Mar Carballo Cela
Organizamos, clasificamos y relacionamos todo o que nos rodea segundo una
lóxica determinada. A isto chamámoslle coñecemento: poñer orde no caos. Por
iso, cando miramos ao pasado é inevitable proxectar sobre el unha estrutura
organizativa que lle dea sentido, un sentido que buscamos sempre desde a nosa
condición presente.
Cando abrimos un libro de Historia da Filosofía as preguntas son obrigadas:
por que estes autores? Non houbo outros ou outras? Quen os elixiu? Para atopar
respostas debemos rastrexar os intereses que guiaron as autoridades académicas
de cada época para ir construíndo a Filosofía oficial. Ademais, sorpréndenos
que os clásicos xa plantexaran os mesmos problemas aos que hoxe lles seguimos
dando voltas sen decatarnos de que, precisamente, foron eles, os seleccionados,
os que condicionaron a nosa maneira de pensar.
Houbo tamen filósofas, pese ás dificultades de formación, pero ningunha
trascendeu de igual maneira que os seus colegas varóns. Elas sempren aparecen
vinculadas a algunha figura masculina: pais, maridos, amantes, profesores…
Algunhas parellas moi coñecidas foron Lou Andreas Salomé e Nietzcche, Simone de
Beauvoir e Sartre, María Zambrano e Ortega, Hannah Arendt e Heidegger, etc.,
outras quedaron totalmente olvidadas. Xa na Antigüidade temos constancia da
existencia dun gran número de pensadoras cuxo nome ninguén recorda, pero que
coñecemos grazas ó interese que alguén demostrou en recuperar. É o caso do
latinista francés Guilles Ménage, que en 1690 escribíu Historia das mulleres
filósofas onde podemos atopar unha longa lista que, como dixo Umberto Eco, aos
filósofos non lles interesou recordar, quizais despois de apropiarse das súas
ideas. O mesmo Eco sinala que despois de ler este libro consultou varias
enciclopedias filosóficas actuais e que, salvo Hipatia, non atopou nin rastro
de todas as demais.
Nunha entrevista realizada a Hannah Arendt por Günter Gaus en 1964 esta
afirma: "Non me vexo a min mesma como filósofa e tampouco considero ter
sido admitida neste círculo. (…) É perfectamente factible que algún día unha
muller sexa filósofa". Timidamente empezan a aparecer referencias a
algunha nos libros de texto, pero segue sendo testimonial.
Moitos reprochan que gran parte das pensadoras centraran a súa atención no
tema da igualdade. Loxicamente, a súa vida estaba tan condicionada polo
machismo imperante, que o estraño sería que non concentraran o seu pensamento
en buscar vías de liberdade.
O sorprendente e que, como tema de reflexión filosófica, o pensamento de
emancipación da muller non apareza como unha problemática de primeira orde dada
a súa enorme trascendencia para unha comprensión profunda e integral da
dimensión social do ser humano. Todo o contrario, segue aparecendo como un tema
de segunda, sustentado unicamente por un esforzo de corrección política.
Haberá que preguntarlles ás autoridades académicas de hoxe baixo que
perspectiva seguen mirando ao pasado. A Historia pénsase baixo paradigmas
masculinos, cantas das filósofas actuais formarán parte dela?
Publicado no Progreso o 2-7-2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario