III Foro "Lugh Augusti"

domingo, 7 de agosto de 2016

Políticas que matan




Xosé Ramón Cando Vázquez
 
Segundo un estudo realizado na Universidade da Coruña e publicado na revista The European Journal of Health Economics existe unha relación "moi significativa" entre a crise económica e o incremento de suicidios en Galicia, este incremento significa para o ano 2014 o falecemento de 390 persoas, de acordo co Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM). A cifra de 2014 é a mais elevada dende que existen datos a este respecto no país galego. Se se consultan os datos do Ine, España rexistrou no ano 2014 a cifra de 2.390 suicidios, número que, ao igual que en Galicia, é o máis elevado da serie histórica dende que apareceron estes rexistros nos anos 80. Para algúns expertos non cabe reducir a causa do incremento á crise económica, en exclusiva, pero non se debe desbotar a súa influencia.
Moussa Laanani, nun estudo feito para o Instituto Nacional da Saúde e da Investigación Médica de Francia (Inserm), recollido polo xornal El Mundo, chegou á conclusión de que cando a taxa de paro se incrementa nun 10%, a taxa de suicidios increméntase nun 1,5%. En China a empresa Foxconn, fabricante dos produtos de Apple, veu experimentando un alarmante número de suicidios entre os seus traballadores e traballadoras debido, segundo diversas fontes (algunhas chinas), ás degradantes condicións nas que teñen que realizar o seu labor e mesmo nas que teñen que vivir. Segundo conta o New York Times os horarios semanais poden acadar as 60 horas cunha retribución de 1,74 dólares a hora, non sendo raro contemplar traballadores durmindo enriba das cadeas de montaxe e das caixas de empaquetado. A empresa, ante o continuo goteo de suicidios e de intentos de suicidio decidiu establecer unha cláusula nos contratos na que o/a traballador/a comprométese a non suicidarse e, en todo caso, exime á empresa de toda responsabilidade en canto aos danos que poida causarse.
As informacións anteriores recollen a relación que en diversos países (incluído o noso) e con distintas variables se produce entre a situación económica e a taxa de suicidios. Obsérvase, vg., que o paro repercute no número de persoas que se quitan a vida pero constátase, igualmente, que os contratos laborais que non teñen en conta a dignidade humana dos traballadores e traballadoras contribúen nese mesmo sentido. Para situar estes datos no contexto no que se dan convén establecer algúns presupostos que teñen (quéirase ou non) carácter político:
a) As crises económicas ás que, con reiteración, asistimos e asistiremos non son catástrofes naturais como poden selo un terremoto ou un tsunami senón que se dan como consecuencia dun determinado xeito de entender a economía, de organizar a produción, o consumo e o goce dos bens. Ou sexa, política.
b) As medidas que se adoptan unha vez constatada a crise non teñen como obxectivo o ben común e a recuperación económica do conxunto das persoas que a sofren, o que vemos a cotío e a implementación de estratexias tendentes a garantir o benestar das minorías privilexiadas en detrimento das condicións de vida (de supervivencia?) doutros grupos sociais. Ou sexa, política.
c) A vida das persoas non é o ben máis importante a protexer, por moito que o diga a Onu ou, noutro sentido, as campañas provida da igrexa Católica. Os seres humanos teñen, en moitos contextos, a condición de recursos (recursos humanos) utilizables, utilizados e mesmo prescindibles (suprimibles?), en beneficio do goce ou se cadra extragoce daqueles outros (poucos) que ao mellor xa están por riba da categoría humana (superhomes?), mais alá do ben e do mal. Ou sexa, política.
A partir destes presupostos resultan coherentes e entendibles os datos que se mencionan na primeira parte desta exposición (aínda que arrepiante, nada novo).

Publicado no Progreso o 18-6-2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario