martes, 2 de diciembre de 2014

A Unesco, a filosofía no ensino



M. A. Martínez

O xoves 20 de novembro celebrouse o Día Mundial da Filosofía. Este acontecemento data do ano 2005 no que a conferencia xeral da Unesco institúe oficialmente o terceiro xoves do mes de novembro para destacar a importancia da filosofía na formación da xente nova.
Esta celebración anual ten como obxectivo renovar, reforzar e ampliar o compromiso coa presenza desta materia nos sistemas educativos mundiais. A través da Unesco, a ONU alenta os seus membros a traballar pola súa promoción, fortalecemento e extensión en todos os niveis do ensino. Cales son as razóns polas que unha institución internacional adquire este compromiso explícito coa filosofía?
Sabemos que a filosofía apodera as persoas coa capacidade do pensamento crítico e independente. Así acadan unha mellor comprensión do mundo globalizado e de si mesmas. Adquiren a aptitude de entretecer unha sabia defensa da súa autonomía e dignidade, nun contexto (mundial, nacional) no que se prevé unha perigosa progresión da vulnerabilidade legal das cidadanías, exclusión cultural dos grupos sociais máis desfavorecidos, manipulación informativa das poboacións e abuso de poder por grupos de interese globalizados. Unha boa maneira de estar formados para entender e poñer couto a estes desafíos é aprender as destrezas que aporta o pensamento filosófico.
Asemade, o ensino da filosofía ofrece os fundamentos conceptuais dos principios e valores da paz e seguridade mundiais: democracia, imperio da lei, dereitos humanos, tolerancia, xustiza, igualdade, liberdade (a Unesco nomea a filosofía como «escola de liberdade» na súa estratexia internacional e no documentado informe de 2007). Os métodos filosóficos actuais fornecen de enfoques (innovadores, plurais) para albiscar solucións a problemas que, a día de hoxe, nos superan: a deshumanización laboral e incremento do sufrimento psíquico, o uso e abuso das novas tecnoloxías, a utilización e manipulación dos procesos biolóxicos, a creación e reparto do traballo, a pobreza e acumulación desmesurada de riqueza, por dicir algúns. O tratamento racional destes asuntos disipa o recurso á violencia, á guerra. Prepáranos para a paz. Fomenta a seguridade global e local.
En terceiro lugar, o ensino da filosofía axuda a desmontar os argumentos das condutas baseadas nos valores da dominación, predación, cobiza, afán de lucro. Condutas que, con teimuda reiteración, provocan crises ecolóxicas, económicas, humanas. A filosofía proporciona unha visión construtiva: aparta do imaxinario social a idea de que a perfección, invulnerabilidade e control sobre os demais son os únicos aspectos da vida adulta que nos fan prosperar, acadar o benestar. A meditación filosófica esperta o interese polos demais, estimula a empatía para imaxinar os problemas que lles afectan, crea a capacidade para emocionarnos moralmente. Coidármonos, practicar a axuda mutua, sermos éticos, pode ser unha opción de vida razoable e preferible.
Precisamente o Día Mundial da Filosofía é útil para lembrar que a filosofía fainos éticos, non corruptos. Que a ética é necesaria na vida pública das sociedades avanzadas. Que sen ela non é posible o comercio, a actividade económica, as transaccións financeiras, a confianza no cumprimento dos contratos, acordos e pactos. Mais para poder practicala, a sociedade ten que aprendela. A ética non é innata. É un saber práctico que se ensina e se aprende. Ten os seus métodos, procedementos, principios. Ben asimilado pode ser frutífero para as relacións económicas entre as persoas e a súa mutua satisfacción.
Sen estudar ética, sen ética no sistema educativo, ou cunha ética caricaturizada como etiqueta e protocolo social, condenámonos nós, e as xeracións vindeiras, a ter unha formación moral deficiente, fráxil, volátil. A ética cívica non se basea no capricho ou no adoutrinamento. Fundaméntase na filosofía, na argumentación racional, crítica, autocrítica, que busca a xustiza entre pares.
Sen ética os axentes económicos pérdense nos vieiros do mutuo receo, temor, deslealdade. A economía para as persoas tórnase imposible. As relacións comerciais non se desenvolven e morren. Os intercambios financeiros paralízanse. O benestar colectivo tórnase unha ficción. Triúnfan a especulación, a corrupción, a mentira. Xa que logo, a ética ten que ser aprendida por todos e ensinada polos profesionais que teñen a formación académica especializada: as profesoras e profesores de filosofía.
O recente premio Nacional das Letras, o filósofo Emilio Lledó, recordounos esta semana, con vehemente franqueza, dous feitos tan evidentes que soen pasar desapercibidos: a filosofía é a conciencia crítica do noso tempo e a ética a columna vertebral dunha sociedade sa.

Publicado no Progreso o 22-11-2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario