A Filosofía aporta perspectivas que axudan a pensar problemas actuais.
Tamén elabora solucións. Dous casos salientables son as filósofas laureadas o
pasado ano: a norteamericana Martha Nussbaum (premio Príncipe de Asturias de
Ciencias Sociais) e a española Victoria Camps (premio Nacional de Ensaio por ‘O
goberno das emocións’).
Nussbaum ten unha obra inxente que abrangue filosofía política, dereito,
ética, educación e vinculación entre economía e filosofía. Colaborou durante
máis dunha década co premio Nobel de Economía Amartya Sen. A súa teoría parte
da extrema vulnerabilidade de calquera cidadán que non pertenza ás elites
económicas. A exposición a decisións gobernamentais, tomadas en virtude de
informes elaborados por ‘think-tanks’ e difundidos por lobbies afanados no
lucro, pode frearse reactivando a xustiza social. Segundo Nussbaum os gobernos
toman decisións baseándose en teorías incompletas, datos rabenados, enfoques
parciais. Comprometen gravemente outras obrigas contraídas coa cidadanía. O
‘paradigma das capacidades’ serve de alternativa.
Este paradigma pretende fornecer as políticas gobernamentais democráticas
con argumentos teóricos e criterios prácticos para protexer a dignidade das
persoas. Trátase de que as persoas poidan «apoderarse» axudándoas a desenvolver
dez capacidades: vida, saúde, integridade física, entendemento, emocións, razón
práctica (ética), afiliación. recoñecemento doutras especies, ocio, e máis
control do propio entorno político e material. A xustiza social é a finalidade:
o respecto á dignidade obriga aos gobernos a situar á cidadanía por riba dun
limiar mínimo (mais amplo) en todas e cada unha das capacidades. Perséguese
minimizar a influencia doutros modelos de toma de decisións como, por exemplo,
o baseado na medición do PIB que iguala, automática e irreflexivamente,
«crecemento económico» (nas elites) e «calidade de vida» (de todos). No
apoderamento das persoas a filosofía ten un papel clave no sistema educativo
democrático: axuda a que avalíen por si mesmas obxectivos económicos e
programas políticos; xustifiquen con argumentos a súa posición diante de
presións das autoridades e pares; aprendan a poñerse no lugar dos
desfavorecidos; resistan a implantación de modelos autoritarios; reforcen o seu
carácter persoal. Este último obxectivo estúdao Victoria Camps. Aporta unha
resposta á crise desde outro ángulo.
Para Camps as sociedades democráticas afúndense sen unha cidadanía forte.
Xa que logo deben facilitar que cadaquén constrúa un carácter pleno. Por que? O
cidadán capaz de gobernar as súas propias emocións é autorreflexivo, enfróntase
con éxito ás dificultades, coñécese a si mesmo. Habilitar as persoas para
convivir con imaxinación e creatividade, nunha sociedade avanzada, formalas
para superar as crises sen deixar de vivir con dignidade, implica reforzar os
seus vínculos emocionais, elos de compromiso, empatías participativas, virtudes
cívicas e disposición a deliberar. A educación sentimental é socialmente útil
porque asenta a coordinación, favorece o traballo en equipo, a confianza mutua,
requisitos para superar calquera crise. Nunha democracia, os sentimentos
educados non poden ser un capricho ou unha estratexia para que as organizacións
funcionen con máis eficiencia e rendibilidade. Márketing e coaching carecen de
valor ético, cívico. A cidadanía é democrática se adquire un carácter disposto
a respectar a liberdade, favorecer a igualdade material, sentir repugnancia
pola inxustiza, gozar co exercicio diario da equidade.
Emocionarse nas virtudes cívicas, promover o desenvolvemento das
capacidades, son respostas ás crises. Respostas que dá a filosofía. Entón, quen
lle teme á filosofía?
Publicado no Progreso o 26-1-2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario