III Foro "Lugh Augusti"

jueves, 11 de mayo de 2017

Reivindicación da poesía



Gonzalo Pérez López


"A poesía é anticuada para quen está saciado, pero cando o real é insoportable, adquire o valor dun arma para sobrevivir" (B.Cyrulnik).

O meu primeiro contacto co que daquela chamaban poesía foi na tétrica e deformadora escola franquista que sufrimos xeracións enteiras. Abundaban os ripios potentes e arrepiantes, trufados de linguaxe militarista, machista e excluínte, que loaban exércitos gloriosos e aspiracións imperiais e inculcaban a idea de patria que se arrogou en exclusiva unha das dúas Españas, a dos triunfadores do golpe de estado. Empregábase tamén a pseudopoesía como reforzo sonoro e teimudo de ideas que destilaban unha carga ideolóxica de cuxos efectos aínda hoxe se poden detectar culturalmente perniciosos vestixios, desde as arengas que invitaban a traballar como un burro no presente como vía para chegar a cabalo no futuro ata as que predicaban unha resignación de resonancia calderoniana ("contan de un sabio que un día …"). Non faltaban tampouco tanto a liña dun catolicismo rancio, ritual, represor, carente de espiritualidade, como outra que, con expresión meliflua e pueril, reservaba para a muller un papel degradante, limitado a facilitar o "descanso do guerreiro", traballar na casa e parir, sen límite, fillos para o ceo, previo paso pola terra como man de obra barata.
Nada chegaba a nós máis alá dos citados modelos alienantes que potenciaban prexuízos, tabús dureza e insensibilidade como cruel bagaxe de supervivencia. Era a antítese da poesía, furtándonos a súa contribución á creatividade, ao coñecemento, ao exercicio da empatía e da alteridade, o seu potencial liberador, en suma. E non só iso, senón que, se lías ou escribías poesía á marxe das canles impostas, convertíaste en sospeitoso de brando, de requintado e carente do ardor guerreiro esixible ou, aínda peor, de desafección polo réxime.
Como en tantos aspectos da vida, superar todas estas deformacións, máis arraigadas no meu arredor que en min mesmo, pero non por iso menos condicionantes do desenvolvemento vital, supuxo outro desgaste a engadir aos danos colaterais do totalitarismo sobre a sociedade civil.
Por todo isto, a reivindicación da poesía non supón ningunha ruptura conceptual coas miñas análises e conviccións sociais e políticas manifestadas anteriormente, senón que ten nelas o seu fundamento intelectual e moral. Para que serve a poesía?, preguntan retoricamente os que intentan desprestixiala desde posicións imbuídas de mercantilismo insensible.
É evidente que a poesía non vai substituír a ciencia social na aná- lise da realidade para cambiala, pero a poesía non é só, como defenden algúns, un artificio estético, puramente ornamental, elitista en ocasións, senón que ten un valor de coñecemento, de verdade e resistencia nada desprezables na transformación social moralmente irrenunciable.
Hoxe en día, invitados constantemente á festa da banalidade, á pompa, ao ruído aparatoso, á palabra oca, ao efectismo inmediato, á exterioridade evasiva e á impostura como actitude vital, resulta imprescindible volver sobre un mesmo, sen caer nun ensimesmamento narcisista, para recuperar os silencios como condición necesaria para a reflexión.
A poesía non supón un escape covarde da realidade nin un simple xogo sen sentido práctico, senón unha forma distinta de facer fronte a unha realidade, insufrible ás veces, se temos ese mínimo de sensibilidade que nos humaniza. Para min opera como un antídoto fronte a frustración e a tristeza que me invaden con certa frecuencia, sexan provocadas pola esgazadura da urdimbre afectiva que me unía con miña nai cando emprendeu o voo na procura do descanso definitivo ou ben porque a fenda entre o desexo de humanización e a realidade que sen impón a cotío parece aumentar irremediablemente, por poñer algúns exemplos de moi distinta orientación.
Á afirmación, creo que de Benedetti, de que a poesía é o xénero da sinceridade última, engadiríalle eu que é o xénero da liberdade. A iso me acollo.
A maxia das palabras permite transformar estas en sentimentos e expresalos coa liberdade necesaria para imaxinar a realidade transformada xa como incentivo previo para empezar a transformala de feito.
Non menos importante é a súa función liberadora da linguaxe, sometida a tanta manipulación, a un uso unicamente utilitarista, interesadamente eufemístico e perverso. A linguaxe poética permite desbordar os límites do inmediato e fronte a redución do mundo ao obvio e a pretendida imposición de verdades absolutas, a poesía ofrece exploración de novas vías, creación e recreación, especial sintonía entre emisor e receptor sen necesidade de coincidencia entre a intención do primeiro e a interpretación do segundo, favorecendo un voar libre cara a un universo de infinitas posibilidades creativas.
A poesía, ademais dunha vivencia moi especial do presente, tamén é, como dicía Celaya, "unha arma cargada de futuro". A única arma a empregar nun mundo de xustiza e paz aínda por chegar.

Publicado no Progreso o 28-4-2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario