Elías Pérez Sánchez
Nas últimas décadas, a palabra democracia, tornouse nun concepto inerte e
nun tótem incuestionable e intocable, como diría o profesor de Harvard Dani
Rodrik. Despois de anos de políticas neoliberais nos que a democracia se ha
reducido á liberdade de elección e ao libre mercado, as institucións e os
réximes democráticos cambaléanse, perdendo o seu sentido. Esta foi utilizada
durante anos ao servizo de fins economicistas convertendo o que debería ser un
fin en si mesmo en tan só un medio. Porén, co xurdimento de novos movementos
sociais e políticos reivindicativos dunha nova democracia participativa, a
palabra parece tomar forma de novo, moldeándose e construíndose á vez que a
cidadanía (Marcos Roitman).
Sobre a democracia, precisamente, reflexiona o libro publicado polo selo
editorial ObenComún -selo editorial de Espazo, colectivo de intervención
política e cultural-, titulado (Re)Pensar a democracia, libro que se presentará
o 29 de xuño na librería Trama de Lugo. Como se di no limiar, o libro está
pensado para achegar reflexións sobre a democracia, a radicalidade e os seus
límites. Neste volume abórdase, ademais da razón filosófica (Juan C. González
Naveiro) as seguintes razóns políticas: o proceso constituínte e a construción
dunha nova democracia máis radical (Xoán Hermida), o rescate efectivo da
democracia desde abaixo, desde os concellos (Laia Ortiz e Sergio de Maya); a
pobreza global e as alternativas de contido feminista e postcolonial (Teresa
Cunha); e para finalizar, a modo de epílogo, dos dereitos -e tamén das
obrigacións- da cidadanía, nomeadamente do dereito á cidade como extensión do
dereito á felicidade (Luís Villares).
Non podemos deixar de entender a democracia como un proxecto que se
constrúe desde a cotidianeidade. O seu avance dependerá da súa práctica real e
da xeración dunha verdadeira cultura democrática. Repensar a democracia pasa
pola imperiosa necesidade de realizar unha análise profunda da sociedade na que
vivimos e que queremos priorizar, por revisar os nosos valores e os nosos ideais
entendendo que o camiño é difícil e está infestado de fortes resistencias e
obstáculos que dificultan a súa mellora. Nas nosas mans queda se queremos unha
democracia transformadora ou unha democracia que xere e reproduza fortes
desigualdades.
Publicado no Progreso o 24-6-2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario