martes, 28 de enero de 2020

A importancia dunha boa teoría


Mar Carballo Cela

Prescindir da interpretación feminista da historia supón unha análise incompleta de calquera realidade política e social. Sen ela, non podemos entender en profundidade o pasado e o presente do mundo humano, porque a interpretación feminista non é un compartimento teórico que explique unicamente a vida das mulleres, senón que, obviamente, atravesa todo relato que pretenda dilucidar calquera estrutura social. Que a nivel global máis do 50% da poboación se atope ó longo da historia nunha situación subordinada polo feito de compartir a mesma condición sexual require, cando menos, que nos paremos a analizar seriamente as causas. Non é unha cuestión menor aínda que así o siga parecendo, dado que non se adoita incluír este feito nas análises políticas, a excepción dos foros especializados dos estudos de xénero.
Como di Celia Amorós, poucas cousas hai tan prácticas como unha boa teoría. Así que, se queremos entender e actuar en consecuencia  necesitamos, pois, dunha boa teoría. E a isto se dedicaron as feministas da Terceira Onda, acuñando o termo “patriarcado” para designar un sistema político fortemente arraigado en todo o planeta, que nos permite comprender a base máis profunda da estrutura social: división sexual do traballo; en base a isto, ámbitos diferenciados de actuación para mulleres e homes (privado/público); imposición de patróns de comportamento tamén diferenciados (roles de xénero); e, dado que o espazo público é masculino, poder político exercido por homes desde ese prisma de xénero no que foron educados, é dicir, configuración das relacións sociais desde a subordinación e desvalorización do feminino. De aquí é de onde vimos, e tamén desde este paradigma debemos abordar a cuestión política
A política patriarcal, que relega o coidado ó ámbito doméstico, cuberto polo traballo feminino (e, por tanto, desvalorizado) dá como resultante unha consideración do público baseada nos caracteres que se lle supoñen á virilidade: competitividade, éxito entendido como acumulación de poder e de riqueza, racionalidade, ambición, conflito, xerarquización; de tal maneira que, “aínda que parezan neutrais, os mecanismos institucionais da sociedade global están marcados claramente polo xénero” (Octavio Salazar, “Masculinidades y Ciudadanía”, 2013). Nisto último insiste tamén Amelia Valcárcel (“Feminismo en el mundo global”, 2008) cando advirte, por exemplo, que non podemos desentrañar o que foron os réximes fascistas e o seu pensamento sen analizar o seu compoñente sexista, xa que precisamente este era o rasgo central sobre o que se asentaban a maior parte das súas características, aínda que se ignore sistemáticamente a obra das teóricas feministas para a súa análise.
A tradición feminista é liberadora e humanista. Non en van culminou a Segunda Onda na Declaración Universal dos Dereitos Humanos, froito dos esforzos dunha feminista, Eleanor Roosevelt. Por iso convén non perder de vista, recuperando ás palabras de Celia Amorós, que é a solvencia da teoría feminisita, a súa solidez e profundidade de análise, a que nos segue unindo nas nosas reivindicacións, por moitas manobras de distracción que intente o sistema. E, desde esta teoría e a súa solvencia, somos capaces de discernir qué medidas políticas serven para crear un novo modelo social máis xusto que nos libere da histórica subordinación e nos axude a consolidar unha mellor convivencia para todas e todos. Un modelo que inclúa a ética dos coidados tamén na política, sen consideralos secundarios; un modelo que non enmascare baixo o lema da libre elección a perpetuación da desigualdade, a explotación e a cousificación das mulleres (prostitución, pornografía, ventres de aluguer); un modelo que resolva os conflitos mediante o diálogo, que reoriente o éxito persoal fóra da ambición e o enriquecemento persoal, coas consecuencia que isto ten para o noso medio natural,  etc. En definitiva, un modelo político que supere as estruturas de poder derivadas da xerarquía sexual.

Publicado no Progreso o 25-1-2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario