Mª Isabel Sánchez
Corral
Pensaba centrar este artigo nas mulleres filósofas, debido á proximidade da
conmemoración do dia da muller. Revisando certo material no que me ía basear
asaltáronme unha serie de dúbidas. Estas dúbidas apareceron sobre todo cun
libro de Gilles Menage, latinista francés nado no ano 1960, onde ao longo do
mesmo elabora sesenta e cinco entradas sobre filósofas da Antigüidade, hainas
platónicas, megáricas, pitagóricas, estoicas, cínicas, peripatéticas.... Nada
menos que sesenta e cinco entradas nun
estudo do ano 1690 sobre a Antigüidade. Ata o propio Umberto Eco sorpréndese,
pois el apenas si atopa noutras enciclopedias referencias recollidas nesta
“Historia das mulleres filósofas” a excepción de Hipatia,; de aí que
dixera “ non é que non existisen
mulleres que filosofaban. É que os filósofos preferiron esquecelas, talvez despois
logo de apropiarse das súas ideas”. A verdade é que entón entendín por que ata
cuarto de carreira non escoitara ningunha referencia a algunha outra filósofa.
As dúbidas centrábanse en que eu ía cometer o mesmo erro, comentando o traballo dalgunhas destas
filósofas separadamente. Si, separadamente, coma se fosen algo raro a
destacar, algo en perigo de extinción ou simplemente manter un apartheid
seguindo o pensamento dominante.
A estas e outras moitas mulleres filósofas non se lles integra na historia
do pensamento, pola mesma razón que ese pensamento alimenta a sociedade patriarcal. Unha
sociedade patriarcal que xorde e se fundamenta na división sexual do traballo,
na herdanza, a familia, que se afianza na Antigüidade, se estanca na Idade
Media e se desenvolve co liberalismo político, apoiado pola Inquisición para
desaparecer aquelas mulleres máis molestas. Un patriarcado que resistiu as
loitas das mulleres ilustradas e as das sufraxistas, pero que foi obrigado a
asumir e recoñecer certos dereitos que tamén defenderon as mesma mulleres da
revolución industrial, da rusa e que ao remate da Segunda Guerra Mundial se negaban a volver a
casa loitando polo recoñecemento dos seus dereitos políticos, económicos e sociais
.
A verdade é que parecía que todo ía vento en popa co Estado de Benestar,
sobre todo para as mulleres do “primeiro mundo”, cada vez conquistaban máis dereitos no eido laboral,
de participación, en contra da violencia... A igualdade semellaba case real. A
democracia facíanos a todos e a todas iguais, pero fomos percatándonos de que
era, e segue a ser, unha igualdade formal. Só temos que mirar certos datos
sobre o paro, os salarios, a pobreza e un longo etcétera, para cerciorarnos que
durante moitos anos asumíronse certas ideas e certas políticas a nivel
superficial, pero non se cambiou radicalmente a estrutura e os valores da nosa sociedade. O patriarcado segue a ser
un alicerce fundamental da sociedade que se retroalimenta co capitalismo, a
outra base do sistema.
Atopámonos ante un mapa que sitúa ás
mulleres outra vez na pobreza, na
escravitude, no analfabetismo. Ademais, se nos pide que aparte de encher a
despensa sexamos solidarias e coidemos aos anciáns, aos enfermos, eduquemos as
crianzas e teñamos as nosas casas como “os chorriños do ouro”, pobres pero
limpas, iso si. Disimulemos a crise, así non se notan tanto os recortes en
servizos públicos que para iso temos ás mulleres, se xa o facían antes por que
non o van a facer agora?
O servilismo aos mercados entra en
contradición cos avances conquistados en materias de igualdade e xustiza
social. Unha vez máis, queren reducirnos ás mulleres ao ámbito privado,
calarnos, que volvamos ser ese exército de reserva, esa man de obra barata en
mans dos mercados.
Unha vez máis, o pensamento
dominante só mira nunha dirección, non escoita á metade da poboación pero si
que pretende utilizala.
Se cadra, a maiores de compartir o poder, que
tamén, deberemos compartir a cotidianeidade. E no cotián construír unha
sociedade máis xusta e igualitaria, escoitando todas as súas voces.
Non me resisto a terminar sen unha
frase de Olympe de Gouges, escritora e política do século XVIII:
“Home, es capaz de ser xusto? Unha muller faiche esta pregunta”.
Publicado no Progreso o 17-3-2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario