M. A. Martínez
Observemos calquera traballo que implique esforzo e dedicación intelectual.
Nas sociedades avanzadas da investigación, desenvolvemento, comunicación e
innovación, cada vez son máis numerosos. Entre as súas características están a
especialización funcional, o forte compromiso persoal, o exercicio da
profesionalidade intelixente. Mais, recentemente xorde un trazo inquietante.
Este traballo, útil no social e o persoal, é sometido a un xuízo externo
periódico que ditamina que é necesario ou importante no seu desempeño. Malia
estar claro que calquera actividade retribuída debe someterse a control e
avaliación, os efectos sobre este tipo de traballo poden ser contraproducentes.
A primeira consecuencia é que o traballo intelectual, despoxado da súa
espontaneidade e libre exercicio, autoformación e autorrevisión, resta anulado.
Dubidar do recto exercicio dun profesional erosiona o seu compromiso persoal,
sempre entusiasta mais delicado. A supervisión e control externos, de ser
realizados con criterios espurios, discrecionais, pouco contrastados na súa
validez, tende, paradoxalmente, a converter o traballo en incomprensible para a
sociedade e gravoso para o individuo.
En segundo lugar o instrumento principal do traballo intelectual, a
intelixencia, o pensamento, redúcese a unha serie disposicións inconexas,
absurdas: implementar matrices, revisar unha e outra vez o produto elaborado,
avaliar sen cesar o proceso de elaboración (lembremos que non estamos a falar
de produción fabril, actividades repetitivas, xestión ou distribución). Devagar
infíltranse valores e prioridades alleos á propia actividade e aos seus
resultados. Como sucede isto?
A noción do que é importante establécese só desde un punto de vista
organizativo. A do actual mídese segundo as tendencias máis poderosas no ámbito
produtivo. A do accesorio atende á orde de valores da práctica dominante.
Organización, produción, praxe dominante, rexen desde fóra o traballo
intelectual. Con que finalidade?
Quen establece o relevante adoita erguer o trivial á categoría de
imprescindible. Quen fixa o actual mimetiza e reproduce irreflexivamente a
violencia do sistema. Quen ditamina o prescindible, invalida argumentos que
empregan a lóxica, decreta a súa inintelixibilidade. Este desprezo ao traballo
teórico non é só por agnosia intelectual, resentimento ignorante (explicación
psicolóxica). Máis ben, a persoa que traballa intelectualmente é, neste tempo
histórico, substituíble por outros axentes ou, directamente, por ningún
(explicación sistémica). Así, o xesto de quen administra e xestiona o traballo
intelectual é tender a prescindir da persoa que o desempeña.
Os procesos de supervisión e avaliación, beneficiosos se son transparentes
e autocríticos, afogan o labor intelectual de tal modo que a subxectividade
pensante non pode integrarse na esfera de tarefas heterónomas impostas desde
fóra. A subxectividade pensante convértese nun lastre e a existencia en
angustiosa. O pragmatismo que pretende xestionar o traballo intelectual é
paradoxal: sacrifica o suxeito creador de verdades e obxectividades en nome da
verdade e obxectividade que di promover. A fixación pragmática, que renuncia a
autognose, é o criterio desta nova forma de pensar, tan pegada á realidade que
a propia realidade xa non a tolera.
Só no distanciamento do pragmático a realidade cobra autonomía e o
pensamento capacidade de comprensión. A distancia non é unha zona de confort ou
seguridade. É un campo de tensión cognitiva, o elemento vital do pensamento
libre e a realidade non cousificada. O resto é reprodución mimética do que hai.
De non detectar isto a tempo, a esixencia de xustiza pode rebordar a nosa
capacidade de satisfacela, o intolerable chamar ás nosas portas, o temor
estrinxir a intelixencia.
Publicado no Progreso o 5-11-2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario