III Foro "Lugh Augusti"

sábado, 26 de marzo de 2016

Que veña o caos!



Gonzalo Pérez López
 
Intentaba paliar o efecto do agrisado día invernal sobre meu estado anímico,  cando quedei atrapado nese magma político-mediático, tan lonxe da racionalidade comunicativa habermasiana como cerca dos principios da propaganda de Goebbels. Simplificación, informacións fragmentarias,  invención dun inimigo común, medias verdades para facer tragable unha gran mentira, repetición masiva  de ideas simples distorsionadoras da realidade, persuasión dunha falsa unanimidade sobre ideas que só benefician aos propagandistas, aderezado todo coa distracción do receptor por medio de frivolidades que apelan ó compoñente morboso, pasional e primitivo dos humanos, forman esa densa lameira da que desesperadamente trato de liberarme.
Aplicadas esas técnicas de manipulación á situación política que deparou o resultado das pasadas eleccións, queda flotando a ameazante mensaxe, explícita ou implícita, do castigo de incalculables dimensións que nos espera se ousamos transgredir a orde establecida. Dada a actitude antidemocrática, regresiva e de desprezo á racionalidade política que isto implica, iniciei un proceso de busca das claves que me permitiran explicala coherentemente.
Curiosamente, esa busca non me remitiu a ningún dos meus referentes intelectuais e morais, senón  que desemboquei  na revista de humor, negro, iso si, Hermano Lobo, que tentaba fintar intelixentemente  á censura tardofranquista. Nunha viñeta, o oligarca correspondente enviaba unha mensaxe pechada á masa informe que ateigaba o auditorio: “nosotros o el caos”. Como un resorte, a masa berrou: “el caos, el caos”, replicando o tribuno: “es igual, también somos nosotros”
Son eles, efectivamente, os que, para evitar o caos, impuxeron a súa orde, urdindo unha xeneralizada rede de corrupción tramada nas cloacas onde confluían os intereses privados cos detritos do espolio das institucións públicas; os que incrementaron a discriminación, a exclusión e a desigualdade social, que xustificaron mediante un darwinismo social lacerante; os que avalaron o despido fácil e a reaparición do traballador pobre; os que adelgazaron as listas do paro a base dun traballo precario, facer horas sen remunerar e ganar menos có subsidio de desemprego, tamén minimizado; os que propiciaron recortes en educación, sanidade e dereitos civís que nos retrotraen ás máis escuras décadas do século pasado; os dos impostos regresivos e a amnistía fiscal para as grandes fortunas; os que non só manifestaron desprezo polos pobres, mulleres, dependentes,  xoves,  discapacitados e calquera colectivo vulnerable, senón que trataron de invisibilizalos, anul ándolles a autonomía e a capacidade reivindicativa e sumíndoos na depresión e na desesperanza.
Son os mesmos que, por una parte, oficiaron de modélica sucursal das políticas emanadas das organizacións de control capitalista como o FMI ou o  BCE, e, por outra, enchíaselles a boca falando desa  entelequia, España, figura decorativa que nada decide, pero que lles proporcionou pingües beneficios políticos, xa que, recorrendo ao chantaxe emocional, lograron  distraer á xente da auténtica problemática que lle afecta.
Pero van máis alá, queren sucederse a si mesmos e, como na viñeta citada, pretenden controlar incluso a súa propia oposición, á que denominan “oposición razoable”, botando man, sen rubor, dos rescaldos da autoinmolación  da socialdemocracia en aras de facilitar a expansión dun capitalismo disposto a fagocitar calquera opción, incluso afín, que ouse poñer un pé fóra dos cada vez máis estreitos límites que impón.
Que podemos facer, entón? Desordenar toda esta armazón impulsando un caos que descompoña ese cosmos pechado, esa orde monolítica e excluínte que nos atenaza. Nada máis lonxe da miña intención que  aplicar mimeticamente a Teoría do Caos de orientación científica á interpretación da dinámica social, pero non parece fóra de lugar achegar un concepto desa teoría, o “efecto bolboreta”, para albiscar algunha saída  liberadora. Trataríase de introducir pequenas cuñas alternativas de reivindicación que fendan a pétrea estrutura do sistema e que, aínda que parezan insignificantes, poden operar como detonante ético- político para, cun crecemento exponencial dos efectos, propiciar o impacto social expansivo desexado. Por iso, dende a miña profunda convicción da necesidade de acceder ao que os custodios da orde chaman caos, só me queda convidarvos a participar e entregarme de cheo a posibilitar a súa chegada.

Publicado no Progreso o 5-3-2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario