Mª Isabel Sánchez Corral
Sócrates foi condenado no
ano 399 a. de nosa era por “impiedade pública respecto dos deuses e corrupción
á mocidade”, acusado de introducir novas deidades por comentar pola cidade de Atenas que só rendía culto á deusa
razón.
Tempo máis tarde, ao longo
do século XVIII, a Ilustración percorría Europa. Partía das Illas Británicas e
afianzábase en Francia, case sen deterse en España, para terminar o seu brillo
na antiga Prusia. Os ideais que levaba consigo este movemento filosófico,
ideolóxico, e cultural no sentido máis amplo da palabra, se fundamentaban na
Razón e a Liberdade. Razón e liberdade manifestábanse en todos os ámbitos da
vida: na ciencia; no optimismo no saber; na crítica á relixión revelada e
dogmática ou na procura da denuncia das
desigualdades, chegando á afirmación de que todos os seres humanos son libres e
iguais, e é a propia razón a que nos iguala e ao mesmo tempo nos libera das
cadeas da ignorancia e o sometemento ao poder establecido. Sería a famosa frase
de Kant: ¡Sapere Aude! (Atrévete a pensar), a
que resumiría o espírito ilustrado.
Pola contra, máis de dous
séculos despois, en pleno século XXI, atopámonos que o Estado Español pasa
dunha “aconfesionalidade confusa”, polo propio concepto, a unha
“confesionalidade ostentosa” a través da aprobación da nova Lei educativa
(LOMCE), na cal priman os valores cristiáns por encima dos valores
democráticos.
A evidencia está en que a relixión católica computará como unha materia
máis e Educación para a Cidadanía será eliminada do currículo.
Ao parecer, sostén o
Executivo que os coñecementos adquiridos en Cidadanía son de carácter
ideolóxico (o nacional catolicismo non?).
Aprender que vivimos nunha
sociedade cuxa base é a familia, xa sexan familias nucleares, monoparentais,
homoparentais, etc, que vivimos nun mundo global con moita riqueza cultural pero
con amplas desigualdades, que nese mundo global o ser humano debe ser a
centralidade da vida e das súas actuacións. E que os valores que rexen ou
deberían rexer todo isto, entre outros, son a liberdade, a igualdade e a
solidariedade, herdados daquel espírito ilustrado. Todo isto debe ser ideoloxía
e non unha realidade manifesta na sociedade actual.
Semella ser perigoso para
o noso alumnado saber que vive nun Estado
democrático con dereitos e deberes, un Estado de dereito onde vivimos
baixo o imperio da lei que nos fai iguais a todos e todas, e que no caso contrario
nos ampararía o Tribunal Constitucional. Pero non; o mellor é que cando
conculquen os seus dereitos, cando non poidan ir á universidade porque en casa
non hai para todo, cando non teñan as mesmas oportunidades e síntanse
discriminados, entón nada de ser críticos, catro padrenuestros e a esperar a
providencia divina. Ou quizais sexa “culpa” súa (nosa), pois algo faremos mal e
a ira divina cae sobre nós. Tamén se pode pensar que non é discriminación, só
mala sorte: nacín aquí, aquí “abaixo” e é “normal” que non poida subir aí “arriba”.
Ademais, xa o di a Biblia, antes entra un camelo polo buraco dunha agulla que
un rico no reino dos ceos. Así que, resignación...
Esta barbaridade, esta
concepción da relixión dentro da escola, é unha herdanza da obra perpetrada por
Franco durante corenta anos. Baixo eses “valores” herdados, quen se vai a
cuestionar, e menos o señor ministro de educación, que Deus non existe?. Ou de existir, por que
ten que ser o deus cristián católico con sucursal no Vaticano?. O mesmo se
preguntan as distintas e diferentes familias, os ateos, os agnósticos, as
testemuñas de Jehová, os protestantes, os musulmáns, etc.
Unha vez chegado a este
punto, tócanos reivindicar aquela Ilustración e os seus ideais que non lograron
pervivir na sociedade española no seu momento. Reivindicar o laicismo como
punto de unión da cidadanía fundamentado nos tres alicerces básicos do Estado
de Dereito: a liberdade de conciencia, que recolle o dereito a ser ateo,
agnóstico ou crente dunha confesión relixiosa; a igualdade de tratamento das
opcións espirituais por parte do poder público, o cal implica a neutralidade do
Estado ante as distintas relixións ou ante o ateísmo; e o terceiro alicerce: o
principio de que o poder político común a toda a cidadanía só dedicarase ao que
é de interese común (a relixión é un interese particular, non así a educación
ou a saúde que son intereses de carácter xeral). O laicismo non é inimigo das
distintas expresións relixiosas, mentres estas se cingan ao ámbito privado e
non pretendan reivindicar ningún espazo público (como o caso que nos compete).
Por esta razón, é fundamental a separación
xurídica entre o poder público e
calquera grupo de presión: relixioso, ideolóxico ou económico. A escola pública
debe ser protexida deses grupos.
A escola pública debe ser
laica, porque será a que se preocupe de que as distintas diferenzas de
identidade sexan compatibles coa universalidade dos dereitos e coa liberdade
que ten cada quen de definirse ou de redefinirse sen ter que xurar fidelidade a
ningún grupo. A escola pública e laica non pregunta procedencia nin condición
social, fainos iguais a todos e todas, dándonos o instrumento para a
emancipación: a Razón.
Publicado no progreso o 25-5-2013