M. A. Martínez
A cuestión da orde, e o seu sentido, retorna a nós como espectro do
reprimido. Desde os recantos dos puntos cegos da reflexión, regresa, e pide ser
repensada. Reclama recuperarse na consciencia de varias xeracións que fixeron
dela un ángulo morto, o grao cero da comprensión, o personaxe que encarna a
comedia do sen sentido e a traxedia da dominación.
Mais lembremos. No pensamento occidental hai tres grandes tipos de orde que
marcan o seu rumbo e significado. O primeiro é o cosmos. É unha orde das cousas
na que todas encontran o seu lugar e sentido. O segundo tipo é o edicto. Un
mandamento, ou unha lei, tras da que hai un mandatario, gobernante, emisor de
disposicións de obrigado cumprimento. A orde ten validez que fornece o seu
funcionamento normal. O terceiro tipo de orde é a medida, o número. Fai posible
un aparello artificial como o computador, os códigos. Algúns afirman que o
mundo posmoderno pode prescindir dos primeiros tipos de orde. Inclusive, grazas
á intelixencia artificial, pode liberarse do terceiro. Para eles a continxencia
é a esencia da sociedade posmoderna. Isto que significa?
A continxencia significa que cada orde podería ser diferente a como é.
Inclusive non ser. A continxencia é o convencional, froito dun acordo novo,
pacto inédito, que non se encontra nunha condición «de feito». Pode ser de
natureza factual e non xustificarse, ou deducirse, de algo dado, previo. É
novidade, creación pura. Un novo curso de acción. Así, a continxencia fura
calquera orde (natural, universal). Baleira calquera posición que non se
recoñeza como casual (fortuíta, accidental). A sensación xerada é ambivalente:
para uns, intranquilidade e desacougo; noutros, entusiasmo e brío.
Quizais a sociedade posmoderna voltea os termos desta comprensión
tradicional, demasiado tradicional. Unha análise máis refinada comproba que na
actualidade a orde tende a arranxar un déficit de sentido, e a continxencia a
amañar un superávit de significado. No primeiro caso, actúa a lóxica do furto,
do sobrevivinte que conta e reconta, acumula e atesoura nun burato
catastrófico, sen fondo. Un cálculo da nada. No segundo caso, opera a física do
sublime, a garda do acontecemento extraordinario, un soño nos preparativos da
imaxinación, aínda infantil, que concibe a morte (simbólica) do pai. Para
principiar e rematar xusto aí, na falta de porvir do reconto narcisista das
imaxes que amañan a escena da caída do símbolo paterno. Na sociedade posmoderna
a orde alíñase na conxura dos momentos fundacionais. Na continxencia engástase
o furor fundacional que converte o sentido do cotiá en algo trivial. En ambos
os dous, a estrutura da práctica sacrificial, e a violenta hostilidade contra o
outro, impiden a axustada resposta que agroma entre o ordinario e o
extraordinario. Que resposta? É posible unha resposta que desfaga o ciclo da
orde e a súa rotura? Talvez.
As decisións colectivas e persoais poden ser comprendidas como formas
específicas de dar respostas, responder a algo. Formas coas que se contesta aos
ofrecementos, requirimentos, demandas, de situacións determinadas. Se o
xurdimento da orde, de calquera orde, é unha reacción a un desafío, a irrupción
da continxencia tamén. Por exemplo, a política, desde o punto de vista da orde,
é unha pragmática que comprace intereses particulares.
Desde o punto de vista da continxencia, unha impostura que festexa o
carácter volcánico da excepcionalidade. Pensar en profundidade a relación entre
orde e continxencia é comprender este nó. É afondar na aparente escisión entre
orde cotiá e calquera acontecemento extraordinario, no ilexítimo afastamento
entre os acontecementos singulares e a norma da orde.
A pretendida, e falsa, asimetría entre o responder repetitivoreprodutivo e
o innovador-produtivo ás situacións (ordinarias, extraordinarias) fundaméntase
nun paradoxo. Quen agarda respostas acabadas, rematadas, completas, non ten
nada que dicir porque todo, se cadra, está dito. Pola contra, quen fala sen
responder, tampouco ten nada que dicir, posto que para el, probablemente, non
hai nada que dicir. Inventamos o que respondemos. Non aquilo ao que respondemos
e dá peso ao falar e actuar. Inventamos a continxencia porque a orde é o seu
único sentido.
Publicado no Progreso o 10-2-2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario