M. A.
Martínez
O xoves 20 de novembro celebrouse
o Día Mundial da Filosofía. Este acontecemento data do ano 2005 no que a
conferencia xeral da Unesco institúe oficialmente o terceiro xoves do mes de
novembro para destacar a importancia da filosofía na formación da xente nova.
Esta celebración anual ten como
obxectivo renovar, reforzar e ampliar o compromiso coa presenza desta materia
nos sistemas educativos mundiais. A través da Unesco, a ONU alenta os seus
membros a traballar pola súa promoción, fortalecemento e extensión en todos os
niveis do ensino. Cales son as razóns polas que unha institución internacional
adquire este compromiso explícito coa filosofía?
Sabemos que a filosofía apodera
as persoas coa capacidade do pensamento crítico e independente. Así acadan unha
mellor comprensión do mundo globalizado e de si mesmas. Adquiren a aptitude de
entretecer unha sabia defensa da súa autonomía e dignidade, nun contexto
(mundial, nacional) no que se prevé unha perigosa progresión da vulnerabilidade
legal das cidadanías, exclusión cultural dos grupos sociais máis
desfavorecidos, manipulación informativa das poboacións e abuso de poder por
grupos de interese globalizados. Unha boa maneira de estar formados para
entender e poñer couto a estes desafíos é aprender as destrezas que aporta o
pensamento filosófico.
Asemade, o ensino da filosofía
ofrece os fundamentos conceptuais dos principios e valores da paz e seguridade
mundiais: democracia, imperio da lei, dereitos humanos, tolerancia, xustiza,
igualdade, liberdade (a Unesco nomea a filosofía como «escola de liberdade» na
súa estratexia internacional e no documentado informe de 2007). Os métodos
filosóficos actuais fornecen de enfoques (innovadores, plurais) para albiscar
solucións a problemas que, a día de hoxe, nos superan: a deshumanización
laboral e incremento do sufrimento psíquico, o uso e abuso das novas
tecnoloxías, a utilización e manipulación dos procesos biolóxicos, a creación e
reparto do traballo, a pobreza e acumulación desmesurada de riqueza, por dicir
algúns. O tratamento racional destes asuntos disipa o recurso á violencia, á
guerra. Prepáranos para a paz. Fomenta a seguridade global e local.
En terceiro lugar, o ensino da
filosofía axuda a desmontar os argumentos das condutas baseadas nos valores da
dominación, predación, cobiza, afán de lucro. Condutas que, con teimuda
reiteración, provocan crises ecolóxicas, económicas, humanas. A filosofía
proporciona unha visión construtiva: aparta do imaxinario social a idea de que
a perfección, invulnerabilidade e control sobre os demais son os únicos
aspectos da vida adulta que nos fan prosperar, acadar o benestar. A meditación
filosófica esperta o interese polos demais, estimula a empatía para imaxinar os
problemas que lles afectan, crea a capacidade para emocionarnos moralmente.
Coidármonos, practicar a axuda mutua, sermos éticos, pode ser unha opción de
vida razoable e preferible.
Precisamente o Día Mundial da
Filosofía é útil para lembrar que a filosofía fainos éticos, non corruptos. Que
a ética é necesaria na vida pública das sociedades avanzadas. Que sen ela non é
posible o comercio, a actividade económica, as transaccións financeiras, a
confianza no cumprimento dos contratos, acordos e pactos. Mais para poder
practicala, a sociedade ten que aprendela. A ética non é innata. É un saber
práctico que se ensina e se aprende. Ten os seus métodos, procedementos,
principios. Ben asimilado pode ser frutífero para as relacións económicas entre
as persoas e a súa mutua satisfacción.
Sen estudar ética, sen ética no
sistema educativo, ou cunha ética caricaturizada como etiqueta e protocolo
social, condenámonos nós, e as xeracións vindeiras, a ter unha formación moral
deficiente, fráxil, volátil. A ética cívica non se basea no capricho ou no
adoutrinamento. Fundaméntase na filosofía, na argumentación racional, crítica,
autocrítica, que busca a xustiza entre pares.
Sen ética os axentes económicos
pérdense nos vieiros do mutuo receo, temor, deslealdade. A economía para as
persoas tórnase imposible. As relacións comerciais non se desenvolven e morren.
Os intercambios financeiros paralízanse. O benestar colectivo tórnase unha
ficción. Triúnfan a especulación, a corrupción, a mentira. Xa que logo, a ética
ten que ser aprendida por todos e ensinada polos profesionais que teñen a
formación académica especializada: as profesoras e profesores de filosofía.
O recente premio Nacional das
Letras, o filósofo Emilio Lledó, recordounos esta semana, con vehemente
franqueza, dous feitos tan evidentes que soen pasar desapercibidos: a filosofía
é a conciencia crítica do noso tempo e a ética a columna vertebral dunha
sociedade sa.
Publicado no Progreso o 22-11-2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario