Mª Isabel Sánchez Corral
Segundo a ONU ao redor de 250.000
persoas morreron e 13,5 millóns necesitan asistencia humanitaria dentro de
Siria. Máis do 50% da poboación siria está en situación de desprazamento.
Hai máis de 4,5 millóns de
refuxiados sirios en só cinco países: Turquía acolle a 2,5 millóns (unha de
cada cinco persoas da poboación do país), Líbano acolle a uns 1,1 millóns (unha
de cada cinco persoas da poboaión do país); Jordania acolle a uns 635.324 (o
10% da poboación); Iraq onde hai 3,9 millóns de persoas desprazadas acolle a
245.002 persoas; e por último Exipto acolle a 117.658 refuxiados de Siria.
O 86% dos refuxiados e refuxiadas
de Siria en zonas urbanas de Xordania viven por debaixo do umbral da pobreza. A
poboación refuxiada máis vulnerable que se atopa en Líbano recibe tan só uns
0,70 centavos de dólar ao día para asistencia alimentaria. A Onu establece o
umbral de pobreza en 1,90 dólares.
Desde o comezo da crise de Siria ofrecéronse en todo o
mundo 162.151 prazas de reasentamento en total, o que equivaldría ao 36% da
poboación total de refuxiados sirios dos países antes citados. Pero según Acnur
ao menos 450.000 persoas refuxiadas nestes cinco países de acollida (o 10%)
necesitan ser reasentados. Do mesmo xeito para Amnistía Internacional deberíase
reasentar o 10% da poboación siria refuxiada antes do remate deste ano.
Os países do Golfo (Qatar,
Emiratos Árabes Unidos, Arabia Saudí, Kuwait e Bahréim) non ofreceron ningunha
praza de reasentamento para refuxiados sirios. Outros países como Rusia, Xapón,
Singapur e Corea do Sur, tampouco o fixeron. Só Alemaña prometeu 39.987 prazas
a través do seu programa de admisión humanitaria e de patrocinio individual, o
54% do total da UE aproximadamente. Son Alemaña e Suecia as que reciben o 57%
de solicitudes de asilo político entre 2011 e 2015. O resto de países da UE
prometeron reasentar a 30.903 persoas, o que suporía o 0,7% da poboación
refuxiada siria nos principais países de acollida.
A esta situación hai que engadir
que 8 de cada 10 nenos e nenas sirios víronse afectados pola guerra (uns 8,4
millóns), un de cada tres (uns 3,7 millóns) naceron desde que comezou o
conflicto. As súas vidas están impregnadas de violencia, medo e inestabilidade.
Tanto os nenos que se atopan dentro de Siria como os refuxiados nos países
veciños necesitan axuda humanitaria. As consecuencias son gravísimas: 7 millóns
sumidos na pobreza e 2,8 deixaron de ir a escola. O máis preocupante é que polo
menos 10.000 menores haberían desaparecido nada máis chegar a Europa, segundo
estimacións de Europol. Algúns debido a unha burocracia fallida, xa que non
funciona o sistema de reagrupamento familiar. Isto supón que as veces os
menores buscan outros xeitos para reunirse con eles, pero facilmente caen en
mans de mafias, víctimas da explotación sexual e laboral. En pouco tempo se
xenerou unha rede de explotación sexual, unha organización criminal que
operaría desde Alemania e Hungría. Só en 2015 chegaron a Europa 26.000 menores
sen acompañamento.
As mulleres corren a mesma sorte
en total desprotección nos campos de refuxiados: desaparecidas, abusadas,
prostituídas.
Liberdade, igualdade e
fraternidade: un neno morto nunha praia de Turquía, gases lacrimóxenos na
xungla dos nenos desaparecidos de Calais, escavadoras en Idomeni, naufraxios un
día si e outro tamén no Mediterráneo con continuas mortes.
Os nosos ideais de vida boa e
xusta quedan outra vez por debaixo do sacrosanto mercado e as súas leis.
Levamos máis de dúas décadas intentando que países como Iraq, Afganistán ou
agora Siria volten a Idade Media. A súa dependencia económica é a nosa riqueza.
Os efectos secundarios ou colaterais parece que non importan tanto como os
beneficios a obter.
Publicado no Progreso o 28-5-2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario