Gonzalo Pérez López
Que vivimos unha etapa de degradación galopante da democracia parece
evidente á luz dos datos que
indefectiblemente vai ofrecendo a realidade cotiá. É moi probable que esta
situación que interpretamos como degradante non sexa máis ca expresión, nun
momento histórico concreto, dun modelo que, interesadamente, se cualificou como democrático cando, na realidade, nunca
foi tal.
En calquera caso, asistimos a un proceso de dexeneración pluridimensional
da vida política, (entendida esta como participación colectiva na organización
racional - moral da convivencia), alentado polo poder económico e os seus
satélites, estratexicamente repartidos por todo o mundo, que ten como obxectivo
prioritario o logro da alienación xeral que transforme cidadáns en súbditos.
De entre o inmenso arsenal de armas de destrución masiva do máis mínimo
indicio de intervención dos cidadáns na
xestión dos seus intereses dos que dispón, hai unha que o citado poder emprega, con sistemática fruición, que é
a calculada perversión da linguaxe como
elemento de control social. A enorme relevancia que isto ten só se pode
comprender se se valora suficientemente o elevado nivel de consecución dos seus
obxectivos de control, sen ter que botar man, polo menos de momento, doutros
medios para acadalo que ensuciarían o escenario e resultarían pouco “estéticos”
para a formalmente civilizada Europa que nos acolleu no seu regazo.
Dende os eufemismos ás falacias, desde o mar de siglas indescifrables para
a maioría dos cidadáns ós circunloquios ou á distorsión obscena da linguaxe,
todo se orienta á a asentar e
xeneralizar o discurso dominante. A sistemática aplicación dos principios
goebbelsianos (non por precisa resulta menos arrepiante esta asociación) da
propaganda, coa inestimable colaboración dos corifeos mediáticos para a súa
difusión inmediata, forma parte
inseparable dos procesos de alienación global que impidan o pensamento
autónomo e corten de raíz calquera asomo
de actitude crítica que poida poñer en cuestión
o status quo dos controladores.
Outras urxencias impídennos entrar no interesante debate que manteñen,
tanto filósofos como psicólogos, sobre a relación entre pensamento e linguaxe,
pero sen pretender simplificar, e mantendo a interdependencia dos mesmos, coa
perspectiva da realidade que describimos,
a utilización da linguaxe como (de)formación do pensamento, parece evidente.
É tal o volume de exemplos que acotío se nos ofrece que, intentar
poñer un
de cada modelo de perversión, desborda o marco deste artigo, pero
“externalizar” por privatizar, ”reformas estruturais necesarias para atallar el
déficit” por recortes de dereitos básicos (sanidade, educación...), “copago”
por pagar dúas veces polo mesmo servizo, “flexibilizar el mercado laboral” por
paso previo ao despido libre, “regularización de capital oculto” por amnistía
fiscal, “capital estresado” por malversación de cartos públicos,
“regularización competitiva dos salarios” ou “recargo de solidariedade
temporal” por redución salarial
drástica, “decreto de plurilingüismo” por certificado de defunción da
lingua galega, “modulación del derecho de manifestación”, pola súa restrición
ou abolición de facto, “hablaron los mercados” por espolio e privatización do
público e de dereitos inalienables,
“movilidade exterior de la juventud” por emigración forzada da xuventude
en paro forzoso, poden dar unha idea da ampla gama da manipulación lingüística
empregada. Tampouco resulta desdeñable a importancia que ten neste proceso o
uso nesgado ou a desaparición interesada de palabras asociadas a compoñentes
básicos do ser humano, tales como inmoral, clase social, explotación, inxustiza
(coa connotación moral), inxustiza social e moitas outras, como se a súa
desaparición social fose a consecuencia “natural” da falta de necesidade do seu
uso. Se a isto lle sumamos a fetichización de certos termos da economía cuxo
significado real e descoñecido para a maior parte da cidadanía, a
terxiversación e o uso de falacias para criminalizar a obxección de conciencia
e a desobediencia civil, a aplicación diaria do principio de orquestración,
tentando converter mentiras en supostas verdades, o intento teimudo de
confundir un “reality show” coa realidade ou converter a realidade nun “reality
show”, o panorama resulta desolador dende a perspectiva da calidade democrática
máis elemental.
Aínda que non é pouco o enumerado, paga a pena deterse, polo exemplarizantes que poden resultar, no
uso perverso de conceptos como “crise”,
“déficit público” e “antisistema”.
Fracasado o intento de conter o uso xeneralizado da palabra crise, pasaron
a vulgarizala, limitándoa ó económico, sen afondar na crise de valores, por exemplo, diluíla dotándoa de ambigüidade, terxiversar
o seu sentido, asociando a súa superación ao control do déficit público, sen
que os cidadáns máis desfavorecidos advirtan
que, ao asociar dito control á drástica redución do gasto social, serán eles os
que soporten o peso da situación e, o máis importante, transformando en dogma a
adxudicación errónea a unha causa para transpoñer aos que padecen a crise a
responsabilidade da mesma.
Instalados na cerimonia da confusión, os afectados vense incapacitados para
a máis mínima reflexión que lles permita comprender o papel do sistema no
desencadeamento da crise e, aínda menos, decatarse de que a súa superación pasa
por unha actitude antisistema que permita a substitución deste.
Unha parte da suposta esquerda política que tería a misión de representar
on intereses dos alienados, axudándolles a saír dese estado, a que representa
os rescaldos dunha socialdemocracia decadente, prestase a facer o xogo de
representar unha falsa alternativa que axude a lexitimar o modelo neoliberal
mediante un bipartidismo de consenso ideolóxico que elimina a política a favor
dunha economía orientada á exclusión da maioría dos cidadáns, na liña do que J.
Rancière denomina “postdemocracia”.
Concatenado con todo o anterior, e formando parte inseparable dun plan
global, o discurso dominante imponse con facilidade, xa que a esquerda real non
ten acceso aos medios para
contrarrestalo e as redes non son aínda capaces de compensar esta eiva.
O feito de que a dereita extrema, correlato político do poder económico que
se impón , denomine esquerda a ese simulacro que asume sen rubor o discurso
dominante, é unha maneira hábil de avalar este, converter en posible alternativa
á versión edulcorada do mesmo modelo e invalidar calquera opción á que se
presenta como “aventureira”, ”violenta” e “antisistema”.
A alienación cidadá é tal que está maioritariamente incapacitada para ver
que hoxe, se defendes un sistema fiscal progresivo que distribúa a riqueza
xustamente, unha regulación pública do mercado, un desenvolvemento sostible, a
creación dunha banca pública, a inalienabilidade dos dereitos humanos que
garanta globalizadamente unha vida digna fronte
á voracidade do poder económico, a remoralización da vida pública ou
unha democracia realmente participativa, por poñer algún exemplo, entón
necesariamente tes que ser antisistema. E ti, que aspiras a ser un cidadán libre, vivindo dignamente de acordo
con estes parámetros, non es antisistema? Eu, si.
Publicado no Progreso 11-5-2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario