Mar Carballo Cela
Saber contruír argumentos e ter as habilidades necesarias para defender as
propias opinións forma parte do exercicio que todo cidadán debe saber poñer en
práctica no contexto democrático. Sen dúbida, se non aprendemos isto a nosa
participación queda disminuída, e moitas grandes ideas quedarían reducidas á
reflexión solitaria sen posibilidade de ser compartidas para enriquecer a vida
en común. Tales artes son tan antigas como a democracia mesma que, xa nas súas
orixes (na Grecia Clásica), contaba con grandes mestres de oratoria que
ensinaban a defender en público, ben fose na asemblea ou ante os tribunais
populares, as causas oportunas. Persuadir, convencer dos beneficios e a verdade
das nosas meditacións depende do dominio que teñamos da linguaxe e da lóxica,
pero tamén do coñecemento das emocións e as paixóns que moven aos humanos.
Discutíase naquela época sobre o obxectivo que debían perseguir estas
ensinanzas. Sócrates pensaba que era o amor pola sabedoría o que debía levarnos
a aprender a expoñer as nosas opinións e a refutar as contrarias, e acusaba aos
sofistas de manipuladores aos que unicamente lles interesaba vencer nuhna
disputa. Pero, controversias a parte, o certo é que os gregos, á vez que
recoñecían o dereito á igualdade no uso público da palabra (isegoría), valoraban tamén a virtude de
atreverse a usala para dicir a verdade en beneficio común (parrhesía). Parece obvio que esta última esixencia é imprescindible
para poder exercer unha cidadanía responsable.
Máis adiante, Quintiliano, o máis reputado profesor de retórica da Roma
Imperial, relacionaba na súa Institutio
oratoria esta disciplina, non só coa linguaxe e coa lóxica, senón tamén coa
ética: "O orador —afirmaba— debe ser un home de ben instruído na
elocuencia. Se a arte de dicir chega a instruír a malicia, ningunha cousa hai máis
prexudicial que a elocuencia, xa nos negocios públicos, xa nos
particulares". Consideraba, logo, que antes de adestrar á xuventude nesta
arte era imprescindible educala na ciencia da bondade e da xustiza, porque
convetir en orador a un traidor ou a un prevaricador era poñer nas súas mans a
arma máis perigosa de todas.
Resulta moi doado traer estas reflexións á actualidade. Na época da
sedución e da competitividade na que vivimos estanse banalizando tanto estas
técnicas, que proliferan os talleres de oratoria e os coaches por todas partes con lemas que alentan claramente a ser
perfectos engaioladores. Se a isto lle engadimos un pobo premeditadamente
deseducado, non nos estrañemos do alarmante crecemento de ideoloxías (tanto políticas
como relixiosas) que están poñendo en perigo os máis elementais piares da
dignidade humana. Pero tampouco é necesario irse a tales extremos: as tribunas
políticas deste país ofrécennos suficientes exemplos bochornosos daquelo que
debe evitar calquera orador que se precie e tristemente, aínda que ás veces o
critiquen, moitos cidadáns parecen asumir como un valor a arte de enganar con
gracia e maestría.
Precisamente, vendo que a elocuencia ía dexenerando en locuacidade
impertinente e interesada, sen contribuír en nada á honestidade e á busca do
ben común, decidíu Quintiliano que debía escribir o seu tratado, sinalando como
causa fundamental deste declive as malas prácticas das novas escolas de
retórica que triunfaban naquel momento.
Aquí deixo o reto para os
profesores que van impartir esta interesante disciplina nos novos plans
educativos de secundaria. Creo que, dados os tempos que corren, teñen unha
importantísima responsabilidade nas súas mans. Quen sabe a que caudillos sen
escrúpulos poden estar preparando.
Publicado no Progreso o 24-10-2015
No hay comentarios:
Publicar un comentario