero resulta difícil conseguir o apoio do persoal coa mensaxe “apóianos para que poidamos seguir sendo unha minoría privilexiada” polo que é preciso deseñar outras mensaxes que se aproximen aos desexos do resto da cidadanía, mensaxes que a poder ser conecten mais coas vísceras que coa lóxica porque se pretende mover a vontade, non estimular a reflexión previa a dito movemento. Tendo en consideración a afirmación do humano como “sapiens/demens” que estableceu Morin, trátase de achegarse o mais posible ao demens deixando o mais lonxe que se poida ao sapiens.
O mencionado 1% non está comprometido con ningunha patria como temos oportunidade de constatar acotío e a proba incuestionable da súa insolidariedade é a existencia dos chamados “paraísos fiscais” pero na medida da súa comenencia ten interese en explotar o natural sentimento de pertenza da poboación e co adubo dos mitos pertinentes crear ficcións que sosteñan as construcións políticas  que en cada momento histórico mellor se acomoden aos intereses dos grupos privilexiados. Estas unidades políticas poden revestir formas diferentes e mesmo opostas, vexamos algúns exemplos:
a) As polis gregas eran unidades políticas que tal como sucede coas actuais tiñan pretensión de eternidade baseada en fundamentos míticos.
b) O imperio romano era obra dos deuses e o propio emperador era deus, este era  abono necesario para manter en pe aquel artificio.
c) A conquista do mundo por parte dos árabes a partir do século VII era mandato de Alá e o Califato era a expresión do poder do mesmo.
d) A virxe de Covadonga e o apóstolo Santiago inspiraron a “reconquista” que está na orixe desa España que hai quen considera providencial e polo tanto inmorredoira.
Nos catro casos observamos que as unidades políticas, operativas en cada momento, teñen unha orixe convencional, son artificios aos que se dota dun fundamento mítico pero que, como todo artificio, son efémeras e cunha caducidade que procede da súa obsolescencia.
O citado 1% non está comprometido con ningunha forma de goberno, monarquía ou república, ou con ningunha relixión, pero os seus altofalantes difundirán mensaxes (coa correspondente dose de irracionalidade mítica) que tendan a arraigar nas vísceras os modelos que mellor se acomoden, transitoriamente, aos seus intereses e que, como constatamos, non teñen por que ser os mesmos nos distintos países.
Varios pensadores teñen analizado o compoñente irracional do ser humano, a dualidade esencial que o constitúe, O mencionado Morin (sapiens/demens), Nietzsche (apolíneo/dionisiaco) ou Freud (principio de pracer/principio de realidade) deixan claro que non é posible unha vida humana equilibrada, harmónica, na que dita dualidade non se vexa recoñecida e canalizada, pero iso non quere dicir que non debamos tentar ser conscientes dos motivos da nosa vontade. Os mitos son produto da socialización dos instintos e teñen escaso contacto coa lóxica, non teñen por que ser compartidos universalmente e de feito non o son polo que só queda a súa imposición mais ou menos violenta. Se se pretende unha convivencia satisfactoria hai que erguela sobre o que todos e todas comparten e iso tamén son dúas cousas, a razón e a palabra, deixando no ámbito privado o que non ten por que compartirse e que, seguramente, resultará felicitante dende a óptica individual.
A enumeración das estratexias que o 1% da poboación que controla o poder económico se ve obrigado a desenvolver para manter o control político precisaría mais espazo e mais vagar pero é algo que todo o mundo coñece e non precisa deste “iluminado” para tomar conciencia, reflexionar e actuar en consecuencia.

Publicado no Progreso o 11-1-2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario