III Foro "Lugh Augusti"

sábado, 26 de marzo de 2016

Filosofar en nome de ninguén



Juan Carlos Fernández Naveiro

Esta tribuna naceu para promocionar a filosofía pero hoxe vou ser incorrecto –en realidade, os filósofos sempre foron os primeiros en criticar(se). Quero chamar a atención sobre os discursos que pretenden ser voceiros do universal, sobre os que se erixen en amos dos conceptos e pretenden ter a opinión dominante.
En particular os debates sociais están cheos de opinións que queren pasar por conceptos. Cando se propoñen estándares de saúde, de sexualidade, de alimentación, de relacións persoais ou de valoración da propia vida, e se enfocan temas como as drogas, o aborto, a prostitución, a eutanasia ou os dereitos animais, moitas veces caemos en lugares comúns que perden as pequenas diferenzas e acaban por soster os nosos prexuizos. Debes ser correcto, cumplir a norma, seguir o guión que outros escribiron para tí. A veces se trata de recomendacións para aterse aos modelos dominantes, outras veces son prácticas que bordean o legalmente establecido. Que pode facer aí a filosofía? Pode dubidar, ter coidado coas xeneralizacións , propor a necesidade de contextualizar calquera xuizo, sacar á luz o que está implícito, os condicionantes culturais dos conceptos, os intereses que agochan. Como dicía Nietzsche non nos libraremos de Deus mentres sigamos a crer na gramática, e con iso transmitía unha saudable desconfianza na linguaxe, gran forxador de conceptos espurios.
Os temas moralmente máis polémicos teñen ademáis unha difícil ubicación política. A esquerda e dereita se reproducen as alternativas entre moralismo penalizador e anti-autoritarismo despenalizador, entre restricción de dereitos e a súa ampliación, entre a fabricación de individuos sometidos e a promoción da responsabilidade de cadaquén na súa propia vida.
Hai que coidarse dos que ignoran o pluralismo dos valores, dos que detentan un suposto saber indiscutible e queren usalo como dispositivo de normalización e control; hai que precaverse desa liña perigosa que conecta as ideas socialmente establecidas cos mecanismos do poder. O pobre, o drogadicto, o tolo, a prostituta, o suicida, son minorías que problematizan os dogmas maioritarios e enmendan os programas de ilustración; introducen unha sospeita que se extende desde o “goberno dos sabios” (Platón) ata toda “vontade lexisladora universal” (Kant). As ideas poden ser usadas como armas de dominio, como soldados da liberdade obrigatoria, que impoñen a salvación das almas a sangue e lume. Baixo a forma do universal a filosofía pode ser un adorno de instintos feroces. É mellor deixar falar, non usurpar as voces de outros, non empeñarse en representar. Dicía o filósofo Gilles Deleuze: “devir-minoritario”. Todos somos parte dunha minoría respecto de algo. Cabe entonces unha filosofía do singular, unha escoita das marxes e das razóns que non concordan co establecido, como un murmurio que chega desde abaixo. Pensar o singular, e deixalo ser.

Publicado no Progreso o 1-1-2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario