III Foro "Lugh Augusti"

martes, 25 de octubre de 2016

Na senda de 'The Wire'



Mª Isabel Sánchez Corral
 
Educación etimolóxicamente procede do latín ēducātiō de ēdūcō ("educo", "adestro"), e profundando un pouco máis vemos que ten relación con "levar adiante", "sacar". O seu significado etimolóxico parece levarnos cara á tarefa de promover o desenvolvemento intelectual e cultural no educando, desenvolvendo o intelecto e o coñecemento a partir das súas potencialidades tanto psíquicas como cognitivas. Sacar o mellor de nós mesmos levando adiante a tarefa proposta.
En cambio o BM, o FMI e no noso país o Ibex 35, os grandes poderes económicos, entenden que o que ten que facer a sociedade é "adestrar" nalgunha destreza aos seus futuros membros e poñela en práctica fóra ou dentro das nosas fronteiras ben, pero sen rechistar, aínda que estén no paro. Por suposto da maneira menos creativa, pois ese papel se asume por uns elixidos que crean cultura de consumo onde nos identificamos da seguinte maneira: "eu son o que consumo", non o que produzo e moito menos como o produzo.
Nesa tarefa atopámonos agora mesmo, na implantación da fase final dunha lei educativa (a Lomce) que permite a desigualdade, profunda no fracaso escolar máis que solucionalo e elimina a democracia nos centros escolares (entre outras moitas cousas). Sabendo todo isto a comunidade educativa, as organizacións sociais de pais e nais e os estudantes (mobilizándose contra ela desde o seu inicio), atopámonos actuando de forma responsable programando e dando as nosas clases, mandando aos nosos fillos e fillas ao colexio, sentándonos no pupitre ante un futuro incerto sen saber se un exame vai orientar cara a onde sopren os ventos do capital.
A responsabilidade de ter que loitar desde dentro, traballando para que ninguén nos quite a autoridade como docentes, pais, nais e estudantes. Xerando iso si, certa esquizofrenia e hastío por momentos, pero que a dignidade debe recolocar ao pensar que a educación é un valor universal que non se debe mercantilizar.
Ese gran poder económico está a organizarse non só para implantar este modelo educativo no noso país, senón no mundo enteiro. Miremos senón as mobilizacións levadas a cabo en maio de 2016 no Reino Unido, onde miles de alumnos de idades tan temperás como seis ou sete anos foron chamados a unha folga sen precedentes en contra dos exames estandarizados para alumnos de Primaria. Os nenos ingleses son avaliados e clasificados polos resultados de Ofsted (Office por Standards in Education, Children’s Services and Skills). Organización dedicada á inspección do rendemento acadé- mico en colexios e institutos, un departamento non ministerial. Na súa man atópase considerar a un centro como "inadecuado", o que pode provocar que sexa intervido, destituíndo ao seu órgano gobernante substituíndoo por unha xunta directiva interina.
Está a imitarse a educación pública de Estados Unidos que responde a un modelo educativo mercantilista. Neste país os baixos índices no rendemento académico e o fracaso nos exames estandarizados por parte de decenas de miles de estudantes das comunidades pobres e marxinadas, combínanse cos recortes orzamentarios constantes e as privatizacións no sector educativo público. Cantas máis escolas de baixo rendemento se pechan máis diñeiro reciben os distintos Estados. Os centros loitan por preparar ao seu alumnado para eses exames estandarizados a partir da metade de curso e dar o nivel, tentándose esquecer do seu labor educativo para poder deixar de ser unha escola de "baixo rendemento". Baixo este paradoxo queren evitar a substitución do director/a, despedimentos masivos de mestres, peche da escola, envío dos estudantes de pobre rendemento a outras escolas. A consecución disto sería a apertura de escolas charters reguladas por organizacións educativas privadas. Por suposto, o Estado de quenda obtería unha millonada de dólares ao peche destas, como lle prometeron ao de Nova York se pechaba en 2010 dezanove destas escolas.
Se se quere palpar de preto as consecuencias da privatización encuberta da educación pública, debería visulizarse a cuarta tempada da serie televisiva The Wire ambientada en Baltimore e adicada á educación. E se despois nos animamos a cambiar as cousas non debemos esquecer o que dixo Warren Buffet: "Por suposto que hai guerra de clases, pero é a miña clase, a clase rica, a que está a realizar a guerra; e estamos a gañar".

Publicado no Progreso o 8-10-2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario