III Foro "Lugh Augusti"

domingo, 29 de octubre de 2017

Con ou sen glute, hostias non



Gonzalo Pérez López
 
No confuso magma da pseudoinformación ideolóxica no que estamos atrapados, convén non perder de vista aquilo que non monopoliza portadas en diarios e televisións. Por iso intento seguir con sostido interese os movementos estratéxicos e tácticos do estado quizais máis rico, xerarquizado, antidemocrático, machista, estritamente confesional, excluínte e enigmático do mundo, unha teocracia dentro da ilustrada Europa: o Estado Vaticano. Ten o mellor resultado ao seu favor na relación entre dimensión física e poder de influencia sobre millóns de persoas e, directa ou indirectamente, sobre moitos estados e gobernos. Non só se autoproclama guía espiritual e moral dos millóns de católicos, senón que pretende converter meras crenzas en verdades universais e impoñelas aos demais.
No menos do medio quilómetro cadrado que ocupa, dáse tal concentración de poder, ambición, privilexios, opacidade, ocultismo, tentacións inquisitivas, prácticas camaleónicas e megalómanas postas en escena que, se non fora pola provocación que supoñen, habería materia esgalla para unha ópera bufa. Vaiamos cun exemplo significativo.
O pasado xullo o Vaticano publicou un dos escritos orientadores da conduta dos seus adeptos. Razoablemente, que cabería pensar sobre o seu contido? Decidiría pasar xa do bo dicir coa boca pequena do Papa ("opción preferencial polos pobres") ó bo actuar, sen ambaxes nin retórica? Ofrecería un Vademecum activo para rematar co sufrimento de millóns de persoas, entre as que se contan boa parte dos seus fieis seguidores?, Podería anunciar, conforme co espírito que din representar, o fin da parafernalia, o boato e o luxo da Igrexa oficial, mesmo a disolución do banco propio? Optaría por deixar de mirar para outro lado ante as políticas baseadas na explotación exercida polo capital que incrementan a desigualdade social, condenándoas sen paliativos? Pediría perdón pola súa anuencia coas ditaduras, a de Franco sen ir máis lonxe, actuando decididamente ante a inobservancia dos dereitos humanos en boa parte do mundo? Faríase realidade a renuncia da Igrexa ao seu financiamento polos estados e aos privilexios derivados da intromisión no poder político, como no caso do concordato español? Anunciaría a devolución de locais e espazos públicos dos que se apropiou mediante inmatriculacións sen parangón no dereito moderno? Proclamaría a boa nova do abandono do uso da relixión como instrumento de poder manipulador e alienante?
Claro que como a Igrexa di orientarse ao que excede toda racionalidade, ao transcendente, aínda que as hipóteses baralladas parecen coherentes e necesarias para ofrecer algunha credibilidade, sempre cabe unha saída extemporánea e sen axuste á realidade social. E precisamente polos intrincados camiños da transcendencia divaga a Carta da Congregación para o Culto Divino e a Disciplina dos Sacramentos. Unha aportación desta profundidade ven esixida, en palabras do cardeal Sarah (Prefecto para o Culto Divino), porque "existen agora hostias que se venden nos supermercados, noutros negocios e a través de internet". Afirma categoricamente que está prohibido "o pan elaborado con outras substancias, aínda que sexan cereais".
A magnitude do problema xustifica o calado intelectual da morea de intervencións que suscitou. "As hostias sen glute son materia inválida para a eucaristía", segundo a clarificadora carta vaticana. En canto ás persoas que fixeron a Primeira Comuñón con obleas sen glute terán que repetila, asegura un cóengo e profesor de Eucaristía de Oviedo. Interesante contribución ó enriquecemento do debate é a do presidente da Asociación de Celíacos de España, aclarando que as hostias con menos de vinte partes por millón de glute son válidas para a eucaristía sen risco para a saúde dos seus asociados, o que resulta sumamente tranquilizador cara a salvagardar o recto proceder eucarístico desa crecente poboación de celíacos.
En calquera caso, que non se estenda o pánico. O propio cardeal Sarah abre outra posibilidade, nada desprezable, ó anunciar que "se pode comulgar baixo a soa especie do viño". Se hai algo moi de valorar é o empeño do pope eclesiástico de que o viño sexa "natural, do froito da uva, puro e incorrupto, non mesturado con outras substancias" engadindo que "está totalmente prohibido empregar viño de dubidosa autenticidade e procedencia". Duro golpe, sen dúbida, para hipermercados e similares.
Dado que as hostias, con ou sen glute, soen recibilas os máis desfavorecidos, actualizando o de que Deus escribe recto coas liñas torcidas, quen sabe se a opción desa comuñón báquico-ecolóxica proposta polo Vaticano non pode abrir unha nova vía na doutrina social da Igrexa? Como os designios do Señor son insondables, alerta!

Publicado no Progreso o 9-9-2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario