martes, 28 de enero de 2014

Falsas liberdades, mentiras públicas



José Domingo de Prada Rodríguez


Un dos teóricos da liberdade de mercado, Robert Nozick, considera como premisa base a liberdade do individuo, que debe estar por riba de calquera consideración. Para respectar esta liberdade individual o Estado debe intervir o menos posible nas relacións entre os individuos. O ideal sería que non interviñese e que toda relación social ou económica se materializase pola decisión libre e respectuosa dos axentes implicados nela.
Dúas son as consecuencias fundamentais deste pensamento que querería resaltar. A primeira ten relación co individuo na sociedade, «cada individuo pode facer o que queira mentres non quebrante a lei, e a lei ten que ser moi pouco restritiva para non coartar ningunha liberdade individual». Así, a liberdade se executará de forma soberana e digamos “afable” cos demais.
A segunda consecuencia é de tipo económico: presupón que «os participantes nun acordo económico teñen plena capacidade de decisión sempre que actúen libremente»; se chegan a un acordo, calquera pacto acadado será válido. O Estado nin pode, nin debe intervir e só esta aí para garantir que tanto os que pactan como os demais respectasen ese acordo. O mercado será quen estableza os límites e as relacións de equivalencia nos intercambios.
Así pois, tanto a liberdade individual como a de mercado supoñen a minimización do Estado. A conclusión é clara: menos Estado e menos lexislación significa máis liberdade a nivel individual e máis oportunidades, nun mercado libre e desregulado, para quen saiba aproveitalas.
O pensamento de Nozick desenvólvese a finais dos anos setenta e esténdese na década dos oitenta. Reagan e Thacher foron os seus grandes impulsores políticos. Isto, que parecía superado, volve impoñerse brutalmente da man do neoliberalismo.
O capitalismo neoliberal ou neocapitalismo susténtase sobre falacias, tal como podemos comprobar, desgraciada e fehacientemente, hoxe en día. Á parte de sufrilas, tamén é posible explicitalas.
Primeira falacia: A liberdade é individual. Non hai tal. A liberdade é social, gañámola en relación cos outros. Se teño que vivir só toda a miña vida, non hai liberdade posible. Dicir neste caso que podo facer o que quero, é unha  inconsistencia sen sentido, pois se sempre vivín só, comportareime instintivamente. En cambio, se vivín en sociedade adoptarei esa liberdade como un ben aprendido socialmente e estarei limitado polos pactos que se teñan establecidos e poidan afectarme, e por aqueles que eu acade.
Se a liberdade é un ben social, debe ser regulado socialmente. Decidir ata onde se limita é o problema. O neoliberalismo pretende a liberdade individual, pero garantida pola sociedade, por ese Estado mínimo. A consecuencia real será a represión dos que non teñan unha posición de privilexio para que exerzan a súa liberdade individual os que si teñan esa posición. A defensa deste concepto de liberdade é puramente ideolóxica.
Segunda falacia: O Estado non debe intervir nos pactos libres entre os cidadáns. Non existen tales pactos libres. Só serían libres se se desen en igualdade de condicións, pero esta situación é imposible e absurda dentro dunha sociedade, por diferenzas económicas, de clase, de coñecementos, de intereses, de experiencias ou de expectativas. Así, o que ten fame ou sede pagará máis pola auga ou polo alimento que aquel que está farto e ten despensa. A necesidade, por exemplo, acaba coa igualdade e polo tanto coa liberdade. Non podemos aceptar o reducionismo do argumentario de que o que non queira pagar os prezos de mercado pode deixarse morrer de fame (algo que desafortunadamente está a ocorrer). Outro exemplo son as situacións de privilexio, ningún traballo nin ningunha responsabilidade asumida xustifican unha xubilación de 88.000.000 de €, coma ocorreu recentemente. Pagaranse, pero faise por ideoloxía.
Terceira falacia: O mercado regúlase a si mesmo. Nunca o fixo. Na economía de mercado o trasfego de mercadorías estivo condicionado, non pola oferta e a demanda (termo eufemístico e politicamente correcto), senón pola capacidade de maximizar os beneficios. Nunha economía de mercado global esa capacidade está chegando a límites impensados, tanto na obtención de beneficios (a crise só a teñen os que a teñen, pero hai quen está a facer nestes momentos inxentes negocios) como na capacidade de espolio, do Estado e dos cidadáns, por parte do propio mercado (ou mellor dito, dos dirixentes dese mercado).
Estamos sufrindo o rexurdimento de teorías que parecían desbotadas. A minimización, ou anorexia do Estado, é un mala praxe política que supón para a inmensa maioría dos cidadáns executar unha práctica inxusta, frívola, dominadora e case escravista, ideolóxica, que serve só os intereses das castas dirixentes políticas ou económicas e ademais ten fundamentos profundamente falsos (merman a liberdade e as oportunidades da inmensa maioría) e inmorais (fundaméntanse no engano, na insolidariedade e na inxustiza).
Igual Nozick, como teórico, cría nas súas palabras, pero os que decidiron e deciden aplicalas só cren nos seus negocios, desorbitados en beneficios sufragados polo Estado.

           Publicado no Progreso o 18-5-2013


No hay comentarios:

Publicar un comentario