M. A. Martínez
Hai conceptos que empregados acotío exercen un notable poder de
fascinación. Un deles é “acontecemento”. Nos medios de comunicación fálase de
acontecementos “decisivos”, “históricos”, “que marcan un antes e un despois”.
Acontecementos “fundacionais”, “influentes”, “epocais”. Mais, que é un
acontecemento? En que se diferencia do curso ordinario dos sucesos (históricos,
políticos, sociais, económicos)? A que ideoloxía responde?
En primeiro lugar, hai que aclarar a relación do acontecemento coa orde na
que se insire e sucede. Un acontecemento pode ser unha posta a proba,
confirmación ou reprodución, dunha orde determinada. Ou, pola contra, un
produto da orde que pretende quebrantala, socavala, substituíla por outra. Cada
acontecemento é, na súa orixe, duplo, ambivalente, equívoco: permite mirar
adiante ou atrás. En calquera caso, a percepción do acontecemento implica unha
posición previa que adoita pasar desapercibida: algo sucede. Suponse que hai
acción, ocorrer, devir, que un fenómeno pasa, progresa, por secuencias ou en
saltos. Porén, os dramas de Samuel Beckett tiran a súa forza da constatación do
contrario: nada sucede. Hai espera sen expectativa. Garda do nada. Desta
estraña condición do acontecemento pode extraerse a primeira hipótese
provisional: un suceso calquera convértese en acontecemento cando está
sobredeterminado, e un axente desenvolve a súa polimorfa complexidade.
O antedito condúcenos á segunda consideración: o acontecemento sucédelle a
alguén. É habitual distinguir entre acaecementos obxectivos, impersoais, que
poden ser descritos desde a perspectiva do espectador, e actos subxectivos
atribuídos a alguén, isto é, accións persoais das que alguén ten que ser
responsable. Porén, o acontecemento semella que sobrevoa o acaecer da
experiencia e a acción do suxeito. Semella pertencer á esfera evanescente do
afectivo, non do cognitivo. Isto é, á pasividade, non á espontaneidade.
Refírese só a si mesmo, como o fenómeno da choiva ou un movemento sísmico.
Desde este ángulo, o acontecemento non é abordable, manexable desde o eu. É
unha ocorrencia que se anticipa ao ser “eu”. O “eu”, de feito, pode ser
contemplado como unha resposta ao que se insinúa entre os pregos do
acontecemento. Segunda hipótese: o acontecemento tende a borrar ao axente
implicado.
En terceiro lugar, o acontecemento é o que sucede entre os membros dun
“nós”. Non pode ser reducido a unha suma de producións individuais propias, nin
a unha instancia unificadora que garante a comuñón dun nosoutros. Os
acontecementos tenden a multiplicarse, traspásanse entre si, causan
consecuencias que se entrecruzan. Hai un sen número de inter-acontecementos e
intra-acontecementos que proceden doutro sitio e conducen a outro sitio, que
descartan a presunción dun acontecemento primeiro (fundacional) ou último (escatolóxico).
Cando se responde a esta rede de acontecementos irrompe un aprazamento que
interrompe o curso da acción; establécese un abismo que separa os afectos dos
efectos. Un abismo que produce desexos e representacións do que aínda non é e,
tamén, do que xa foi. Terceira hipótese: o acontecemento pertence á orde da
comunidade e o seu imaxinario espazo-temporal.
Por último, o acontecemento é un tipo de fenómeno afectado pola “diastase”:
unha separación dentro de si mesmo. Pode orientarse cara aquilo que xa non é, e
que une o acontecemento coa súa orixe real ou imaxinaria. Mais, pode dirixirse
a aquilo que aínda non é, coa promesa de levar o acontecemento ao seu destino.
O acontecemento, pola súa natureza, apártase de si mesmo, desprázase, prégase,
ondea. É outro diferente ao que é: está nun lugar distinto ao que debería
estar, sucédelle a alguén que é distinto de quen é. O acontecemento é
asincrónico. Un retardo que atinxe á relación entre épocas e xeracións,
individuos singulares e estratos de poboación. Así, o presente é o tránsito
entre “xa non” e “aínda non”. O resto do suceso precedente e a resposta
ulterior. Cuarta hipótese: o presente é un resto velado polo esquecemento, non
finca en ningunha orde.
En suma, a apoloxía do acontecemento “decisivo”, “fundacional”,
“histórico”, posúe varios dos trazos que caracterizan a ideoloxía posmoderna:
sobredeterminación (interesada) dalgúns sucesos; borrado do suxeito (axente,
paciente); creación dunha comunidade (imaxinaria); represión (do presente no
que viven e sofren as persoas). Eis un tema para a meditación actual e sobre o
realmente actual.
Publicado no Progreso o 21-4-2018