III Foro "Lugh Augusti"

martes, 10 de abril de 2018

A vinganza de Némesis


José Domingo de Prada

Xa nos anos oitenta observaba o filósofo Jean-Francois Lyotard que o narcisismo se consolidaba como a forma ‘hexemónica’ no pensamento e acción das sociedades que el comezaba a denominar posmodernas. Non sabía aínda de que modo tan radicalmente cruel -por real- estaba describindo o que ocorría, e tampouco sabía da precisión da imaxe que estaba propoñendo para anticipar o futuro inmediato das sociedades “pre” e “pos” milenaristas.
En efecto, se avanzamos na definición do termo e fixamos a atención no mito advertimos que os problemas de Narciso proveñen dunha dobre realidade. Por un lado externa: a auga-espello no que se reflicte o seu rostro. Polo outro interna: a mente deformada que observa ininterrompidamente a súa figura reflectida. A adxectivación de Lyotard, e o propio mito grego, consolídanse como metáfora que explica as sociedades actuais.
O narcisismo das nosas sociedades fai que vivamos de forma figurada e permanente nese vernos reflectidos, que só toleremos ese mundo-espello na medida en que serve para contemplarnos, engaiolados como estamos na imaxe de nós. Porén, rexeitamos calquera cambio que altere a nosa imaxe, pois cremos que perdéndoa nos perderiamos a nós mesmos. Hai un significado oculto nesta actitude que algúns explotan profusamente: o que só mira a auga está cego para o que ocorre na terra, sendo que dela veñen perigos moi reais, por poñer algún, desigualdade, dominacións ou escravitudes... Non é só que veñan perigos da terra, senón que, como no mito, estes son ecoicos: isto é, repítense e amplifícanse ao resoar.
Se esta é a realidade externa do mito, a interna correspóndese coa deformación do pensamento de Narciso, que foi alterado pola deusa Némesis para que non puidese apartar a vista da súa propia imaxe. Impúxolle este castigo pola vaidade e a soberbia mostradas por Narciso ao rexeitar a ninfa Eco.
Coma el, atopámonos absortos ante a nosa propia contemplación ou, todo o máis, a daqueles que son os nosos afíns. Mirámonos a nós mesmos ou miramos aos que son os nosos xemelgos devolvéndonos a nosa imaxe coma gotas de auga reflectoras (o sociólogo Zygmunt Bauman incide nisto co concepto de ‘sociedades líquidas’). Unha vez deformado, o noso pensamento non acada nada fóra de si e, en consecuencia, non comprende nada, pois sen referencias é incapaz de entender ao si propio. Quédalle só un irracional, simple e volitivo auto-satisfacerse a base dos ‘Gústame’ e as repeticións twitteras.
Neste sentido, tamén sinala Lyotard que na posmodernidade perdemos os ‘grandes relatos’. Quen só mira para si dispón unicamente do seu propio discurso, do seu dicir, que en calquera caso é sempre un relato propio. A nosa época carece de épica, traxedia, heroísmo, haxiografía, incluso de dramatización, xéneros literarios que afunden as súas raíces en épocas pretéritas. A nosa é unha época de palabras ocas e imaxes ciscalladas, fugaz e vulgar, invadida pola mesquindade dun “eu” que aspira a elevarse coma un Ícaro dixital á procura do sol e a luz reveladora que a través das redes sociais o transmute en suceso universal. Perdidos os grandes relatos pérdese o relato común e simplemente queda o relato de cada un, pretendidamente único (por particular) que se ambiciona universal (por copia repetitiva carente de orixinalidade).
Nada máis enclaustrador que verse a un mesmo permanentemente e, á vez, ver todo o que nos rodea co noso rostro; neste sentido estamos, como Narciso, atrapados por non poder distanciarnos da nosa propia mirada. A metáfora da subxugación ante a imaxe propia salta da literatura á realidade máis enfermiza nas pantallas de cristal nas que nos miramos e nos miran, nas que nos mostramos e fisgamos (como describe o filósofo Byung Chul Han). Hoxe o cristal configura o noso entorno (edificios, pantallas, móbiles...) para que poidamos exhibirnos, para que nos vexamos, para contemplar a nosa imaxe repetida e multiplicada, proliferación de avatares que lle estaba vetada a Narciso, pero que hoxe podemos realizar polo novo espello co que substituímos a auga, elemento natural que xa non cabe no espazo da simulación.
Na contemplación narcisista do mundo acabamos, inevitablemente, cencenando os horizontes, rachamos as liñas que os configuran ao carecer de referencias. É este o signo do noso tempo: debilitados pola nosa imaxe perdemos o control sobre nós mesmos e, nun síntoma de perturbación cedémosllelo a aqueles que se apoderan da nosa autonomía e da nosa vontade ao delimitar (eles si) o noso perfil. O interregno histórico no que vivimos é contraditoriamente o do auxe do poder das corporacións, enmascaradas tralas pantallas que nos reflicten para atraparnos. A vinganza desta Némesis posmoderna son estas corporacións escuras que apropiándose da nosa retina subxugan a nosa vontade. Calquera apelación á razón resulta inútil e só respondemos ao irracional, á imaxe ou á emoción inmediata. Farannos perecer contemplando absortos os nosos propios ollos.

Publicado no Progreso o 7-4-2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario