Mª Isabel Sánchez Corral
Ao longo do ano imos
celebrando datas sinaladas en conmemoración de certas efemérides. Estamos a
falar deses días que lembramos a golpe de calendario: día internacional da
muller, día do traballo, día da paz, día do medio ambiente, día do neno, día da
auga... e así o calendario tórnase infinito.
Tanto día e tanta
celebración xenera nalgunhas persoas certo escepticismo. Asalta o pensamento de
que isto non serve para nada e que en certa medida lavamos a nosa conciencia.
Acordarse e participar nalgo nesa data depura os remorsos. Quizais non lles
falte razón, e estas celebracións ou recordatorios realmente non serven senón
para encher un día anodino na institución e un día diferente nas aulas,
quedando todo aí. É máis, xorde tamén a polémica na inutilidade de lembrar
certas datas, como o 25 de novembro, día Internacional contra a Violencia
Machista, e pensar que os actos e os recordos xa non serven, pola contra, tanta publicidade provoca o efecto “chamada”.
Nesta última reflexión hai
unha confusión de base, pensar que o que non se fala non existe. Baixo a frase
“antes isto non pasaba”, escóndese a
realidade de que o que non pasaba era a visualización da violencia, pero non
por iso deixaba de existir. Non existe no escaparate desa sociedade pulcra que
de portas cara adentro, na trastienda,
maltrata mulleres, nenos, nenas,
abusa sexualmente de menores e comete todo tipo de violencias que sofren
sempre a parte máis vulnerable da sociedade. Violencias arraigadas ainda na
nosa sociedade e que por non falar delas non deixan de existir.
Lembrar esas datas, si. Se
isto lévanos a relacionar a realidade co calendario, a que non quede todo nun
día. A que o 10 de decembro, día Internacional dos Dereitos Humanos, non quede
en tinta. Porque a tinta se converte en sangue cando morren persoas por falta
de luz, auga, comida e un sitio sobre o que gorecerse. Os seres humanos
necesitamos ter unhas necesidades básicas cubertas, para a partir de aí poder
desenvolvernos como persoas, como cidadáns. Por esta razón sobran as fronteiras
e falta solidariedade (que non caridade); sobra destrución e falta distribución
da riqueza. Non podemos mirar a outra lado cando morre unha persoa, xa sexa no
mediterráneo, na súa casa por un corte de luz, dunha malleira ou froito dunha
guerra allea aos seus intereses.
Días con conciencia que
nos fagan responsables todo o ano das nosas actuacións. Pensemos que si só os
consumimos acabaremos protagonizando as consecuencias da súa vulneración.
“Vivir a miña vida é unha sorte, pero podería estar a vivir a túa”.
Publicado no Progreso o 14-1-2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario