III Foro "Lugh Augusti"

viernes, 28 de julio de 2017

Existe, aínda, o "ser galego"?



Xosé Ramón Cando Vázquez

Falaban os filósofos lucenses Ramón Piñeiro e Celestino Fernández de la Vega do que consideraban o ser galego, situando o espírito de dito ser en tres ámbitos: a saudade, o sentimento da paisaxe e o humorismo. É ben sabido que Celestino desenvolve con amplitude e suficiencia este último aspecto en O segredo do humor pero a pregunta pola existencia dun humor, singular, atribuíble ao ser galego foi tamén formulada a estudosos alleos ao noso país. Neste senso, pódese facer mención a John Rutherfod, hispanista británico da Universidade de Oxford quen, como se recolle en El País do 22 de maio de 2009, ante a pregunta sobre a posible semellanza entre o humor galego e o humor inglés, nega dita semellanza afirmando, en cambio, que si se pode atopar co humor doutros "pobos historicamente sometidos como o irlandés e o xudeu", podéndose tirar a conclusión de que a retranca, como expresión do humor galego, sería a ferramenta defensiva propia dun "pobo historicamente sometido" como nos define Rutherford.
Cando Ramón e Celestino matinaban no ser galego, Galicia era un país eminentemente rural e vilego do que, por certo, procedían ambos. O mundo do que están a falar era a Galicia da posguerra na que as aldeas, non as vilas, carecían de luz eléctrica, e en xeral de toda comunicación co exterior, agás os días de feira e de mercado que facilitaban os contactos e mesmo permitían que algún veciño curioso mercase o xornal da provincia que, despois de ser obxecto de lectura longo tempo, servía para facer tapetes con bordos recortados que decorarían as lacenas. Esa sociedade conservaba boa parte da bagaxe cultural que viñera sendo transmitida no seo das propias aldeas e as vilas e nela non debía resultar difícil atopar as características das que falan os nosos filósofos, acentuadas se cabe, no caso da retranca, por aquela ditadura opresora e cruel.
Seguen a ser válidas as ferramentas de Ramón e Celestino para poder falar do "ser galego" na actualidade?
Vexamos:
a) Sentimento da paisaxe: Os mozos e mozas naquel contexto pasaban moitas horas labrando as terras ou gardando as vacas. Hoxe os mozos e as mozas de dezaseis e dezaoito anos , maioritariamente urbanos/as, van pola rúa mirando os seus móbiles e conversando con outras persoas distantes. Mesmo se practican actividades ao aire libre como o ciclismo levan cascos con teléfono incorporado que os manteñen, espiritualmente, lonxe, e navegadores GPS que fan innecesaria a observación da paisaxe para a orientación.
b) Humorismo: Os mozos e as mozas daquel tempo mantiñan, naquel contexto, viva e completamente actual a retranca porque lles resultaba imprescindible. Hoxe os mozos e as mozas de dezaseis e dezaoito anos, os do meu instituto por exemplo, ignoran a existencia da retranca, cal é o seu obxecto e o manexo da mesma porque, se cadra, esta mocidade da que falo non sofre ningún tipo de opresión?
c) Saudade: A miña formación e información ao respecto non me permiten ir moi lonxe pero tendo en conta a definición de Piñeiro: "A saudade é un sentimento sen obxecto, un puro sentir, sería, logo, o puro sentir da esencial intimidade da vida humana, da soidade fundamental en que reside a radicalidade do ser de cada individuo" atrévome a preguntar se pode seguir falándose co mesmo carácter asertivo dun sentir galego da "esencial intimidade da vida humana" cando resulta discutible que co desparrame tecnolóxico actual, exista algo semellante ao que Piñeiro define como "soidade fundamental".
Pode apuntarse a posibilidade de que as características que tradicionalmente definían o ser de cada pobo (existe aínda a idiosincrasia?) van quedando superadas, nun tránsito que ven de lonxe, polos procesos de aculturación que aquí, por exemplo, se aceleran ao longo da década dos setenta do século XX coa universalización dos receptores de TV pero que adquiren dimensións devastadoras coa extensión das redes sociais e do coñecemento da lingua inglesa, expresión dunha cultura universalizada con referentes moi atractivos e, en moitos casos, pouco compatibles coas nosas tradicións.

Publicado no Progreso o 27-5-2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario