Enlace: Pódese visualizar a conferencia de Antonio Campillo impartida no IV Foro Galego de Filosofía
https://youtu.be/c25TLrQyRpU
III Foro "Lugh Augusti"
▼
martes, 25 de octubre de 2016
Video conferencias III Foro
Enlace: Pódense visualizar as conferencias de Paz Moreno Feliu e César Rendueles impartidas no III Foro Galego de Filosofía
Certezas
José Domingo de Prada
Para vertebrar o relato do mundo no que vivimos, do noso mundo, acudimos ás
certezas. Vostedes que están lendo estas liñas, eu que as escribo, todos en
xeral, construímos unha determinada imaxe do mundo en función das nosas
certezas, as cales se configuran a si mesmas e configuran o mundo no que se
desenvolve a vida do suxeito. Guíanse neste desenvolvemento polas necesidades
-reais ou inducidas-, coñecementos e experiencias, expectativas, medos, desexos
ou limitacións, ás que se enfronta cada quen. Isto se atendemos á perspectiva
persoal, pero tamén as hai no plano social: tradicións, ideas integradas como
evidentes, costumes, ameazas, prexuízos, dogmas, saberes non demostrados...
erros, en suma.
As certezas son instintivas, describen mal o mundo, e precisamente por ese
motivo non se someten á revisión racional, nin á crítica, nin á memoria.
Sobreviven en nós -e na sociedade- a base de non render contas, non explicarse,
non lembrar os seus fallos na interpretación da realidade, non recoñecer as
deformacións que provocan e presentarse sempre como verdades inamovibles.
É máis fácil desmontar unha verdade que unha certeza, pois a verdade si se
somete a revisión, asume a crítica, xorde da dúbida, da inquisición sobre o
mundo, da ansia de saber. En cambio, a certeza é segura, obstinada, firme,
tanto se acerta coma se erra.
Nós, os que vivimos nestes comezos do século XXI, somos suxeitos cargados
de certezas e desposuídos de verdades. Abondosos de nós mesmos damos conta da
realidade desde a superioridade de quen está nela, de quen cre que entende o
mundo porque pensa con compracencia que o domina.
Consideramos que as novidades que constitúen a nosa vida son novidades
absolutas, innovacións orixinais dun novo humano superior en coñecemento,
técnica e desfrute da realidade.
A tendencia é mirar con certa soberbia ao pasado: ignorante, bárbaro e
cruel. Vivimos convencidos das nosas bondades e iso nos fai cegos aos nosos
defectos. Presos desta soberbia -hybris, dirían os gregos- repudiamos a procura
da verdade pensando que é nosa e que está nas nosas certezas.
Aínda que moitos o neguen, a confusión do pensamento coa realidade está
cada día máis presente no noso mundo, a separación entre a realidade e a
ficción (ou realidade virtual como se lle denomina actualmente) cada día é máis
difícil, e desa confusión se aproveitan os que estruturan a sociedade.
Fronte á certeza, a verdade é o relato que supera o que vemos, que
descompón as opinións, que fura no mundo para profundar alén das apariencias e
aínda que con dificultade, tratar de dar conta do que hai. A verdade require
memoria, atención, comprensión, revisar permanentemente opinións e saberes,
avanzar con calma, cartografar o mundo para poder entendelo.
En cambio, a certeza vai lixeira, deslízase sobre a realidade coma un
patinador, foxe das paradas e dos compromisos e abóndalle con ver a superficie
das cousas.
Como non nos van manipular? Desmemoriados, arrogantes, autosuficientes,
carentes de curiosidade e fartos de seguridades, faltos de verdades críticas,
pero cheos de certezas inducidas, sustentadores dunha técnica que admiramos e
que nos domina, inconscientes, impulsivos, irracionais, volitivos...
Poñémosllelo tan fácil coas nosas certezas aos que queren converternos nos seus
xoguetes!
Publicado no Progreso o 22-10-2016
As imaxes e as cousas
Juan Carlos Fernández Naveiro
Non hai tanto que o relato dos feitos se distinguía dos artificios da
publicidade. Cando en 1998 se estreou El
show de Truman aínda
causaban extrañeza as
brevísimas
interrupcións
publicitarias que acabaron por delatar a impostura que era a vida de Truman,
filmada desde o mesmo nacemento e emitida en directo as vintecatro horas do
día, un Gran Hermano ambicioso e
total, a fusión
suxerida polo concepto de telerrealidade.
Nesa época comenzaban a mesturarse os rexistros da información e a publicidade,
antes separados en tempos e formatos diferentes e agora deliberadamente
confundidos en todo momento, o que provoca un efecto de ficcionalización do
real. A credibilidade das noticias tende a volatilizarse cando advertimos que o
presentador quere vendernos un produto calquera, e tamén percibimos a falsidade
da propia intención vendedora, que contaxia de rebote o discurso sobre o real.
Reflexo sobre reflexo, como na caverna platónica que inspirou Seahaven, a
cidade-decorado de Truman, mentres o real fuxe cara un exterior de acceso
imposible. O deserto do real, que diría Zizek, desde que o plató de Truman
asoma en multitude de programas e se torna ubicuo e natural.
A televisión é a banda sonora da vida moderna, o seu permanente ruído de
fondo, como titula unha espléndida novela Don DeLillo. "Palabras, imaxes,
cifras, feitos, gráficas, estatísticas o fluxo é constante" –di o escritor americano– "só as catástrofes logran captar a nosa atención sempre e cando sucedan noutro
lugar". Pero ese fluxo xa non é só un fondo senón que ocupa toda a superficie e se amalgama co que queda
de obxectividade; é a "papilla mediática" da que falaba o
recentemente falecido Gustavo Bueno, que empregou boa parte da súa enerxía
intelectual dos últimos tempos en descifrar o significado sociolóxico de GH e defender a congruencia da
telebasura co sistema político
democrático.
Democracia de audiencias, como a chama Bernard Manin, na que se
trata de coñecer e
modelar as preferencias do público e axustar a iso programas e líderes, ou videopolítica en Giovanni Sartori, sostida pola ilusión cognitiva
que considera que "ver é comprender", ou como adoita dicirse
"unha imaxe vale máis que mil palabras". Aplánase aí todo valor,
renúnciase aos argumentos sofisticados da palabra e sustitúense pola
instantaneidade da imaxe, que se agota na súa presencia e incorpora a súa
desaparición. Levedade da memoria, e criterio sensacionalista de verdade. A
conciencia opera en modo on/off, conectada au desconectada a pracer, como ao
dictado dun oculto programador tan carente de escrúpulos como Christof, o
productor que levaba un control absoluto sobre a vida de Truman.
O formateo televisivo (audiovisual, dixital) das conciencias ten un
correlato político na dominación invisible, que vemos soster a cotío por
discursos que negan feitos, datos e evidencias con total impunidade,
predispostos para levar ao extremo o prexuizo ideolóxico, unha vez descontado o
desprezo do real (Donald Trump representa a apoteose deste modelo que me temo
que non é exclusivo da dereita).
Pero é máis grave o correlato cognitivo. É sabido que o real é unha
construción social mediada pola subxectividade e a linguaxe, de xeito que para
as xeracións actuáis as imaxes son a materia prima dunha inédita construcción
do real.
No inicio de Las palabras y las cosas,
Michel Foucault recordaba "certa enciclopedia china" mencionada nun
texto de Jorge Luis Borges (El idioma
analítico
de John Wilkins), no que
aparece unha clasificación
delirante dos animais que o pensador francés tomaba como motivo para cuestionar a
ligazón co
real das nosas categorías
lingüísticas.
Qué diríamos agora das imaxes? A que distancia do
real nos movemos cando transitamos polo universo audiovisual? Con demasiada
certeza sospeitamos a evanescencia do noso deambular televisivo, audiovisual e
dixital, como se o sentido da marcha respecto da caverna de Platón non fose
precisamente o de saída.
Vemos que a diagnose non é nova e despois de tanto tempo podemos reiterar a
mesma crítica que facía a alegoría platónica; así que o show (de Truman, de
todos nós) aínda continúa.
Publicado no Progreso o 1-1-2016
Na senda de 'The Wire'
Mª Isabel Sánchez Corral
Educación etimolóxicamente procede do latín ēducātiō de ēdūcō
("educo", "adestro"), e profundando un pouco máis vemos que
ten relación con "levar adiante", "sacar". O seu
significado etimolóxico parece levarnos cara á tarefa de promover o
desenvolvemento intelectual e cultural no educando, desenvolvendo o intelecto e
o coñecemento a partir das súas potencialidades tanto psíquicas como
cognitivas. Sacar o mellor de nós mesmos levando adiante a tarefa proposta.
En cambio o BM, o FMI e no noso país o Ibex 35, os grandes poderes
económicos, entenden que o que ten que facer a sociedade é "adestrar"
nalgunha destreza aos seus futuros membros e poñela en práctica fóra ou dentro
das nosas fronteiras ben, pero sen rechistar, aínda que estén no paro. Por
suposto da maneira menos creativa, pois ese papel se asume por uns elixidos que
crean cultura de consumo onde nos identificamos da seguinte maneira: "eu
son o que consumo", non o que produzo e moito menos como o produzo.
Nesa tarefa atopámonos agora mesmo, na implantación da fase final dunha lei
educativa (a Lomce) que permite a desigualdade, profunda no fracaso escolar
máis que solucionalo e elimina a democracia nos centros escolares (entre outras
moitas cousas). Sabendo todo isto a comunidade educativa, as organizacións
sociais de pais e nais e os estudantes (mobilizándose contra ela desde o seu
inicio), atopámonos actuando de forma responsable programando e dando as nosas
clases, mandando aos nosos fillos e fillas ao colexio, sentándonos no pupitre
ante un futuro incerto sen saber se un exame vai orientar cara a onde sopren os
ventos do capital.
A responsabilidade de ter que loitar desde dentro, traballando para que
ninguén nos quite a autoridade como docentes, pais, nais e estudantes. Xerando
iso si, certa esquizofrenia e hastío por momentos, pero que a dignidade debe
recolocar ao pensar que a educación é un valor universal que non se debe
mercantilizar.
Ese gran poder económico está a organizarse non só para implantar este
modelo educativo no noso país, senón no mundo enteiro. Miremos senón as
mobilizacións levadas a cabo en maio de 2016 no Reino Unido, onde miles de
alumnos de idades tan temperás como seis ou sete anos foron chamados a unha
folga sen precedentes en contra dos exames estandarizados para alumnos de
Primaria. Os nenos ingleses son avaliados e clasificados polos resultados de
Ofsted (Office por Standards in Education, Children’s Services and Skills).
Organización dedicada á inspección do rendemento acadé- mico en colexios e
institutos, un departamento non ministerial. Na súa man atópase considerar a un
centro como "inadecuado", o que pode provocar que sexa intervido,
destituíndo ao seu órgano gobernante substituíndoo por unha xunta directiva
interina.
Está a imitarse a educación pública de Estados Unidos que responde a un
modelo educativo mercantilista. Neste país os baixos índices no rendemento
académico e o fracaso nos exames estandarizados por parte de decenas de miles
de estudantes das comunidades pobres e marxinadas, combínanse cos recortes
orzamentarios constantes e as privatizacións no sector educativo público.
Cantas máis escolas de baixo rendemento se pechan máis diñeiro reciben os
distintos Estados. Os centros loitan por preparar ao seu alumnado para eses
exames estandarizados a partir da metade de curso e dar o nivel, tentándose
esquecer do seu labor educativo para poder deixar de ser unha escola de
"baixo rendemento". Baixo este paradoxo queren evitar a substitución
do director/a, despedimentos masivos de mestres, peche da escola, envío dos
estudantes de pobre rendemento a outras escolas. A consecución disto sería a
apertura de escolas charters reguladas por organizacións educativas privadas.
Por suposto, o Estado de quenda obtería unha millonada de dólares ao peche
destas, como lle prometeron ao de Nova York se pechaba en 2010 dezanove destas
escolas.
Se se quere palpar de preto as consecuencias da privatización encuberta da
educación pública, debería visulizarse a cuarta tempada da serie televisiva The
Wire ambientada en Baltimore e adicada á educación. E se despois nos animamos a
cambiar as cousas non debemos esquecer o que dixo Warren Buffet: "Por
suposto que hai guerra de clases, pero é a miña clase, a clase rica, a que está
a realizar a guerra; e estamos a gañar".
Publicado no Progreso o 8-10-2016