Carmen González López
Houbo medo histórico a que as mulleres pensasen? Falar
de mulleres en filosofía, dentro dunha cultura dominada pola tradición
masculina, é unha forma de tomar conciencia e de manifestar que o pensamento
racional non é unicamente masculino.
No campo da filosofía non houbo neutralidade respecto
aos sexos. Isto móstrase en autores tan relevantes coma Aristóteles cando usa o
termo «antropos» (hombre en sentido xenérico) de forma que non pode aplicarse
ás mulleres; en Hume cando di «pola teoría da inmortalidade da alma explícase
facilmente a inferioridade da capacidade feminina: a súa vida doméstica non
require facultades máis altas xa sexan de corpo ou mente». Ou en Nietzsche
cando afirma: «hai mulleres nas que por máis que se busque e analice non se
encontra nada interior. Son simplemente máscaras». Estes usos lingüísticos
exclúen e marxinan ás mulleres.
Relacionábase o concepto home/masculino coa
racionalidade, coa cultura, co ámbito da política, e o concepto de
muller/femenino coa emoción, coa natureza e co ámbito do privado e por iso
incapaces de participar en asuntos públicos en xeral e na política en
particular; é o caso de autores coma Rousseau ou Hegel.
A pesar desa exclusión masculina, a muller estivo
presente ó longo da historia loitando polo seu espazo no mundo do pensamento.
Presente xa no século IV a.c. no ámbito da Escola
Pitagórica, a pesar de que as súas ideas foron atribuidas ó seu fundador,
Pitágoras, e a partir de aí estiveron presentes no curso da historia do
pensamento: por influencias do Cristianismo na Idade Media, a pesar de que a
muller foi considerada como orixe do pecado, a impureza e a debilidade e tiña
prohibido o acceso á cultura e estivo marxinada da vida social, houbo mulleres
cultas nos conventos e mosteiros. No Renacemento, a filosofía continúa en mans
masculinas, pero xa se debilitaban as condicións que impedían o acceso das
mulleres á cultura, fundamentalmente na clase nobre, destacando Santa Teresa de
Xesús.
Pero será no século XX onde surxa un grande número de
filósofas que terán máis relevancia que nos séculos pasados, así : Simone de
Beavoir, Hanna Arendt, María Zambrano... Revivir ideas, recapitular e facer
xustiza con todas estas mulleres filósofas son algúns dos propósitos de moitas
figuras intelectuais do campo da filosofía contemporánea.
Por prexuízos de xénero ou consecuencias históricas,
os traballos das filósofas foron escondéndose ou silenciándose, e é hora de
borrar as falsas concepcións ou argumentos e recoñecer o pensar histórico
feminino.
Nada do que hoxe coñecemos sería o que é, sin ter en
conta a filosofía e a obra escrita de todas as mulleres excepcionais que
apareceron en todas as épocas.
Publicado no
Progreso o 18-5-2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario