Mª del Mar
Carballo Cela
Non é o poder o que corrompe ós homes, son os homes os que corrompen o
poder. Non é casualidade que nunha sociedade de tradición “pícara” se
democratice a corrupción, é dicir, que as persoas educadas nesa tradición obren
segundo teñen por costume no momento en que acceden a postos políticos.
Seguimos, e a este paso seguiremos, recollendo os froitos da pouca importancia
que historicamente neste país se lle deu á educación. E aínda que nos últimos
anos nos puxemos á cabeza de Europa en títulos universitarios non nos puxemos así en cidadáns responsables,
canteira imprescindible para o exercicio honesto da política.
A construción dunha sociedade digna e dun futuro digno pasa,
inevitablemente, por formar a cidadáns que asuman as súas responsabilidades
para actuar na vida en común desde unha solidez ética. Sen ética que aplicar á
economía, á política ou á xustiza deixan de ter sentido todas estas
disciplinas, deixa de ter sentido a sociedade mesma. Pero se isto non o entende
un ministro de educación, creo que debemos esperar que os pais sigan instruíndo
ós fillos na arte de “ir trampeando” nun mundo de caciques.
Que neste país a educación non é unha prioridade non só se nota nas
escolas: a permisividade coa publicidade dirixida a menores é moito maior que
noutros países europeos, por poñer un exemplo. Deberían preguntarse os
políticos que grao de responsabilidade teñen no feito recoñecido por tódolos
pais e profesores da ardua tarefa que hoxe supón educar, porque consiste
basicamente en contradicir gran parte dos modelos sociais imperantes (estase
deixando a educación en mans do mercado), e se a isto lle sumamos o nefasto
exemplo que os mesmos políticos están dando na súa actividade pública, e a
impunidade coa que actúan, a cousa agrávase considerablemente.
Ética é o nome culto que usamos para a bondade, esa calidade resultante de
actuar cos demais de maneira intelixente, porque só os intelixentes entenden
que respectar os lugares comúns é respectarse a un mesmo. O binomio socrático
de igualar intelixencia e bondade non é unha simpleza, aínda que a primeira
vista poida parecelo, senón o resultado dunha análise profunda das relacións
humanas. En efecto, obrar mal non demostra senón un descoñecemento das posibles
consecuencias negativas dos nosos actos, e unha das características
fundamentais da intelixencia é a capacidade de previsión, de anticipación.
Nunha sociedade corrupta os lugares comúns son os lugares de ninguén e ó final
acabamos por tirar o lixo na vía pública e levar os bancos para a nosa casa, pensando que así nos estamos beneficiando.
Non entender a relación entre o ben público e o ben privado é un erro da
intelixencia que fixo caer imperios enteiros.
A intelixencia ética é a que nos leva a organizarnos da maneira máis
beneficiosa, pero hai que cultivala ó igual que se cultiva calquera outro tipo
de intelixencia, e o Estado ten unha enorme responsabilidade sobre isto.
Progresar é educar na idea de xustiza e sobre esta idea se constrúen as
democracias sólidas, non simuladas. España quizais se preocupou máis por
simular ante Europa que era un país democrático e moderno que por intentar selo
realmente, e os simulacros duran pouco, aínda agora parece que preocupe máis a
imaxe que se dá de cara ó exterior (“a marca España”) que a descomposición
mesma da nosa sociedade. Aquí, a crise da democracia neoliberal que afecta a
toda Europa píllanos sen ter asentadas
unhas bases democráticas sólidas, funcionando sobre ramificacións caciques que se herdaron da
etapa anterior e se seguiron propagando e amplificando.
O fracaso das sociedades é sempre o fracaso da educación e, insisto, a
responsabilidade do Estado sobre este tema non acaba nas escolas, continúa na
preocupación polo que aprenden os menores a través dos medios de comunicación
ou na preocupación porque o funcionamento das institucións sirva de exemplo e
referencia para os homes e mulleres do futuro. Só indo todos na mesma dirección
se pode educar de maneira seria e intelixente, de non ser así seguiremos no
simulacro.
Publicado no Progreso 20-4-2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario